Garzón: desmemoria e falla de imaxinación da esquerda oficial

O pasado febreiro parece ter rematado un período de dous anos de mobilizacións sociais de apoio a Garzón, como consecuencia do seu procesamento por prevaricación na causa contra os crimes do franquismo. Por iso, neste momento quizais resulta procedente reflexionar sobre cal ten sido o resultado desa mobilización, en termos de impulso da recuperación da memoria histórica e, alén, das loitas emancipadoras. A impresión, paga a pena adiantalo, é moi negativa: seguramente estes obxectivos no requirían ter levado a cabo ese proceso de mobilización.

En efecto, en liña de principio non se intúe que ningún elemento do caso obrigase á mobilización da esquerda –oficial, pero non só-. O procesamento de Garzón é un evento analizábel no marco de relacións de poder do 1%; por que habería de interpelar, xa que logo, ao 99% restante? Polo demais, é evidente que o pulso terminou nunha dupla vitoria: a de quen pretendían que fose condenado, e a do propio penado, que viu relanzada a súa carreira profesional no plano internacional de maneira antes inimaxinable, ata o punto de chegar a ocupar postos para os cales a súa presenza é tan incomprensible como o de membro do Comité Europeo para a Prevención da Tortura.

Por que non marcar claras delimitacións entre os diversos procesamentos de Garzón? Para loitar pola memoria histórica non era necesario oporse aos restantes procesamentos, nos cales unha defensa do imputado desde unha posición de esquerdas era certamente difícil

Polo camiño, a mobilización de apoio a Garzón cometeu diversos erros, algúns grosos, que dificultan poder afirmar que os resultados para os movementos sociais sexan tan favorables. Para pensar sobre esta hipótese, paga a pena confrontar diversos interrogantes.

Por que non marcar claras delimitacións entre os diversos procesamentos de Garzón? Para loitar pola memoria histórica non era necesario oporse aos restantes procesamentos, nos cales unha defensa do imputado desde unha posición de esquerdas era certamente difícil. A resolución dos casos polo Tribunal Supremo non veu senón amosar ese erro. De feito, no camiño chegáronse a soster xustificacións da restrición dos dereitos de defensa dos imputados na trama Gürtel, algo que constitúe unha aberración desde calquera plantexamento democrático, xa non digamos de esquerdas. A interrelación dos casos podería ter o interese de abrir un debate técnico sobre os límites da prevaricación xudicial, ou un político sobre as responsabilidades dos xuíces, pero fora diso había moi pouco que gañar non marcando un claro distanciamento do proceso que finalmente levou á inhabilitación.

Durante os dous anos de mobilización, o debate sobre a memoria tendeu a verse eclipsado polo apoio a Garzón. Sendo así, cabería preguntarse se esta estratexia de recorrer á vía xudicial ten sido acertada

Por que centrar a loita pola memoria histórica no eido xudicial? Durante os dous anos de mobilización, o debate sobre a memoria tendeu a verse eclipsado polo apoio a Garzón. Sendo así, cabería preguntarse se esta estratexia de recorrer á vía xudicial ten sido acertada. É probable que se teñan acadado mellores resultados nos anos en que o traballo de recuperación da memoria, impulsado fundamentalmente pola ARMH, se realizou á marxe de vías de institucionalización. A activación da instancia penal, tal vez como una copia mimética de casos non plenamente homologábeis –v.gr., o arxentino- non parece que teña aportado nada substancial; todo o contrario: xerou o deslizamento cara á defensa personalista. Se queda moito camiño por recorrer na recuperación da memoria, é probable que deba ser transitado desde, pero sobre todo alén, desas vías de institucionalización.

Se ambos interrogantes poden servir para entender por que os resultados deste proceso de mobilización teñen sido tan magros, unha dúbida adicional suxire directamente un cadro de derrota; tal vez sexa esta unha afirmación especialmente pesimista, pero é mellor incorrer nese exceso que non percibir que o futuro debe ser de replantexamento dos graves erros cometidos.

Ese interrogante básico é: realmente era conveniente apoiar a Garzón para loitar pola memoria histórica? O prezo, de partida, era moi elevado. Só quen queira cultivar a desmemoria pode esquecer que Garzón é o principal protagonista da nova etapa de excepcionalismo na xestión do conflito vasco, aberta tras a chegada ao poder estatal do PP en 1996. A súa centralidade na elaboración da denominada teoría da contorna de ETA, e as súas instrucións en casos infaustos, como AEK, Egin, Xaki, Ekin, Egunkaria ou Batasuna son a mellor evidencia. Para aqueles menos sensíbeis cos dereitos humanos, ou máis refractarios á problemática vasca, a singular conexión teleolóxica entre Garzón e o novo goberno conservador plasmouse en instrucións como a do BBVA por branqueo, ou a do detido en Guantánamo de nacionalidade española.

Sacrificar esa desmemoria e desatender o risco de apoiar a unha persoa cun currículum moi cuestionábel para defender a memoria histórica era unha aposta perigosa. E saíu mal. A razón fundamental da derrota consiste en que obrigou a contestar con claridade unha pregunta que, no peor dos casos, debía terse obviado, porque a resposta só ía beneficiar aos sectores conservadores.

O apoio a Garzón conduciu a responder de xeito equivocado aquela pregunta, na medida en que supuxo a defensa dun dos principais protagonistas do excepcionalismo postfranquista

A pregunta que non debía terse respondido é: até cando chega a memoria histórica? É sumamente arriscado confrontar esa cuestión, porque a resposta máis obvia, aquela que fai referencia á ditadura, ás primeiras eleccións, etc., carrexa a pesada consecuencia do exterior constitutivo: o que pasou despois dese momento non é excepcionalismo, nin expresión das crónicas pulsións autoritarias da sociedade española. O apoio a Garzón conduciu a responder de xeito equivocado aquela pregunta, na medida en que supuxo a defensa dun dos principais protagonistas do excepcionalismo postfranquista.

Se o risco era evidente, a única explicación de que se teña desatendido é a grave carencia da capacidade de construír imaxinarios emancipadores de boa parte da esquerda institucionalizada, e das súas redes afíns. É dubidoso que poda desconectarse a manifesta ineptitude do mundo de PCE-IU (entre outras organizacións) para conformar narrativas de liberación á altura dos tempos coa súa ancoraxe en feitos –polo demais, gravísimos- que aconteceron hai 70 anos.

Non creo que ninguén pense que a memoria histórica ten que ser arqueoloxía, senón -en todo caso- xenealoxía: historia do presente. Sendo así, quizais a principal lección que caiba derivar destes erros estratéxicos é que resulta urxente relanzar a pelexa pola memoria histórica. Aínda que só sexa porque canto antes se faga, antes poderemos comezar a traballar a memoria dos excesos do poder posteriores ao 20/XI/1975, algo seguramente moito máis urxente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.