A cor das cousas

“É só porque sinto o que escrevo ao pôr do sol,/ Ou quando uma nuvem passa a mão por cima da luz/ E corre um silêncio pela erva fora”. (O guardador de rebanhos, Alberto Caeiro –heterónimo de F. Pessoa-).

Din que a mocidade actual e máis outros que xa non son tan mozos conforman as xeracións mellor preparadas da historia. Semellante condición non lle está valendo gran cousa

Din que a mocidade actual e máis outros que xa non son tan mozos conforman as xeracións mellor preparadas da historia. Semellante condición non lle está valendo gran cousa, pois a maioría non ten choio e os poucos que traballan teñen que facelo –algo é algo- en actividades que non gardan ningunha relación coa materia na que se formaron. Agás un caso!

O meu tío Lisardo coñece o caso dun mozo, xa ben entrado en anos, casado e con familia, que vén de ser contratado para desempeñar a tarefa para a que se preparou toda unha vida. Iso si, sempre con beca, e mesmo sen ter que tramitar o aburrido papelame que esixe a normativa vixente. Mais, por moitas milongas que nos conten, con preparación ou sen ela, o tal tiña o posto gañado. O que acontece realmente –nunca mellor dito- é que tivo o fado de herdar o posto de traballo do pai. Así o establece a lei suprema, e Rubalcaba está a favor, porque a pesar de “las hondas raices republicanas de su partido”, os tratos son os tratos!

A maioría dos fillos babexan por ter un oficio distinto do que exerce o pai. Mesmo son seareiros de equipos raros, con tal de non defender as mesmas cores có seu proxenitor. Visten de xeito distinto, teñen gustos contrapostos, e se o pai vai á misa ou cara acolá, o fillo declárase agnóstico e colle o andante cara outro lado. Agás un caso!

Por fin serve para algo ter madureza, ser responsable e estar preparado. Con eses méritos que até hai uns días valían tan pouco, agora xa podes alcanzar o pináculo da vida. Sen padriños, sen recomendacións, sen ter que opositar, sen nadiña de nada. Mais, uns pensan que a preparación se consigue adestrando, mentres outros coidan que se leva no sangue. A xente non se pon de acordo e porfía se Messi e Ronaldo son produto do adestramento ou se naceron para ser grandes. Hai de todo! Agás un caso!

O que conta non é o grupo sanguíneo, é a cor do plasma. E se por un casual a cor fose azulada, a madureza, a responsabilidade e, por suposto, a preparación estarían garantidas de por vida

Vaia! Se o líquido que corre polas túas veas é do tipo cero negativo, podes chufarte de ser doante universal, mais iso non che vai garantir nunca que poidas xogar no equipo da túa aldea. O que conta non é o grupo sanguíneo, é a cor do plasma. E se por un casual a cor fose azulada, a madureza, a responsabilidade e, por suposto, a preparación estarían garantidas de por vida. Esas si que son fondas raíces e non as republicanas do señor Rubalcaba!

Ah! O meu tío Lisardo non aguanta a dor das tempas por mor desa xente antolladiza que quere ser consultada, e opinar sobre a cor das cousas. En fin, súbditos ingratos que nunca pagarán os favores que cada pouco nos fan os dous de sempre, os da alternancia –ou mellor dito, do alterne-, os que tanto se sacrifican por librarnos de ter que pensar. Bastante temos coas nosas cousas, sen ter que preocuparnos polos asuntos de Estado. A vida é dura, ai iso é!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.