Os tres erros

A estas alturas, resulta obvio constatar que o galeguismo político vive momentos (re)constituíntes. Hai unha forza, o BNG, en transo de perder o carácter de práctica referencia exclusiva; e certo magma diverso con notoria tendencia a aglutinación cando menos electoral. Consciente de que entidade orgánica e rutina o favorecen, convoca aquel a urxencia de bater a dereita gobernante, demandando implicitamente que se manteña a concentración de apoio arredor de si; ben saben que parte do sufraxio concitado responde a mal menor, descarte de opcións peores e algunha outra forma de cálculo ou catividade. Pola súa banda, os elementos do magma vanse presentando. E no proceso, hai cadros suxestivos.

Nos días anteriores, a organización frontista viñera dando mostras de intelixencia subseguinte á reunión de Amio

Este asinante, que é lugués, contemplou un dos tales a semana pasada. Aparecía o portavoz local de Máis Galiza para anunciar que unhas decenas abandonaran o BNG e comezaba a nova empresa; foi titular certa expresión ben mellorable como resumo e aínda máis se se quería lapidaria. Nos días anteriores, a organización frontista viñera dando mostras de intelixencia subseguinte á reunión de Amio: propósito de iniciar acción social e presenza activa nos barrios, revitalización das súas comisións de traballo interno con apertura á base e círculos non afiliados; trala comparecencia dos escindidos, o responsable comarcal obxectou certos aspectos con forma crible e moderada. Non ían mal.

Pero o efecto rebentou ao día seguinte. Ignoro se de motu propio ou incitado, a corrente figura referencial do BNG en Lugo xurdiu con forma ben menos ponderada; segundo o que recolle a prensa, encontro a súa intervención triplemente inadecuada. Enumeremos.

Primeiro erro, o mesmo feito de intervir. Mantén atención informativa sobre unha instancia nova, e aínda dispersa, que o que quere é propaganda; el, representante da sigla coñecida na provincia onde a escisión produciu menos estrago. Esa afirmación de que “non están preocupados” ben pode quedar en interdito.

O lector lugués ben se pode abraiar considerando a face de Xosé Anxo Laxe vinculada politicamente á de Jaime Castiñeira; o galego común alucinará psicodelicamente relacionando a Beiras cos sucesores de Fraga

Segundo, acusar de intolerante a quen se dá de baixa alegando diverxencia ou incomodidade política. Se o argumento é que debían seguir dentro aínda mal a gusto, -e cal  poderá ser, se non?-, a antes dubidosa teoría do secuestro pilla agora traza de verosimilitude. Titular e tese allea, talvez avalados.

Terceiro, realmente insólito: malia esa cláusula rebaixante –“espero que non”- con tufo a retórica, á vista queda a hipótese de que o PP artellase ou inspirase a operación enteira. O lector lugués ben se pode abraiar considerando a face de Xosé Anxo Laxe vinculada politicamente á de Jaime Castiñeira; o galego común alucinará psicodelicamente relacionando a Beiras cos sucesores de Fraga; e quen practique análise política, igual evoca a paranoia como tradición interpretativa en relación co BNG.

Non alcanzo o motivo de que Antón Bao dixese iso que dixo, se a prensa recolleu ben. Discútolle o bo resultado -como discurso, e para a súa imaxe- nunha cidade onde a aínda instancia máis relevante do nacionalismo perdeu en poucos meses, por cadanseu motivo, os que foran maiores activos no social e electoral. E aínda que para un o Bloque non sexa o que era hai un ano, tampouco non lle quere mal. Síntomas?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.