Chegar tarde pode ser nunca

“"Que é vento, e que passa,/ E que já passou antes,/ E que passará depois./ E a ti o que te diz?”. (O Guardador de Rebanhos,  Alberto Caeiro -heterónimo de F. Pessoa-).

No que vai de mes, despois de cinco anos de silencio, apareceu varias veces na palestra Anxo Quintana

Ás veces –só ás veces- para fuxir do maléfico vendaval que nos infesta, fechamos os ollos máis tempo da conta e non vemos os nubeiros de po que nos atoldan os miolos, ata deixarnos cegos de remate. Semellante actitude espantadiza, mesmo nos fai renunciar á luz imprescindible, ata rillarnos a mínima existencia vital, ata perdermos os escasos migallos da propia identidade.

No que vai de mes, despois de cinco anos de silencio, apareceu varias veces na palestra Anxo Quintana, para teimar en que non son tempos para laissez faire et laissez passer, le monde va de lui même (Deixen facer e deixen pasar, o mundo vai só). Alomenos aos galegos non nos convén que o mundo vaia só. Se queremos seguir existindo como tales, deberiamos mudar o rumbo para que as cousas non sigan por esa corga retorta que sempre vai ter a ningures.

Quin leva uns días teimando en que os problemas de Galicia non se van resolver no ámbito da dicotomía esquerda-dereita. Para gozar dun maior nivel de Benestar, a solución pasa por unha medra significativa do espazo político nacionalista

Coa clareza que o caracteriza, Quin leva uns días teimando en que os problemas de Galicia non se van resolver no ámbito da dicotomía esquerda-dereita. Para gozar dun maior nivel de Benestar, a solución pasa por unha medra significativa do espazo político nacionalista. Mesmo considera necesario que deixemos de medir a galeguidade só  arredor da nosa xenuína sinal de identidade –o idioma-, para sermos capaces de dirixirnos á maioría social da nosa Terra. Para elo propón artellar unha revolta cidadá que free en seco a alarmante desgaleguización política que padecemos, ata revirar a actual situación, para incidir nas decisións que lle afectan á propia existencia de Galicia como País. A piques de abrirse o debate sobre unha nova organización territorial do Estado, para solucionar os problemas de Euskadi e Catalunya, Galicia non pode ficar á marxe do mesmo, se non quere ver máis agrandados os seus problemas endémicos.

Cómpre que alguén nos avive a memoria, que o obvio agrome coa forza e coa nitidez suficiente, para vermos se somos capaces de crebar os andazos que actualmente nos invaden

Ás veces –só ás veces- non é dabondo coñecer as graves doenzas que padecemos para aplicar o antídoto que nos permita alcanzar certo grao de melloría. Cómpre que alguén nos avive a memoria, que o obvio agrome coa forza e coa nitidez suficiente, para vermos se somos capaces de crebar os andazos que actualmente nos invaden, e que non se deberían repetir no futuro inmediato.

Ah! O meu tío Lisardo coida que chegou o momento de ser algo menos modestos e mudar o dito de que, “ninguén é imprescindible” por outro máis acaído para os tempos que se aveciñan: “todos somos necesarios”. Pois iso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.