Queremos dimisións ou ceses xa

A diferenza dos países avanzados, en España, pese a que se xestionen rematadamente mal moitos grandes accidentes ou crises sanitarias, practicamente non dimite nin se cesa a ningunha autoridade responsable.

Vamos ver algúns exemplos: Crise das vacas tolas, no ano 2000, a responsable do ministerio de sanidade, Celia Villalobos, fixo unha mala xestión e o ridículo, -e famosa a súa frase “non botar ósos de vaca ao caldo”-, e nin dimitiu nin a cesaron e aí segue de vicepresidenta do Congreso.

Na xestión do accidente do barco Prestige (ano 2002) houbo decisións políticas erróneas de todo tipo, e dirixentes como o actual presidente Mariano Rajoy ou o actual director da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa dixeron, durante a crise, barbaridades como que o problema do fuel xa estaba solucionado e so quedaban uns pequenos “hilillos” que saian do casco somerxido, cando como se demostrou aínda había miles de Tm. no barco, ou hai que “mandar o barco o quinto pino” e aí seguen, mentres o capitán, para esta xustiza de pandereta, practicamente é o único culpable.

No accidente do avión Yak-42 (2003) no que houbo 75 mortos, todo o mundo soubo que o avión utilizado era moi defectuoso e a xestión cos cadáveres foi rocambolesca, máis o máximo responsable desta xestión: Federico Trillo, Ministro de Defensa daquelas, segue de Embaixador en Londres.

No 2006 no accidente do metro de Valencia faleceron 43 persoas, para a xustiza o culpable foi o maquinista que faleceu no accidente, mais responsables como Rita Barberá, Alcaldesa de Valencia segue no posto.

Practicamente despois de que  se producira o desastre na discoteca Madrid-Arena, (2012) no que faleceron cinco rapazas, e que foi causado por fallos de todo tipo, a alcaldesa Ana Botella marchou de vacacións a Lisboa, e aínda que houbo algúns ceses de cargos de segunda fila, ela mantense de alcaldesa.

Tampouco ninguén dimitiu polo accidente ferroviario en Angrois (Santiago, 2013), no que faleceron 78 persoas e a culpa quéreselle atribuír so o maquinista, cando todo o mundo ve, que precisamente nesa curva era onde se precisaba unha medida de seguridade moderna, como a que teñen o resto das vías de alta seguridade, e que evitaría un accidente no caso de que o maquinista, por exemplo, se marease ou sufrira un infarto.

E xa para rematar, como non dimiten dunha vez, a Ministra de Sanidade e o Conselleiro de Sanidade de Madrid?, despois da mala xestión da primeira e as burradas que dixo o segundo, sobre todo votándolle a culpa a auxiliar de enfermería, práctica que como vemos é unha constante.

Como a estes responsables políticos xa vemos que nin os cesan nin dimiten, sería bo, que nas eleccións, os cidadáns non nos esquezamos e non votemos a estas persoas nin os partidos que os manteñen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.