Habemus Podemus

Quedo coas promesas programáticas de Podemos que coas realidades ofrecidas por quen nos gobernan, ao menos aquelas posúen a ilusión da esperanza mentres estas teñen a vileza do estafador. Coa aparición de Podemos nada será igual. Aínda que non se saiba como vai discorrer o proxecto, converteuse xa nun fenómeno que, como alguén dixo, será obxecto de estudo nas facultades de CC Políticas, e engadiría de Socioloxia en canto a teoría da organización e a todo o relativo a relación coa socioloxía política, incluso impulsará debates a nivel internacional dos movementos e partidos políticos da esquerda alternativa, porque xurde con éxito mediante un movemento sorprendente e interesante en canto a súa orixinalidade organizativa e de funcionamento.     

Quedo coas promesas programáticas de Podemos que coas realidades ofrecidas por quen nos gobernan, ao menos aquelas posúen a ilusión da esperanza mentres estas teñen a vileza do estafador. Coa aparición de Podemos nada será igual

Segundo entendo, trátase dunha composición orgánica totalmente aberta que chamaron círculos e non por casualidade, nos círculos non hai cabeceira nin esquina, todos son iguais. Lonxe de ser unha célula ou grupo estable co seu responsable típica dos partidos, aos círculos vai quen quere, non hai polo tanto filiación, carnés, nin cota fixa nin representante, é xente  variopinta, que se xunta para falar,  elaborar e tomar os acordos pertinentes en colectividade.  

En canto ao funcionamento, fan boa aquela palabra de orde leninista “todo o poder para os soviets”. Agora é, todo o poder para os círculos, que eles entenden para a cidadanía, de tal xeito que o procedemento e comunicación sempre ten que ir en bucle pois non hai arriba e abaixo porque todos son parte dos círculos, non hai xefatura ningunha  máis alá das funcións para as que lles elixisen os círculos. De tal forma que aquí non habería bases e cúpulas como adoita haber nos partidos clásicos.

Por último, o modo de relacionarse en todo o seu ámbito, independentemente da cantidade de círculos e persoas que poidan ser, é mediante as denominadas redes sociais, elemento fundamental para a súa cohesión. A súa utilidade quedou demostrada na elección da lista  para as europeas (primarias) así como para a elaboración do programa no que participaron miles de persoas, sen necesidade de reunión física.

Os ideólogos de Podemos que consideraron que a desfeita do neoliberalismo era interclasista afectando negativamente á inmensa maioría da poboación independentemente da súa categoría social e da súa ideoloxía ou a súa a-ideoloxía

Todo isto, parte dunha formulación político-filosófica dos ideólogos de Podemos que consideraron que a desfeita do neoliberalismo era interclasista afectando negativamente á inmensa maioría da poboación independentemente da súa categoría social e da súa ideoloxía ou a súa a-ideoloxía e polo tanto os partidos clásicos ademais de ter o seu campo ideolóxico acoutado, a súa rixidez organizativa impedíalles sobrepasalo para chegar a moita máis xente, por iso, eles falan de movemento popular, non de esquerdas, un movemento cun programa,  neste momento cun valor máis que de goberno, de denuncia, que é o que entende e asume a xente normal (a xente do común como se di aquí).

Unha iniciativa como esta tamén ten as súas debilidades, conxugar tan diferentes persoas sen unha base común é unha delas, a introdución de oportunistas cando as cousas van ben ou de entristas con escuros intereses é outra das ameazas

Polo tanto, cunha organización moi aberta, un funcionamento en base ao protagonismo da propia cidadanía, e un método de relación interactivo co aproveitamento das novas tecnoloxías, consideraron que sería o xeito de xerar unha mobilización social capaz de abrir a muralla e deixar que a luz penetre con toda a súa intensidade nos nosos pobos e nas nosas vidas. O primeiro envite foi positivo, veremos a continuidade.

Por suposto non hai nada perfecto, e unha iniciativa como esta tamén ten as súas debilidades, conxugar tan diferentes persoas sen unha base común (véxase o debate galego versus castelán aquí en Galiza) é unha delas, a introdución de oportunistas cando as cousas van ben ou de entristas con escuros intereses é outra das ameazas, pero se conseguen aproveitar convenientemente as oportunidades que co seu logro electoral se lle ofrecen,  todos e todas teremos que agradecerlles o feito, incluso os nacionalismos porque nun estado español cun goberno realmente transformador estarán máis preto da súa soberanía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.