0 Gardados para despois

Manolo Camaño

Despois do 22M a loita continúa

A Dignidade da clase traballadora e dos pobos das nacións sen estado, foi a protagonista indiscutíbel do pasado sábado 22 de marzo en Madrid cunha mobilización de proporcións tan descomunais que non entraban nin nos mellores cálculos daquelas persoas máis optimistas e xenerosas facendo predicións para este tipo de eventos. Sen dúbida, este movemento xigantesco está chamado a ser a referencia imprescindíbel na gran xeira que se abre para derrubar este réxime emanado da Reforma Política Franquista. Cómpre seguir mobilizando a xente e activar tamén a aquelas persoas que aínda non sentiron a chamada da rebelión, malia estaren a padecer unha situación de inxustiza social calamitosa.

Este movemento xigantesco está chamado a ser a referencia imprescindíbel na gran xeira que se abre para derrubar este réxime

Obviamente, este obxectivo ímolo conseguir se insistimos tomando a rúa e persuadindo camaradas en tódolos centros de traballo, barrios, aldeas... O noso traballo é agora seguir aglutinando forzas na perspectiva da unidade obreira e popular que xa é, como nos están a ensinar os episodios e a praxe máis recente, popularmente irrevogábel dende o punto de vista táctico. A acción unitaria é a estratexia coa que mellor responde e se identifica o pobo e é lóxico que así sexa nunha conxuntura global de crecemento do poder financeiro e de desmantelamento programado das estruturas elementais que aínda tiñamos para o noso benestar. Seguiremos, por tanto, atendendo esa demanda.

O anormal sería virarlles as costas aos movementos sociais e desmobilizar a xente con plataformas fantasma de sindicalismo amarelo e de incidencia testemuñal que xogan ó despiste para tratar de capar a marcha cara diante do movemento obreiro e popular. O irreal tamén é fomentar a inoperatividade política, o sectarismo cego, o distanciamento coa sociedade e o discurso baleiro propio das campañas electorais clásicas da socialdemocracia, así como todo ese cúmulo de acusacións delirantes deitadas en internet cara ás entidades que realmente perseguen o cambio social. Referímonos a todo este veleno reaccionario que se verte en forma de comentarios “inocentes” nos medios dixitais e nas redes sociais desde posicións de pseudo-esquerda e pseudo-nacionalismo. Esperade simplemente a ler abaixo o tipo de comentarios que vai recibir este artigo. Como se non abondase co potente armazón mediático ó servizo do sistema...

O irreal tamén é fomentar a inoperatividade política, o sectarismo cego, o distanciamento coa sociedade e o discurso baleiro propio das campañas electorais clásicas da socialdemocracia

Desde logo agora é comprensíbel que determinados suxeitos se encabuxen se o que agardaban era un fracaso das Marchas da Dignidade. Normal. Ocupan así o tempo, molestándose se miran perigar o seu statu quo cando xorden novas alternativas de resistencia. Critican continuamente, as máis das veces cun conxunto de argumentos ben pobres, de xeito fanático, fantasioso e pouco críbel. Botan nesas todo o día póndolle chatas á obra, como dicía Castelao, nun exercicio de autocompracencia. E despois, se teñen a posibilidade de funcionar, comprobas que reproducen a política de sempre, disfracen como se disfracen. Están contra o sistema, esta xentiña a quen serve realmente? Supoño que xa van entendendo que o teñen complicado.

Tampouco lograremos o triunfo das clases populares, hai que deixalo absolutamente claro, se as organizacións anticapitalistas basean o seu papel enchendo a boca co outro concepto dos movementos sociais tamén protagonista do 22-M, facendo malabarismo verbal e intentando parasitalos no canto de os osixenar.

As Marchas xa son un fito transcendental no devir da clase obreira, de Galicia e dos pobos do Estado

As Marchas xa son un fito transcendental no devir da clase obreira, de Galicia e dos pobos do Estado. Estamos nun momento histórico cunha loita que se abre e que non ten movemento de retorno. Esta inflexión é evidente a pesar do apagamento informativo preventivo decretado polo réxime, incluída a esperpéntica crónica ad hoc da manifestación de Madrid, co grupo Prisa á cabeza, reproducindo o relato da Sra. Cifuentes. O comezo atronador das Marchas non se pode rebater malia o boicot activo e planificado dende os grupos sectarios que tamén se reflicte na esquerda teórica amparada no soño de ser gardián do Santo Grial do galeguismo. A confluencia da unidade obreira e popular na capital de España foi un avance de calidade que vai máis alá do elemento cuantitativo, tamén perfectamente constatábel, por certo.

O comezo atronador das Marchas non se pode rebater malia o boicot activo e planificado dende os grupos sectarios que tamén se reflicte na esquerda teórica amparada no soño de ser gardián do Santo Grial do galeguismo

Ademais, a participación da nosa nación cunha abondosa Columna Nacional Galega, recibida pola veciñanza popular da metrópole con honras e coa calor solidaria do resto dos pobos que participaron na Marcha, non debería deixar impasíbel a ninguén. As Marchas pola Dignidade acollen a realidade plurinacional do Estado, e amplos sectores populares españois asumen o dereito das nacións a decidir, algo que os custodios da esencia, cegos de delirio do dogma, son incapaces de ver.

Verificamos dúas evidencias que axudan a entender o que acabamos de afirmar, diríamos que estas ata son pedagóxicas. A primeira é o tratamento goebbeliano dos medios do réxime, non só no seu papel como instrumentos de propaganda do mesmo, senón como verdadeiro factor imprescindíbel do réxime á hora de fabricar unha foto fixa da violencia en Madrid, obviando e mentindo, de paso, sobre o carácter multitudinario da mobilización. A segunda é o nerviosismo patético do esencialismo galeguista que impregna o segmento baleiro de contido arredor dese novo soberanismo. É obvio, cando hai tan só dous anos consideraban consolidada a autonomía galega, ou cando condenaban o fenómeno “terrorista”, cumprindo a partitura do réxime. Despois de arredor de 25 anos instalados no autonomismo, poñen nestes momentos o disfrace e botan o fel e a escuma pezoñenta nos foros de debate desde un suposto purismo. A súa talla política e intelectual cualifica estas persoas por si mesma. Sintomaticamente, a súa preocupación obsesiva, igual que El País e La Razón, é pór en solfa o número de manifestantes ou pórse a contar as bandeiras españolas republicanas que había en toda a manifestación do 22M.

A irreflexión daquelas persoas que primeiro intentaron sabotear as Marchas a través do invento morto da Alianza Social Galega, versión de provincias do Cumio Social, tamén vai adobada con altas doses de ignorancia. Aí parece que xa non hai españolismo, nin tampouco colaboracionismo cos sindicatos da patronal. Polos termos nos que se expresan, é evidente que o seu sobrado discurso carece da máis mínima información ó respecto de como se conforman as Marchas da Dignidade que, afortunadamente, é moito máis interesante do que suxire a súa ruín dedución, a súa mediocre coartada: IU, españois, centralismo, etc. Os ideólogos desta ensalada de despropósitos, debéranse ver no espello da coherencia, parlamentaron en Madrid moitos anos e non tiveron tanto reparo para pactar e gobernar co PSOE en múltiples institucións, ata na Xunta e mesmo cedéndolles o departamento de Política Lingüística. Por non falar,aínda hai nada, das loanzas na prensa á vida e obra do neofranquista Adolfo Suárez. E agora teñen o papo de falar do papel da esquerda vasca e catalá na manifestación de Madrid de maneira fraudulenta pero, sobre todo, ignorante. Non queren darse conta de que o sindicalismo arbertzale ten un papel fundamental nas Marchas da Dignidade. Ou será exercicio de cinismo?

Os ideólogos desta ensalada de despropósitos, debéranse ver no espello da coherencia

Recordémoslles, xa que logo, como se inician e como se deseñan as Marchas. Interésanos facelo porque esta loita anticapitalista vai continuar e quizais haxa máis persoas e máis colectivos que teñan intención de se sumar á maré humana pola Dignidade. Primeiro houbo un acordo do sindicalismo alternativo a proposta do SAT, sindicato de clase ben breado na loita constante nese sur quente perante cotas de paro que se achegan ó 40% e onde se pretende recuperar a terra para quen a traballa. A CUT que, diante dunha situación de carestía global e do drama da emigración xuvenil galega, desenvolve comarcalmente e, así que pode, a nivel de país, a mobilización permanente dentro e fóra dos centros de traballodesde hai ben tempo, di rotundamente si no mes de setembro pasado a ese ambicioso proxecto unitario de mobilización para, paralelamente coa loita nacional, golpear eficazmente no corazón do réxime borbónico.  Algún día, e cando haxa tempo escribiremos os pormenores, que non son segredos nin  feitos clandestinos, de como se foron tecendo os fíos desta nobre xesta. Por certo, desde o primeiro momento que se confeccionaron as Marchas, quedounos claro a todo o mundo que había un punto moi nítido no noso decálogo  que recolle sen medias tintas o dereito a decidir dos pobos do Estado. Falamos claramente do dereito á autodeterminación e á independencia nacional. Claro que na CUT asumimos o pecado.

Desde o primeiro momento que se confeccionaron as Marchas, quedounos claro a todo o mundo que había un punto moi nítido no noso decálogo  que recolle sen medias tintas o dereito a decidir dos pobos do Estado

A seguir faise un chamamento e incorpóranse os movementos sociais. Pensemos neste punto nos desafiuzamentos que se levan a cabo a diario en todo o Estado e comprenderemos rapidamente por que a adhesión deste tipo de colectivos ás Marchas foi practicamente automática. Tamén a mocidade, o colectivo de xente estafada pola banca, o movemento cultural, o estudantado, o movemento feminista clasista (non o de Pedro Zerolo, claro), etc. Seguidamente dáselle paso ás organizacións políticas anticapitalistas que queiran tomar parte. En Galicia temos algúns exemplos pero, de detérmonos nos partidos que ocupan o arco parlamentario, comprobaremos que as formacións que se suman ás Marchas están recollidas nun sector determinado e reducido en comparación cos que non apoian. Tamén se suman outras organizacións minoritarias e non parlamentarias.

Que ocorre, non hai máis formacións anticapitalistas no Hórreo? Formarán parte do sistema, logo. A iso nos referimos cando dicimos que a clase política está, as máis das veces, desligada da sociedade e que non ten os pés na terra. E das seitas endogámicas da suposta esquerda minoritaria xa é mellor nin falar.

A clase política está, as máis das veces, desligada da sociedade e que non ten os pés na terra

Eses foron os pasos e os acordos para as incorporacións. Por seu lado, as premisas das Marchas pola Dignidade recollen dunha maneira clara e sintética as graves problemáticas da sociedade na seguinte fórmula que dotou dun lema emblemático ó movemento: Pan, Traballo e Teito. De xeito paralelo, aténdense as demandas do non ó pago da débeda, o dereito das nacións a decidir sobre o seu futuro e todo o relativo ó proceso constituinte. Calquera persoa galega minimamente intelixente e sen mala intención saberá de sobra do que falamos e, se está polo labor da liberación social e polo dereito á libre determinación, sumarase sen problemas. Mais se, pola contra, se move só por intereses particulares ou parceiros, non o fará e dedicarase á nobre e innovadora arte do rexoube virtual ou a espallar a crítica telemática gratuíta alá por onde pise co teclado ou así que lle dean un micrófono e o enfoquen cunha cámara nun programa de televisión.

A nosa proposta é que se sumen, se queren, porque xa abonda de fabricar guettos do referencialismo esencialista inoperantes predicando con ese soberanismo na retórica

Con todo, abrímoslles a porta. A nosa proposta é que se sumen, se queren, porque xa abonda de fabricar guettos do referencialismo esencialista inoperantes predicando con ese soberanismo na retórica. Postos a cantar claro que deixen de empregar terminoloxía insulsa, difusa e de falar dun suxeito abstracto chamado “Galicia” que non se sabe ben o que é. Se queren entrar nese xogo que nos falen da República Socialista Galega como se veu defendendo sempre de maneira ininterrompida. Que falen e que prediquen co exemplo do pobo en movemento e das clases populares no goberno dunha Galicia independente e soberana articulando un escenario encamiñado á implantación do comunismo en Europa e máis no mundo. Pra levar a cabo o boicot ás estratexias frontepopulistas ou de unidade popular, como son as Marchas, cómpre ter máis man e deberían sabelo. Non só hai que ser puristas senón parecelo.

E insistimos en que nas Marchas ten cabida todo o mundo pois a unión dos sectores populares, a acumulación de forzas cunha vontade abertamente inclusiva e plural son as únicas angueiras que nos moven. Non hai outra fórmula se queremos derrocar este sistema e acadar a igualdade social. No canto de esbardallaren tanto deberan dar conta nas redes sociais de que máis de 4000 persoas galegas estiveron en Madrid, a non ser que os hooligans do chat demostren o contrario. Moitas outras persoas, dun xeito xeneroso e altruísta, participaron desde o noso país con achegas económicas e de tipo loxístico. Aínda estamos a tempo de facer que medre máis o músculo da rebeldía en Galicia e desta volta non haberá reproches nin teremos en conta sequera os piropos. Todo o mundo, amais da xente que estamos, será benvido porque a loita contra o sistema é común. Simplemente cada quen ten que decidir en qué lado da barricada se quere situar: cos politicastros e a burguesía española ou co proletariado, o pobo que sofre e as nacións sen Estado.

Aínda estamos a tempo de facer que medre máis o músculo da rebeldía en Galicia e desta volta non haberá reproches nin teremos en conta sequera os piropos

É evidente que o óptimo resultado das Marchas foi froito da sinerxia que emerxeu da unidade. As persoas que somos independentistas, que cremos na nación e na loita de clases, seguiremos a ser internacionalistas. O sistema que teña claro que a militancia e as persoas que practicamos un sindicalismo nacional e de clase, continuaremos a traballar pola emancipación de Galicia e pola abolición das diferenzas sociais, algo que non se contradí, senón que se enriquece nesta pugna contra o réxime español, ó conxuntar esforzos coa clase traballadora das outras nacións do Estado, ou coas formacións que defenden outra perspectiva de país. E diremos o que non somos. Nós non somos acomplexados por pasar do Bierzo nin “dependentistas”. Queremos a independencia nacional e queremos acabar co capitalismo. A cuestión é saber qué é o queren outros sectores denominados de esquerda  nacional, ou de nacionalismo de esquerda (como se prefira, xa dixemos que os complexos son pra outros) cando se constatan determinadas actitudes pragmáticas máis propias da reacción que do progreso e do avance no plano social.

Neste momento de emerxencia histórica, ou gañamos indo a polo poder burgués ou vai ser o propio capitalismo quen nos devore vindo a por nós. Ademais, o ciclo histórico vaise desenvolver neses parámetros dunha maneira irremediabelmente finalista. Non se contempla unha posibilidade intermedia porque xa non existe a alternativa social-demócrata. O artefacto da sociedade do benestar está a esvaecer e xa ficou sobradamente demostrado que non era máis ca unha falacia. E, nese escenario, as corporacións sindicais que son do sistema, evidentemente, non van cambiar xamais e han de morrer con el que é o que queremos nós.

Acerca de Manolo Camaño

Manolo Camaño Fandiño, naceu en Cangas en 1960. É Secretario Xeral da CUT. Ademáis da súa actividade sindical, participou nas numerosas mobilizacións sociais, que tiveron lugar na comarca do Morrazo, nos últimos trinta anos.