As fragas do fume

Ocorreu hai ben pouco. E coido que xa non hai ningún galego que non saiba o que aconteceu nas fragas do Eume. Eu, coma moita outra xente desta terra, familiarizada cos desastres naturais, nesta ocasión tiven que seguir as evolucións do lume a traverso do twitter. Porque era a mellor información e máis fiable. A xunta, (hai tempo que non merece a maiúscula) ademais de non actualizar a páxina da consellería de Medio Rural durante moitísimas horas ao longo da desfeita, pasaba de computar 20 hectáreas a 250, sen facer mención algunha de que o lume se producía nun parque natural, falando dun incendio nun par de concellos da bisbarra, coma quen di.

Eu, coma moita outra xente desta terra, familiarizada cos desastres naturais, nesta ocasión tiven que seguir as evolucións do lume a traverso do twitter. Porque era a mellor información e máis fiable

E de novo axentes forestais de fora do país e militares do estado tiveron que botarnos unha man na extinción, pola falla de despregamento dos servizos de extinción da xunta en Galiza; seica cunha seca histórica aos nosos desgobernantes non lles pareceu risco dabondo para poñer medidas excepcionais no monte perante esta situación. E iso por aforrar catro pesos (e logo coma consecuencia dos lumes perdemos 8, 20 ou 1.000.000)

En Galiza existen 5 parques naturais declarados e só un (o parque natural do monte Aloia) conta cun plan integral de xestión

Tamén observei que unha parte do lume nas fragas do Eume queimou zonas de plantacións de eucaliptos e pregunteime… eucaliptos? nun exemplo de bosque atlántico autóctono? A explicación ven dun dato incontestábel. En Galiza existen 5 parques naturais declarados e só un (o parque natural do monte Aloia) conta cun plan integral de xestión. O resto (serra do Xurés, dunas de Corrubedo, o Invernadoiro e a serra da Enciña da Lastra) levan anos e anos no proceso e aínda están nesas. E é de salientar que estes lugares, especialmente os localizados na provincia de Ourense, a provincia máis “cincenta”,sofren anualmente a praga dos lumes coma un feito case que connatural. Vaia, que do pouco que decidiron que debe ser protexido nin sequera se preocupan por coidalo ben. E iso por non mencionar que hai un esquecemento flagrante doutras zonas dignas de ter esta protección, coma son a área dos Ancares- Courel, ou a zona do Eo, por  poñer un par de exemplos, máis ca obvios.

Escoitei a xunta incidindo en que a loita é contra quen queima o monte. Están a esquecer deliberadamente a pregunta clave na problemática dos lumes, que é a de por que se queima o monte.

E coma non podía ser doutro xeito, escoitei a xunta incidindo en que a loita é contra quen queima o monte. Están a esquecer deliberadamente a pregunta clave na problemática dos lumes, que é a de por que se queima o monte. E unha das razóns mais rotundas é porque a  maioría da xente vive allea a el e porque lisca desas áreas perante a falla de oportunidades que os seus alcaldes e xerifaltes varios non lle ofreceron.  E de seguro que o monte non ardería como o fai. As estatísticas están aí e testemuñan que un monte coidado non arde salvo desgraza excepcional. Un país que demostra estes feitos é Finlandia.

As políticas de prevención, protección e rendemento forestal do monte neste país escandinavo fan que a día de hoxe, os lumes anuais medios de toda Finlandia rolden unha extensión de 500 hectáreas, menos do que se queimou desta volta nun só lume no Eume

As políticas de prevención, protección e rendemento forestal do monte neste país escandinavo fan que a día de hoxe, os lumes anuais medios de toda Finlandia rolden unha extensión de 500 hectáreas, menos do que se queimou desta volta nun só lume no Eume. Os responsábeis de todos os gobernos galegos dende a chegada da democracia, (que é o que eu podo coñecer) deberían avergoñarse de que un patrimonio natural coma o noso estea a arder, e dígoo cos datos na man, nunha media de… 100.000 hectáreas ao ano! pero iso si, a seguir coa teima da extinción, os xogos de prestidixitación coas cifras do monte queimado, as políticas de desinformación, e as novelas de ciencia ficción na procura do Al Qaeda forestal de turno.

No monte Aloia, no concello pontevedrés de Tui, a xente sácalle rendemento ao monte de xeito sostible, teñen 200 especies arbóreas e son todo un exemplo de coma manter o monte vivo e produtivo

Sería moi bo preguntarlles os fineses como demo fan para ter un monte tan san e coidado, aínda que aquí seica tamén hai xente que sabe coma facelo. No monte Aloia, no concello pontevedrés de Tui, a xente sácalle rendemento ao monte de xeito sostible, teñen 200 especies arbóreas e son todo un exemplo de coma manter o monte vivo e produtivo. E por riba de todo, non arde.

A xente, unha vez mais, e non as autoridades, tomaron a iniciativa, informando na rede puntualmente, manifestándose en todas as cidades galegas

No acontecido nas fragas do Eume tamén albisquei un raio de esperanza sobre o futuro do monte galego. A xente, unha vez mais, e non as autoridades, tomaron a iniciativa, informando na rede puntualmente, manifestándose en todas as cidades galegas, recollendo sinaturas e creando unha plataforma en defensa destas fragas. Os trocos poden acontecer se loitamos por eles. Todos xuntos, sen ideoloxías. Por sentidiño. Polo noso monte, para esquecer para sempre as fragas de fume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.