Por que España é mala de arranxare?

Será que en España non hai amaño posible? Depende. Por unha banda, está claro que si. Persoalmente, eu digo que o problema territorial non é insoluble (por non dicir relativamente fácil), ergo, non podo agora soster que non hai solución. Haina, pero, como sempre, cun esforzo e un bo prezo. Están Os que Mandan dispostos a pagalo? Iso é outra cuestión. É como o sistema electoral: pódese arranxar? Dende logo, e doadamente. Queren os implicados arranxalo? Dubídoo.

Suxerimos dúas solucións: primeira, o federalismo, pero non arxentino, nin mesmo alemán, senón americano, ou aínda máis radical

Suxerimos dúas solucións: primeira, o federalismo, pero non arxentino, nin mesmo alemán, senón americano, ou aínda máis radical. Obama ten grandes poderes en defensa e relacións exteriores, pero no interior, un gobernador estatal ou o presidente dunha grande universidade fálanlle case en pé de igualdade. En moitos campos —dereito civil, tributos, ou mesmo armas e pena de morte— os estados fan o que queren; incluso lindando xa no pintoresco, pois o carné de conducir de Nova York non serve na Florida, e Delaware fainos pensar nun semiparaíso fiscal. A Constitución federal non é o cumio de pirámide senón teito ou límite.

Segunda suxestión, con ou sen federalismo formal: unha masiva descentralización (ou sexa, o contrario aos plans actuais). Noutras palabras, España sería unha, non habería autodeterminación, tal vez nin federalismo formal, pero Madrid reduciríase a un Washington, Bonn, Brasilia, ou cando menos, Roma ou Berlín; sen aeroporto central (como Estados Unidos ou Alemaña ), sen comunicacións radiais (idem), sen desequilibrios poboacionais abraiantes (ambas as dúas Castelas, Estremadura e Aragón, máis grandes que Inglaterra, xuntan menos poboación que Madrid), co Tribunal Supremo en Teruel (por dicir), o Constitucional, como na Alemaña, noutra remota cidade; o executivo en Madrid, pero o lexislativo en Huesca, Mondoñedo ou Cáceres (total, para o que fai...), e a Coroa cun pazo (modesto) e un título diferente en cada antigo reino; todo elo sen cultura andaluza imposta a todos (eu xa pregunto se é que algunha vez ten existido un folclore cántabro, leonés ou manchego); sen touros nin La Roja impostos a todos; unha España en rede —que o PSOE nunca intentou nin intentará— e reconstruída from bottom to top. A capital aeronáutica norteamericana é Seattle; a do cine, Hollywood, a turística, Miami, a universitaria, Harvard - Yale, de xeito tal que os Estados Unidos non teñen centro. Oxford, Heidelberg e Stanford tampouco están nas súas capitais. Na Italia, ridiculizada por estes españois actuais tan pronto arrogantes como depresivos, a xente non ten que ir a Roma para todo, como se ve nas conversas comúns. Os centros de decisión e recursos industriais, financeiros e de coñecemento deberían dispersarse, por poñer, dende Lugo a Lanzarote (ou sexa, unha discriminación positiva no territorial), excluíndo de tales beneficios a Madrid para os próximos 500 (ou, digamos, 50) anos.

Unha España en rede e reconstruída from bottom to top

Noutras verbas: como non se pode eliminar Madrid (principal problema para a unidade de España, o amigo Manuel García Morán dixit) aplicaríaselle unha masiva redución e desapoderamento, discriminando, en cambio, a favor do resto dos territorios, ante todo os máis desfavorecidos e remotos. Se España intentara iso, aínda sen autodeterminacións territoriais , aínda sen federalismo, a historia interminable do problema territorial entraría en vías de terminación.

Agora ben, vai aceptar iso Madrid, se vive de ser o centro? Como o vai esta España de hoxe a aprobar tal plan, se está reducíndose a Madrid-Andalucía-Valencia e pouco máis, sendo o resto dos territorios ou inimigos ou sobrantes? Cales son as posibilidades de que Madrid e os dous maiores partidos acepten algunhas destas solucións, ambas as dúas fatais para eles? Unha tremenda maquinaria política, económica e cultural xustificada por ser o centro, daría paso a unha sociedade a-céntrica ou policéntrica? Madrid está cheo de persoas sensibles e abertas (máis que outras cidades, en realidade), pero, son tamén abertas nestas cuestións? O aznarismo partiu de que —no interior— a unidade de España pasaría por un Gran Madrid que centralizaría todo agás as institucións formais autonómicas, ou sexa, comunicacións, recursos, empresas e coñecemento; e de que —no exterior— a súa ganancia de peso pasaría por facer dala unha Londres ou París, un major hub, que sería tamén capital excéntrica de América Latina. Pola contra, Alemaña, dende 1945 ata a reunificación foi, literalmente, unha sociedade sen centro; sen tensións periféricas, e asemade cohesionada territorialmente, pero sen centro.

Ambas propostas (federalismo americano con todas as consecuencias ou masiva, radical e universal descentralización) implicarían para o actual centro unha gran perda de poder e riqueza

Cales son, de aquela, as posibilidades dun acordo nese sentido? Ambas propostas (federalismo americano con todas as consecuencias ou masiva, radical e universal descentralización) implicarían para o actual centro unha gran perda de poder e riqueza, así como de capacidade de control no interior, que xa nunca máis compensará no exterior pois nese terreo este Protectorado Alemán que Tolea por Falar Inglés semella ter descuberto a ledicia da submisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.