Hai tempo que podiamos

Unha cidadanía na que destacan -xa mesmo demograficamente- as xeracións con formación académica media e constituídas por individuos que se consideran libres: participan, logo, cando queren; ou por veces, se cadra, cando son real e puntualmente motivados... A sociedade galega é arestora moderna e tecnoloxicamente avanzada: participando, logo, da fluidez informativa, é obxecto receptor de múltiples propostas canto a consumo e intervención. O cidadán galego actúa de maneira ante todo utilitaria; como ser humano é sensible á épica e a lírica, pero a maior parte do seu tempo ocúpano os problemas correntes, cambiantes e a miúdo imprevisibles... É de pensar se tal desafección e desapego non terán que ver co imposible correlato entre sociedade e partidos: a tecnoloxía fornécelle a aquela máis fluidez e dinamismo ca nunca; estes seguen constituíndo maquinarias substancialmente lentas... Os usos e procedementos dos partidos non adoitan optimizar nin gratificar a participación... Dos colectivos sociais que establecen relación con un partido, o máis difuso e volátil é o dos seus votantes. Con respecto a estes, sexan actuais ou potenciais, hai que ter sempre presente un aspecto dúplice: detestan ser enganados, non confían en quen sospeitan que oculta ou enmascara algo.

Os extractos precedentes non veñen, xaora, dun tratado. Era certo relatorio que escribira eu, simple ensinante favorecido daquela por case vinte e oito anos nunha profesión que permite singularmente rexistrar evolucións xeracionais: a mudanza cultural e de comportamentos políticos pódese ir adiviñando ou intuíndo nos institutos, co trato sucesivo de adolescentes que adoitan chegar a adultos. Ano 2010: certo núcleo de militantes nacionalistas que ventaban cambio promoveran un conclave buscando novos camiños para a esquerda galega. Na nómina de relatores figuraron estudosos e analistas ben cualificados en comunicación, socioloxía, historia, xornalismo ou xestión cultural; igualmente, vultos notorios na vida política daquela. Algo máis dun cento de persoas viñeran asistindo aos debates, grupo bastante escollido e non participante no desdeñoso menosprezo practicado por instancias partidarias. O manexo da frustración polo triunfo do PP tralo bipartito quizá consumira as enerxías case todas, pero non disipara o receo orgánico ante iniciativas incontroladas.

Oito meses despois estourou o 15-M. Constatouse alí que medraba a irritación na sociedade e a perspectiva nacional perdera boa parte da mocidade antes simpatizante. Os fillos do estado de benestar mobilízanse ante a mingua na súa capacidade de consumo ou falta de expectativa laboral ou profesional, e acadan apoio ou simpatía entre sectores importantes dos seus maiores; o seguimento, en asembleas urbanas galegas, do fenómeno Sol como pauta dominante mostraba a revigorización da hexemonía madrileña. Seis ou sete anos antes, esvaecera paulatinamente o fenómeno Nunca Máis sen deixar o froito ou semente de autoorganización social baixo parámetros galegos a que o seu propio carácter parecía apuntar.

Xaneiro deste ano. Desde a mocidade madrileña con formación universitaria, tecnoloxicamente avanzada,  comportamento fluído e dinámico, disposta a unha participación sociopolítica áxil con marco variable... xorde Podemos. Talvez era cuestión de tempo que alguén desa idade, con formación e interese suficientes, lese a conxuntura e preparase a ferramenta. No arquipélago soberanista galego, uns optaban polo nós, sós con cheiro a requente, aqueloutros polo pacto preferente con Izquierda Unida. O resultado das Eleccións Europeas colle a case todos de sorpresa, a nosa paisaxe nacional empeza a cubrirse con círculos malvas, inza á par da expectativa electoral unha proclividade feita de mal menor entre veteranos instalados desde hai décadas na reivindicación dun espazo político galego. Redescubrimento de si mesmos quizá, crónica inmadurez ou aceptación resignada dun fracaso colectivo. O que for.

Non cometerei o exceso de pretender hermenéutica con cousa tan nova. Manifesto, iso si, intuición de que na España do 2014, onde algunha enquisa mostra alta popularidade da parella real Felipe-Letizia, quizá o pablismo de coleta e trinta anos vén para cumprir función semellante á daqueloutro felipismo, con trinta anos e chaqueta de pana, no 1982. De momento, cultivan o xardín do voto á esquerda ou á dereita e recoñecen a especificidade catalá librándose ben -ou aínda nada lin eu- de adiantar detalles sobre o seu modelo territorial: a frase dereito a decidir, dependendo de quen a use, pode supoñer fórmula política para exercerse ou cláusula dilatoria para non significarse. E aquí, no país dos mil ríos, hai quen busca aliarse con Podemos en tanto Podemos entende, suxire e formula que nin lle convén, nin necesita nin ten previsto aliarse con ninguén. O seu, coma o PSOE no 1982, é unha OPA pola maioría no banco do voto anovador e da esquerda.

Puido ser diferente a partir do 2003. Aínda talvez podía no 2010. Agora igual volvemos caer, desde o primeiro terzo da ladeira ata o pé da montaña. Se tal, empezarase a subir de novo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.