Carta aberta ao presidente da Xunta: Arden as Fragas

Señor presidente: Arden as Fragas do Eume (aquí dicimos así, en plural, porque distinguimos a Nova e a Vella). Por enriba da miña cabeza pasa de cando en vez un avión, oxalá non sexa xa inútil o esforzo. Aí volve... O que está a arder é o bosque atlántico máis importante de Europa. O que as lapas devoraron, iso que a prensa está a chamar a xoia ecolóxica de Galicia (e non quero desmerecer ningunha outra das alfaias que a Natureza nos outorgou as xentes galegas) é un lugar no que, non podo crer que ninguén do seu goberno se parara a pensalo, existían un considerábel número de especies vexetais e animais únicas, moitas outras necesitadas de especial protección e innumerábel cantidade das que lle daban a este sitio o seu carácter de reserva paisaxística singular.

Tamén era un lugar que moitísimos galegos visitaban e disfrutaban cada ano. E traían con feliz orgullo xentes doutros lugares do mundo para que visen isto.

Pero tamén de gran valor económico e histórico. De aquí saíu por séculos a vida da comarca: toda caste de froitas, as castañas que deron lugar a un xeito de aproveitamento e de linguaxe (curripa, esbilas...) propio da zona, uvas para o viño das casas, madeira para trabes e aguieiros, carbón que se vendía en toda a Ferrolterra, mel, as herbas que curaban ou aliviaban... Mais tamén foi lugar onde se refuxiaron os perseguidos durante a guerra civil e os guerrilleiros despois... Pero tamén era un lugar que moitísimos galegos visitaban e disfrutaban cada ano. E traían con feliz orgullo xentes doutros lugares do mundo para que visen isto. E debera ver con que satisfacción traían aos seus fillos para que aprendesen a respetar estas marabillas. E sei ben que así era porque aos amigos e ás amigas que me visitaban sempre os levaba á Fraga, desde a miña casa hai menos dun quilómetro, e eu dicíalles: Vouvos levar ao paraíso. Que lles direi agora?

Sabe vostede por que esta parece tan enorme? Porque é irreparábel. Porque a irreponsabilidade do goberno do meu país, da miña nación fará que nunca máis haxa Fragas

Mire vostede se non lle estou a escribir sobre dunha traxedia (outra) para Galicia, e non digo a máis grande porque todas as traxedias son incomensurábeis, totais. Sabe vostede por que esta parece tan enorme? Porque é irreparábel. Porque a irreponsabilidade do goberno do meu país, da miña nación (aínda que a vostede non lle gustará que lle chame como di o noso himno) fará que nunca máis haxa Fragas, e non me veñan dentro de cinco anos dicindo que xa está verde, as Fragas non eran unha cor, eran unha feliz explosión de vida que non volverá.

Foi o seu goberno o que desmantelou a base de Queixeiro, cativa medida de prevención que podería ter avistado como comezaba o lume e, de haber as brigadas que non hai, acudir en pouco tempo

E por que arderon as Fragas? Porque, con intención ou sen ela, pegáronronlles lume. Sexa culposo ou doloso o delito, o caso é que alguén lles puxo lume. Mais iso non dá para se agocharen vostedes, o goberno galego, detrás dun desalmado. Vostedes están incursos nun delito grave de neglixencia criminal. Vostedes non fixeron nada por evitar isto. Nada! Foi o seu goberno o que desmantelou a base de Queixeiro, cativa medida de prevención que podería ter avistado como comezaba o lume e, de haber as brigadas que non hai, acudir en pouco tempo. Pero tivo que avisar un veciño porque non hai nin un home cuns prismáticos que atenda ás Fragas. Como é posíbel que entre as dúas consellarías ás que lle atinxía a protección das Fragas, non houbese nin un só responsábel algo espelido como para dicir que era preciso un protocolo de protección das Fragas en caso de lume?

Cando vostedes van por aí sempre están expostos a que un toliño lles queira dar unha labazada, mandar aos fociños unha torta de merengue ou un ovo podre. Para evitar iso hai que confeccionar os oportunos planos de continxencia que prevén isto e póñenlles escoltas e gardas. E, digo eu, unha vez observada a descoordinación dos efectivos que actuaron nas primeiras horas desta desgraza, despois do inverno que tivemos e a primavera que temos non deron osmado que podería vir calquera cabeciña desamañada e poñer lume nas Fragas? Ninguén do seu goberno foi quen de pensar en elaborar un protocolo de actuación en caso de lume nas Fragas do Eume? Pois mire, onte cando chamaron a un amigo meu que traballa no concello, para que acudise porque había lume, el xa tiña preparadas dúas cisternas de auga, porque sabía que isto podía pasar, e os seus conselleiros, que cobran ben máis, nunca pensaron que podería suceder algo así. Hai que amolarse con quen nos goberna!

Xa sei que tanto lles ten, este país a vostedes non lles importa nin lles importou nunca, se arde que arda. Sempre miraron o rural con desprezo de señoritos de casino

Xa sei que tanto lles ten, este país a vostedes non lles importa nin lles importou nunca, se arde que arda. Sempre miraron o rural con desprezo de señoritos de casino. Facer unha planificación que evite o abandono e o despoboamento do campo? Para que? Con ter uns alcaldes servís (aos que tamén desprezan) que aquelen as votacións cada catro anos, o mundo rural xa está servido e o presidente e os conselleiros felices.

Mire, señor presidente, o peor defecto dun mandatario é o desleixo, e vostede é reo diso. Desleixo da lingua, da cultura, da sanidade, da educación... e agora das Fragas do Eume. Que será o próximo? Deixar caer a catedral de Santiago?

Non sei que despedida escribir e nada persoalmente ofensivo lle quero dicir, así que vou deixar a cousa así.

P. S. Aí vai o avión outra vez!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.