A epidemia silenciosa

Existe na nosa sociedade unha epidemia silenciosa que está a producir nefastos efectos en milleiros de persoas, cunha incidencia especial en España. Esta pandemia, esta verdadeira alerta sanitaria ten moito que ver coa “crise” e especialmente con un dos seus efectos máis perniciosos: o desemprego. A través dos medios de comunicación coñecemos os danos que para a supervivencia das familias e individuos produce a perda do emprego (desafiuzamentos, fame, pobreza enerxética, etc).  Pero son moito menos coñecidos os danos emocionais e na saúde física que a situación de inestabilidade, crise ou paro pode producir sobre as persoas.

En certos ámbitos médicos comezan a falar xa do “síndrome de desemprego”, caracterizado por doenzas como depresión, ansiedade, perda da esperanza, resignación, así como a diminución da autoestima

Neste mesmo xornal saía publicada unhas semanas atrás a noticia sobre o informe do INE (Instituto Nacional de Estatística) que falaba do aumento dos suicidios en España dende o comezo da crise. No mesmo sentido, recentemente, co gallo do sétimo Congreso Nacional de Ansiedade celebrado en Barcelona o pasado día 13 de febreiro, coñecíamos que os trastornos por ansiedade e as urxencias psiquiátricas disparáronse  en España coa crise.

Son o desemprego e a inestabilidade laboral as maiores fontes  deste tipo de enfermidades. De feito, en certos ámbitos médicos comezan a falar xa do “síndrome de desemprego”, caracterizado por doenzas como depresión, ansiedade, perda da esperanza, resignación, así como a diminución da autoestima. Tamén  hai que ter en conta a aparición de enfermidades psicosomáticas e físicas.

A propia OMS (Organización Mundial da Saúde) confirmou no pasado ano, da man de Michael Marmoto, que os desempregados a longo prazo sofren “máis problemas físicos de saúde” ata o punto de que os parados teñen una taxa de mortalidade un 20% máis alta que as persoas empregadas. Neste sentido os suicidios soamente serían “a punta do iceberg” que aumenta de xeito proporcional ao desemprego.  Un colectivo especialmente afectado (polas súas altas taxas de desemprego) é a xente máis nova.

Os suicidios soamente serían “a punta do iceberg” que aumenta de xeito proporcional ao desemprego

Fabian Lambeck no seu estudo realizado en Alemaña Desemprego e riscos para a saúde (2010) afirmaba que os desempregados en comparación cos traballadores son os que solicitan un terzo dos psicofármacos. No caso das mulleres desempregadas é maioritaria a prescrición de fortes antidepresivos. Lambeck sinala que “o desgaste psíquico que poida supoñer quedar no paro ou estar en situación de incerteza laboral sen protección social e con cargas familiares non só está relacionado con enfermidades psicosomáticas senón con toda unha serie de padecementos, con frecuencias difíciles de definir, raramente recoñecidos e estudados que van dende a fatiga ao insomnio, pasando por dores musculares, malestares, ansiedade e insatisfacción”.

Coinciden as conclusións de Lambeck co estudo tamén realizado en Alemaña pola Confederación Sindical  Alemana (DGB) no 2010 que afirma que os parados presentan un maior risco de contraer enfermidades que os que teñen un traballo. Os autores do estudo rexistran preto de un millón de “casos de incapacidade laboral entre os desempregados”, concentrándose a maior cifra de enfermos entre os 55 e 59 anos (desempregados de longa duración), nos que a taxa de enfermidade estaba nun 15% mentres que entre as persoas traballadores nesa idade estaban nun 7%.

O Instituto para a Investigación do Mercado de Traballo e Busca de Emprego alemán (IAB) recoñece que o 35% dos receptores de axuda ao desemprego manifesta un retroceso evidente no seu estado de saúde. Este mesmo estudo afirma que  os desempregados teñen unha menor esperanza de vida, algo que se ve reforzado polos datos demográficos das rexións de Alemaña máis afectadas pola desindustrialización, como é o caso de Mecklemburgo ou Saxonia-Anhalt.

Unha persoa desempregada presenta unha taxa de prevalencia de padecer calquera trastorno mental que supón o dobre dunha persoa que ten traballos remunerados ou dun estudante

Xa en España, segundo datos do Sistema Nacional de Saúde, unha persoa desempregada presenta unha taxa de prevalencia de padecer calquera trastorno mental que supón o dobre dunha persoa que ten traballos remunerados ou dun estudante. Pero este tipo de afeccións tamén está referido ao colectivo con incerteza sobre o seu futuro laboral, en traballos precarios, informais ou ante situacións de reestruturación da empresa.

Pero non soamente falamos dunha peor situación da saúde física e psíquica polos efectos que a perda do traballo pode ter nos aspectos psico-sociais, senón que tamén nos referimos a que a diminución de medios económicos mediatiza en certa medida o acceso a bens saudables. É dicir, o desemprego impide o acceso aos beneficios do traballo remunerado e deteriora a saúde a través dos ingresos económicos e a conseguinte dificultade de acceder a bens sanitarios. Por outro lado, afecta á saúde pola redución ou perda doutros beneficios do traballo remunerado como o status social, as relación sociais e a autoestima. Canto máis dure o desemprego e menores sexan as perspectivas dunha reincorporación á vida laboral, máis empeorará a situación dos afectados e das súas familias.

Canto máis dure o desemprego e menores sexan as perspectivas dunha reincorporación á vida laboral, máis empeorará a situación dos afectados e das súas familias

Por outra banda, esa diminución da saúde física tamén pode verse agravada polo hábitos de consumo. Diversos expertos sinalan que ademais de que a situación de desemprego pode triplicar a proporción das psicoses e fobias, así como duplicar a ansiedade e a depresión, tamén pode interferir noutros aspectos vitais e incitar ao consumo de sustancias aditivas, debido ao desgaste psíquico e como método de escape. Un estudo realizado polo Comité Científico Independente (ISCD) do Reino Unido recoñece que naqueles lugares especialmente afectados polo desemprego aumenta o consumo do alcohol e do tabaco, non así doutro tipo de sustancias aditivas (LSD, fungos, etc). O aumento no consumo do alcohol e tabaco pode producir importantes impactos na saúde da persoa, á marxe doutros aspectos.

Se intentamos entender a relación entre a saúde mental ou física coa ausencia ou non do traballo é necesario observar como construímos a identidade na nosa sociedade e como a ausencia do emprego pode  producir un conflito identitario

Se intentamos entender a relación entre a saúde mental ou física coa ausencia ou non do traballo é necesario observar como construímos a identidade na nosa sociedade e como a ausencia do emprego pode  producir un conflito identitario. O traballo non soamente constitúe un modo de conseguir recursos para o sustento, senón que tamén é o elemento fundamental de autorrealización, construción da identidade e de vertebración social.  Somos identificados polo grupo social en función da nosa “produtividade” e organizamos o noso tempo social en función do traballo. O desempregado queda marxinado do grupo social de referencia, así como da vida social, pola falla ou diminución do fluxo monetario.

O traballo constitúe unha barreira ou “rito de paso”; unha porta de entrada á idade adulta e autónoma do individuo. A incapacidade de moitos mozos para traspasar ese albor descoloca o individuo do seu lugar conforme á idade

Así mesmo, institucionalizamos as etapas vitais en función do emprego. Ao mesmo tempo, o traballo constitúe unha barreira ou “rito de paso”; unha porta de entrada á idade adulta e autónoma do individuo. A incapacidade de moitos mozos para traspasar ese albor descoloca o individuo do seu lugar conforme á idade. O mesmo pasa coa situación das persoas adultas, situación que é agravada cando o desemprego é de longa duración. A ausencia de emprego tamén constitúe un conflito de identidade dentro da familia, cando o traballador ou traballadora mantén á unidade familiar. A incapacidade persoal para acadar e manter o benestar da familia leva consigo sentimentos de culpabilidade no individuo.

Como vemos, o problema do desemprego, da crise ou da inestabilidade laboral produce unha intensa fractura social e vital na existencia dos individuos, e polo tanto das súas familias.  Unha sociedade na que gran parte dos seus cidadáns están afectados por esta epidemia é unha sociedade enferma, caracterizada por unha grave e intensa depresión social.

“O traballo dignifica o home” (Karl Marx)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.