Filgueira Valverde, #respect

Un dos grandes males da sociedade galega é, ao meu ver, a ausencia de consensos. Xa non que os consensos sexan escasos ou mesmo insólitos, senón que son vistos como algo innobre, como unha cesión incomprensible ao inimigo, como unha peaxe que non se debe pagar. Ilexítimos, que lle chaman agora. Esta fuxida cara á pureza é unha das causas fundamentais do atraso social de Galicia, a verdadeira lacra que deberiamos extirpar e que se estende, en proporción fractal, por todas as capas, capiñas, roñas e rañolas da sociedade. A escolla de Filgueira Valverde coma o homenaxeado no Día das Letras é un meridiano exemplo deste comportamento suicida.

O Día das Letras é un día especial, do que estar orgulloso. Poucas culturas, agás quizais a escocesa, dedican tantas horas laborais, tanto peso simbólico, tanta transmisión educativa, á súa literatura. Os escoceses céntrano unicamente nun poeta, como se nos dese por celebrar, a modo de Bill Murray, a cadano o día de Rosalía. Nós mudamos, e o criterio da Real Academia Galega escolleu poetas medievais de dubidosa existencia, polígrafos decimonónicos, asasinados xornalistas republicanos de obra exigua, poetas auto(?)traducidos e, tamén, os grandes esteos do noso canon literario. Empezando pola propia Rosalía.

Eses son os nosos vimbios, a lama coa que estamos feitos. E neles hai tamén, sempre, unha faísca de grandeza.

É difícil que todos os autores e as poucas autoras homenaxeadas nos merezan cariño ou aprezo. Como é posible sentir reverencia acrítica por humanos coma min e coma ti? Non sabemos que a súa carne caducible é niño de delacións, de homofobia, de violencia de xénero, de misoxinia, de racismo, de soberbia…? Claro que o sabemos. Sabemos incluso que aqueles historiadores inventaron e falsificaron datos, que esoutros novelistas endexamais sentiron o recendo das musas e que estes estudosos da literatura andaban sesenta anos por tras do que se investigaba aí fóra. Pero eses son os nosos vimbios, a lama coa que estamos feitos. E neles hai tamén, sempre, unha faísca de grandeza.

Filgueira Valverde é un destes homes: luces e sombras que en 2015 teremos ocasión de celebrar e de estudar o máis criticamente que se poida. Pero non nos val a todos. Unha parte importante do ámbito cultural galego (que, non o esquezamos, é unha importante minoría social) oponse a Filgueira ata o punto de boicotear, como non se fixo nos 50 anos anteriores, esa celebración única que é o Día das Letras. De súpeto Xosé Fernando Filgueira Valverde é un alieníxena, un corpo alleo: un colaboracionista do franquismo nun país onde ninguén colaborou co franquismo, un señor de dereitas onde nunca ninguén houbo de dereitas, unha minoría que debe ser ignorada e menosprezada.

Hai galegos e galegas entre nós que esquecen o obvio: que a metade somos de dereitas. Igual cá metade que falamos o galego. E que moitos máis da metade colaboramos co franquismo, ou somos netos e fillos dos que colaboraron co franquismo. Nada especial: xa todos negociamos cos nosos monstros na casa, no seu debido tempo, con maior ou menor éxito. Tampouco é ese un motivo de orgullo e reivindicación. Simplemente estamos aí, e de vez en cando escribimos obras literarias, editamos cancioneiros ou fundamos Seminarios de Estudos Galegos.

Destruír a Academia ou destruír o Día das Letras é terriblemente sinxelo neste paisiño de tecidos fráxiles. Podemos facelo. Pero despois non culpemos da nosa mesquindade estragadora o capitalismo internacional, a Madrid, ou o sursumcorda

Non vou facer loanza de Filgueira: xente de estudos a fará; e tamén eles e elas erguerán as obrigadas críticas. Fago loanza do consenso. Celebrei e respectei a Lorenzo Varela, non porque concordase ideoloxicamente con el, non porque aprezase a súa creación literaria, non porque respaldase as súas amplísimas zonas de sombra. Forma parte inseparable deste avío. E así celebro e respecto a Filgueira Valverde, mantedor, con humanas imperfeccións, do edificio que nos dimos.

Hai quen prefire poñer a súa folla de ruta minifundista por diante. Ananos que en nome da súa razón non dubidan en destruír espazos de consenso. Que non ven ao redor xente normal, votantes indecisos, xentiña coas súas preocupacións, mais só militantes puros e pérfidos nemigos. Os 17 de maio temos ocasión de dirixirnos á xente normal, de engadalos, de traelos ao noso rego: mais preferimos arredalos porque só nós (e os nosos) somos dignos da pureza.

Nesa fuxida á pureza non temos paraxe. Destruír a Academia ou destruír o Día das Letras é terriblemente sinxelo neste paisiño de tecidos fráxiles. Podemos facelo. Pero despois non culpemos da nosa mesquindade estragadora o capitalismo internacional, a Madrid, ou o sursumcorda. Somos nós os responsables, ben máis responsables ca Filgueira Valverde, de destruír o que nos herdaron.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.