Outra maldita novela de autoaxuda

La habitación oscura de Isaac Rosa arrebata, dá insomnio. Encérrate en sombras cegadoras. Porque a lucidez é unha ferida debida á luz do sol. Tivo que pasar un mes desde que me desvelei léndoa para que puidese escribir isto. Coma se saíse dunha regresión, xa non sei se é meu. Aínda me habita a voz colectiva da novela. Un nós sen trazos, que cara á metade toma nomes propios, pero subsumidos na primeira persoa do plural. Nomes de pila que serven de espellos dun acuario reflector no que se vai convertendo o cuarto escuro. Cada páxina que pasas arrinca unha máscara. Nadas entre elas e ao final te reflictes no pesadelo presente. Boqueando.

Lembras como eramos entón? Non, verdade? Queda lonxe. Está escuro

Non teño claro que o parágrafo anterior ou o seguinte sexan meus. Saltaron como chorros do teclado á pantalla. A novela propón un exercicio de memoria do presente. Ofrece a crónica dunha crise cronificada. Instalada. Establecida como norma. Incubamos esta peste nun tempo que queremos esquecer.

Lembras como eramos entón? Non, verdade? Queda lonxe. Está escuro. Demos moitas voltas de pita cega para chegar aquí. Era a escusa para palparnos sen recoñecernos. Para reunirnos a encontróns. Non había tempo de máis. Urxíannos necesidades inesgotables. Nunca nos conformamos cun só corpo. Ningún bastaba nin comprometía o suficiente. Cremos atrapar a galiña dos ovos de ouro. E dabamos voltas, caendo uns sobre outros. Entrando e saíndo noutros corpos. Sen dicir ola nin adeus. Sós á entrada. E á saída.

Caemos mil veces, empregando os outros de colchón. Sen saber a quen esmagabamos. Diciamos que tomabamos impulso

Apenas queda o recordo daquela man que sostivemos e nos sostivo. Ás escuras, sen querer máis. Sen acariñar máis aló da boneca. Non queriamos ataduras. Agora botas de menos aquela man: un nó de carne. Unha esposa de metal convertido en tenrura, que che faría libre.

O seguinte parágrafo tamén debe ser unha remestura, un plaxio e pastiche do librazo que nos regalou Rosa.

Caemos mil veces, empregando os outros de colchón. Sen saber a quen esmagabamos. Diciamos que tomabamos impulso. Aquel doce mareo de dar voltas, virando sobre o único eixo que aceptabamos: un mesmo. Para logo soltarnos como fardos sobre os outros. Descargándonos. Liberando carga. Rubindo. Trepanando. Exhaustos, acabamos de xeonllos ante ao becerro de ouro. Iso era o que en realidade abrazabamos. E agora, por moito que o freguemos, xa non dá luz.

Abres o libro e ofrece un espello tan insoportable como un álbum de fotos familiares

Non crean que a novela vai de flaxelarse con auto-culpas. Oxalá aceptase algunha penitencia como alivio. Non hai exame de conciencia, porque a lista de pecados sería interminable. Nin purga posible para a culpa de semellante despropósito coma o que agora enfrontamos. Abres o libro e ofrece un espello tan insoportable como un álbum de fotos familiares. Arrástrache dentro. E, mergullado, acabas virando nun acuario que xa non magnifica o exterior. Reflícteche. Xa non produce o efecto lupa sobre o que nos esperaba fóra, cando crecésemos e progresásemos. Dás voltas e xiras ao redor dos teus (nosos) retratos prisioneiros. Mundos soñados en paraísos hipotecados. Chegamos todo o máis alto en tempada baixa. Devorámonos en hoteis e camarotes de luxo. Co bono desconto comemos o mundo; en realidade, uns a outros.

Co precariado, empobrecido, parado ou exiliado poden revisar a xenealoxía da súa derrota de clase. Si, clase social

Estas (re)visións - moi superiores no orixinal - serven de fendas para que as clases medias entren no cuarto escuro. Co precariado, empobrecido, parado ou exiliado poden revisar a xenealoxía da súa derrota de clase. Si, clase social. Tamén reciben labazadas os activistas para quen os bancos de peixiños acabarán comendo os escualos da rapina financeira. Esgótanse nas pantallas. Son virtuais, sen máis impacto que o da pantalla. Mans axitadas como muíños en asembleas con consensos inocuos para o poder. Vibracións de aire, atmosferas e climas benignos, de disidencia autocompracente. Faltan mans para desmantelar as arquitecturas do espolio. Non vaia ser, sinala a voz narradora con malos modos, que o fodamos todo e non volvan os bos tempos.

La habitación oscura vén enfaixada como "a novela da túa xeración": o mercado empaqueta o seu significado. A pesar de que Rosa o deixa aberto. A súa verdadeira envoltura é a forma que adopta: a alocución do nós plural e inclusivo. Tachándoa de xeracional tentan acoutar a novela a onegueiros sen currículo profesional, perroflautas hedonistas, adictos do ciberactivismo e demais frenotipos quincemaístas. Os mercados propoñen que fagamos unha lectura persoal de fracasos e desencantos individuais. O tránsito á madurez, a resignación e o cinismo purgarán os excesos de mocidade. Un libro de autoaxuda contra a acne, vamos.

Tachándoa de xeracional tentan acoutar a novela a onegueiros sen currículo profesional, perroflautas hedonistas, adictos do ciberactivismo e demais frenotipos quincemaístas

Pero Isaac Rosa escribiu outro maldito libro de autoaxuda; como antes fixo sobre a carnicería franquista. Otra maldita novela sobre la guerra civil destripaba unha memoria histórica supostamente rebelde, pero mostrábaa embalsamada en convencións. As súas palabras son de novo insubmisas: fan audible o ominoso silencio que gardan a maioría dos novelistas sobre o que nos está pasando e a resposta que podemos dar. Unha resposta que é colectiva ou non o é. A habitación pechada ofrecerache unha paragrafada incontible. Un monólogo interior, propio dun Lobo Antunes ao que lle extirparon o ego. O murmurio colectivo de moitas voces que tornan nós evita a impudicia que leva o exhibicionismo individualista nestes tempos. No cuarto escuro non se ispen as almas, arríncanse as caretas.

Aínda que a novela de Isaac Rosa pareza en ocasións unha parábola de Saramago, non achega consolo. Descoñece o lenitivo do nihilismo edulcorado

Quedan avisados. Aínda que a novela de Isaac Rosa pareza en ocasións unha parábola de Saramago, non achega consolo. Descoñece o lenitivo do nihilismo edulcorado. Non se abandona á autoindulxencia maniquea. Sen digresións e por condensación evita tautoloxías e ensinanzas evidentes. O acuario soborda veleno puro, destilado. Non ofrece medicamento para a alma. Non afoga a dor. Abre o final. Déixanos no limiar, boqueando, armados de lucidez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.