'Llovida del cielo', de Alfredo Conde. Unha atípica novela negra

Mentres o seu corpo permanecía ancorado a un leito metálico doselado de aparellos médicos; mentres a súa respiración debíase á rítmica palpitación dunha ventilación mecánica; mentres o seu espírito vagaba errático e desorientado en mestas néboas que enmascaraban os cavorcos da morte; mentres un Anxo feminino velaba en Compostela o seu sono profundo, viu a luz a última novela de Alfredo Conde, Llovida del cielo, no prelo da Editorial Edhasa.

É Llovida del cielo unha novela negra? Podería ser, pero parece de humor, como se a sobrevoase a pantasma sarcástica de Mark Twain

Unha moza espida, decorada cunha pequeña tatuaxe, aparece morta na Praza da Quintana: ao parecer, segundo unha testemuña ocular, que manifestou ter oído un forte golpe ás súas costas, parecía que caera do ceo. Con este inicio argumental, que semella surrealista, ábrese a trama da novela, que se nos cualifica como negra.

Mais…, é Llovida del cielo unha novela negra? Podería ser, pero parece de humor, como se a sobrevoase a pantasma sarcástica de Mark Twain. Novela negra atípica, porque, a parte desa ignota morta alboreal, só haberá outra defunción no inesperado final. (Pensar que, en El gran golpe, Dashiell Hammett, en bastantes menos páxinas extermina a moreas de personaxes…). É novela policíaca, pero os policías cos que nos encontramos semellan máis asépticos funcionarios, de vida relaxada, que suorentos axentes da autoridade perseguindo delincuentes.

Que nos ofrece Llovida del cielo? Sen querermos desvelar a trama, nunha enumeración azoriniana atopamos na obra xantares copiosos, turistas niponas, monxes estrambóticos, monxas pecadoras, frufrú de sotanas, coqueteos lésbicos, policías-médicos, preocupados cóengos, códices roubados, crimes non resoltos, a prensa canalla –que diría Valle-, sicarios malvados, etcétera, etcétera… Tamén, no devalar da novela, esteos de trepidante humor, como a escena berlanguiana que acontece cos turistas na catedral.

Vemos a un autor gozando na construción da obra, divertíndose no deseño do argumento, agardando sorprender aos lectores

O estilo literario habitual de Alfredo Conde (esa prosa densa, de lentos avances da trama, moita introspección e monólogo interior) -o primeiro capítulo de Azul cobalto, paréceme un exemplo preciso-, nesta obra é diferente. Vemos a un autor gozando na construción da obra, divertíndose no deseño do argumento, agardando sorprender aos lectores.

Dos personaxes principais, na lectura da novela cremos ver, por veces, no comisario Andrés Salorio un trasunto do propio autor. Un comisario amigo da boa mesa, de vida tranquila. O novelista tennos confesado que está inspirado noutra persoa pero, acolléndonos ao verso de Fernando Pessoa que di o poeta é um fingidor, quedámonos coa nosa primeira intuición.

Dos personaxes principais, na lectura da novela cremos ver, por veces, no comisario Andrés Salorio un trasunto do propio autor

Un comisario que, con mansedume, déixase envolver e guiar polos seus “fillos” e que prefire a azarosa estabilidade (parece unha contradición, mais non o é) que lle proporciona a temperamental Eulogia aos fogos artificiais dunha excéntrica italiana, Donatella, (podería ser un personaxe de García Márquez, porque parece un ser de fantasía e é real) que, como botella de champagne, promete inicialmente grandes acontecementos, na súa peregrinación neorrealista, para irse esluíndo, languidecendo, na tumbona dunha piscina; todo o contrario que a impulsiva Eulogia que, ausente –pero constantemente evocada- ao longo da novela, preséntase no final da mesma como estoupido de xéiser, como unha carga de cabalería que volve colocar, e maneira implacable, as cousas no seu sitio, na cómoda rotina tan grata ao comisario Salorio.

Rematada a lectura, alegre o corazón, só nos queda unha interrogante, que trasladamos ao autor: que foi da beata madrugadora e o seu chop?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.