Sanidade: servizo ou negocio?

O equipo presidido por Alberto Núñez Feijóo leva cinco anos á fronte da Xunta, pero nunca ninguén lle fixo tanto dano en tan pouco tempo ao sistema sanitario público galego. Apoiado primeiro en Pilar Farjas e agora en Rocío Mosquera, o presidente Feijóo continúa teimando en desmantelar a sanidade pública, en empeorar o servizo á cidadanía para xustificar despois a privatización.

Argallan unha lei que fixa uns prazos de atención que, no caso de que o sistema público non os poida cumprir, provocará a derivación de doentes para a sanidade privada… pero a cargo do diñeiro público

A Lei de garantías sanitarias vai nesta dirección. Primeiro, recórtase a sanidade pública ata límites nunca antes imaxinados —recortes de persoal, de camas, de quirófanos, etc.— para incrementar as listas de espera. Despois, argallan unha lei que fixa uns prazos de atención que, no caso de que o sistema público non os poida cumprir, provocará a derivación de doentes para a sanidade privada… pero a cargo do diñeiro público.

Veremos o que acontece proximamente coa implantación das unidades de xestión clínica, que non son senón microempresas privadas creadas nos hospitais públicos. Microempresas, ademais, que competirán entre elas para lograren maiores beneficios, o que se acadará en detrimento da calidade asistencial. E cómpre falar tamén da privatización da alta tecnoloxía dos hospitais, que reportará notables beneficios ás construtoras e bancos rescatados co diñeiro público.

Din que non hai cartos para reducir listas de espera, pero hainos para construír un hospital de xestión privada que resulta catro veces máis caro e que terá menos camas e servizos ca se fose totalmente público

Simultaneamente, a Xunta practica unha falsa austeridade: din que non hai cartos para reducir listas de espera, pero hainos para construír un hospital de xestión privada que resulta catro veces máis caro e que terá menos camas e servizos ca se fose totalmente público.

Parece clara a intención de abrir vías de negocio á custa do servizo público, mesmo á custa dos recursos públicos, isto é, á custa dos nosos impostos. Ao tempo, implantan xa non o copagamento, senón o repagamento sanitario. Daquela, ademais do financiamento a través dos impostos, temos que volver pagar a prestación sanitaria pondo do noso peto diñeiro para fármacos, material ortoprotésico, ambulancias... Un gasto que se ceba en quen menos recursos ten.

A saúde non se vende: deféndese! E témola que defender as persoas que cremos nela, que apostamos por unha sanidade pública, universal, de calidade e gratuíta no momento de usala, porque xa a financiamos cos nosos impostos

Por todo isto e máis, os días 9 e 10 de decembro, as traballadoras e traballadores da saúde están convocados a unha folga de 48 horas contra os recortes e a privatización da sanidade; ao tempo, a cidadanía está chamada a manifestarse nas rúas de Galicia na segunda destas datas.

Xa abonda de intromisión dos grupos de presión e das empresas no noso sistema público de saúde. A saúde non se vende: deféndese! E témola que defender as persoas que cremos nela, que apostamos por unha sanidade pública, universal, de calidade e gratuíta no momento de usala, porque xa a financiamos cos nosos impostos. Non queremos un futuro en que o mercado expulse da prestación sanitaria milleiros de doentes só por careceren de recursos económicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.