Contra a (contra)reforma do sector eléctrico (I)

Nos últimos días comezou o debate no Congreso dos Deputados en relación á proposta de reforma do sector eléctrico, impulsada dende o Ministerio de Industria de José Manuel Soria. É interesante saber cales son os elementos centrais desta reforma, en que nos vai afectar como consumidores e cales son as repercusións para o sector.

Debemos saber que no Estado estamos a pagar unha das tarifas máis elevadas da Unión Europea

En primeiro lugar, debemos saber que no Estado estamos a pagar unha das tarifas máis elevadas da Unión Europea. Os datos do Eurostat colócannos no 4º lugar, dobrando os prezos de países da nosa contorna como Francia. Por que pagamos tanto? A tarifa eléctrica calcúlase en base a dous elementos: as tarifas a “prezo de mercado” e as peaxes, taxas impostas polo goberno central.

Vexamos unha pequena trampa sobre o que significa “prezo de mercado” cun pequeno exemplo: os prezos vanse fixando exactamente á inversa que nunha poxa de peixe na lonxa. Os prezos van subindo a medida que se vai mercando electricidade, até que existe un prezo último (o prezo marxinal) no que se supón que a electricidade vendida satisfai o conxunto da demanda. Cal é a trampa? O prezo que se fixará ao consumidor final (é dicir, nós), será o deste prezo marxinal.

Toda a electricidade vendida a un prezo máis barato, teremos que pagala ao prezo máximo que consideraron as eléctricas

É dicir, toda a electricidade vendida a un prezo máis barato, teremos que pagala ao prezo máximo que consideraron as eléctricas. En números: se no mercado eléctrico se puxeron tres unidades de electricidade á venda, por 3€, 5€ e 10€, toda esa electricidade vai chegar ao consumidor final por 10€. Un bo negocio, non credes?

Por outra banda, as peaxes que impón o goberno son máis que discutíbeis. Como exemplo chega con dicir que seguimos pagándolle ás eléctricas a Moratoria Nuclear. Hai solución a isto? Por suposto, retirar poder ás eléctricas, empregar prezos medios en lugar de marxinais, e un longo etcétera que dende logo non está nas axendas do Partido Popular.

Hai outro elemento importante a tratar: a produción territorial. Galiza é un país fortemente exportador de electricidade, especialmente a outras partes do territorio do Estado. Sen embargo, en Madrid ou Murcia págase a mesma tarifa que en Galiza, debido a que a lexislación obriga a un prezo único estatal, por “la igualdad territorial”. É dicir, en Galiza asumimos as externalidades negativas (como por exemplo a contaminación) pero ningún elemento positivo.

Galiza é un país fortemente exportador de electricidade, especialmente a outras partes do territorio do Estado. Sen embargo, en Madrid ou Murcia págase a mesma tarifa que en Galiza, debido a que a lexislación obriga a un prezo único estatal

Unha pequena comparación: por que a unha materia prima como a electricidade non se lle inclúen os custos de transporte (por exemplo, de As Pontes a San Sebastián de los Reyes), pero se unha empresa galega quere mercar a materia prima aluminio no exterior si ten que pagar ese transporte (por exemplo, de San Sebastián de los Reyes ao Polígono da Grela)? Unha distancia idéntica, pero que permite competir á industria madrileña aquí e non á industria galega alí. Este exemplo pódenos servir tamén para a tarifa eléctrica dos fogares (só fai falla cambiar aluminio por laranxas de Valencia).

Faise moi preciso, como criterio de igualdade, aplicar unha tarifa eléctrica galega, que nos recoñeza como territorio exportador cunha tarifa máis barata

Polo tanto, faise moi preciso, como criterio de igualdade, aplicar unha tarifa eléctrica galega, que nos recoñeza como territorio exportador cunha tarifa máis barata. Porque as persoas que somos nacionalistas tamén o somos por unha cuestión económica: se podemos decidir sobre os nosos recursos (neste caso, electricidade) pagaríamos menos do que nos fan pagar dende Madrid.

Os problemas da reforma non rematan aquí, pero para non aburrir (máis) ás persoas lectoras, noutro artigo falaremos do déficit de tarifa e das portas xiratorias entre o PP, o PSOE e as eléctricas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.