Cuba e o que está por vir

Vimos de ler moito estes días sobre os acordos tomados entre Cuba e os EEUU para un paulatino restablecemento das relacións diplomáticas a diferentes niveis. O resultado deste proceso terá dúas vertentes que podemos considerar particularmente importantes: os efectos económicos da fin do bloqueo por un lado, e o encaixe político do goberno cubano ante este cambio de situación por outro.

No primeiro, sabemos dun efectivo bloqueo feito lei de dimensións económicas, financeiras e comerciais. Nunha economía complexa como a cubana, adaptada a marchas forzadas á desaparición do bloque socialista- do que dependían máis do 80% das importacións e exportacións do país caribeño-, que conta con dúas moedas oficiais en circulación e unha economía mergullada de enormes proporcións, a desaparición ou moderación do bloqueo suporá cambios de enorme envergadura. Do desprendido no recente discurso de Raúl Castro, viaxes, correo postal directo e telecomunicacións poderían ser as primeiras trabas en ser eliminadas.

A pregunta é se Cuba poderá manter a súa independencia no escenario que está por vir, ou se estará obrigada a levar a cabo unha serie de reformas que rematen por desbaratar o que hoxe está construído na illa, tanto o bo como o malo

Pero o verdadeiro reto atopámolo no segundo punto, pois existe unha cuestión da que apenas se fala e que ten unha relevancia crucial: como pode encaixar internamente o goberno cubano este cambio de paradigma nas relacións co seu tradicional inimigo. Cun relato forzosamente construído ao redor da resistencia fronte ao agresor imperialista, dada a enorme presión á que foi sometida durante máis de medio século, a pregunta é se Cuba poderá manter a súa independencia no escenario que está por vir, ou se estará obrigada a levar a cabo unha serie de reformas que rematen por desbaratar o que hoxe está construído na illa, tanto o bo como o malo.

Por outra banda, este mesmo relato de resistencia fronte á inxerencia estranxeira é tamén sustento do discurso sobre a falta de realización e acadamento de obxectivos do modelo económico cubano, atribuíndolle aos problemas co comercio internacional unha centralidade absoluta. Aínda sendo certo este papel central do bloqueo nos problemas da economía cubana, non deixa de ser preocupante pensar en que quizais se fixo pivotar demasiado o discurso oficial nesta cuestión, de tal xeito que no intre en que non exista, o goberno cubano correría o perigo de non ser quen de cumprir coas expectativas creadas á súa propia poboación.

En definitiva, trátase de encaixar a vitoria da que o goberno cubano fala cando di que o bloqueo foi vencido

En definitiva, trátase de encaixar a vitoria da que o goberno cubano fala cando di que o bloqueo foi vencido. A ninguén se lle escapan as consecuencias xeopolíticas deste importante xiro para a administración estadounidense. Resulta obvio que este cambio de estratexia histórico chega nun momento onde os EUA precisan afortalar certas posicións fronte ao rexurdir dunha Rusia que agora pasa por certas dificultades e a ameaza comercial de China, e que o mellor xeito de comezar é tratar de afastar ao seu veciño desas órbitas. Pero a realidade é que o peor inimigo da Revolución non é o xigante ianqui incapaz en todo este tempo de facer ceder un palmo de terreo á illa, senón o desapego dos cubanos e as cubanas pola súa propia Revolución. Probouse todo contra Cuba, dende un intento de invasión militar até tratar de asasinar ao seu Xefe de Estado en numerosas ocasións, e isto nunca serviu máis que para repregar sobre si mesmo ao pobo cubano, achegalo ao Partido e facelo impermeable á propaganda estranxeira. De cumprirse os cambios que semellan estar por vir, esta realidade mudará inexorablemente e o discurso xa non será válido. E o goberno cubano só terá unha oportunidade para modernizar o país de arriba a abaixo sen perder o poder político.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.