Refundar o galeguismo

Calquera vía de transformación política, social e económica en Galicia ten que camiñarse, obrigadamente, a través do nacionalismo galego. E se a palabra nacionalismo é unha aresta, retirámola e substituímola por galeguismo. En realidade os dous conceptos significan o mesmo desde que a inventaran as Irmandades da Fala hai cen anos.

Calquera vía de transformación política, social e económica en Galicia ten que camiñarse, obrigadamente, a través do nacionalismo galego. E se a palabra nacionalismo é unha aresta, retirámola e substituímola por galeguismo

A ideoloxía política non é unha marca tatuada na pel, é unha ferramenta; debe ser útil para quen a defende, necesaria para cambiar o mundo. E o mundo empeza polo máis próximo. O galeguismo ten que recuperar o seu fundamento primixenio: ser un mecanismo pensado para a maioría de Galicia que favoreza o noso desenvolvemento baixo os parámetros da Revolución francesa do 1789.

Galicia ten dous desafíos demográficos particulares: unha moi baixa taxa de natalidade e un envellecemento progresivo

Liberdade entendida como a capacidade de participar na vida pública cun sentido crítico. Iso só é posible se contamos con servizos públicos universais e cualificados, se temos posibilidade de traballar no propio país e construír o noso proxecto de vida, sexa cal for, coas necesidades vitais cubertas.

Galicia ten dous desafíos demográficos particulares: unha moi baixa taxa de natalidade e un envellecemento progresivo. Esta realidade fai precisas políticas a diferentes prazos que eviten que a sociedade se estanque. Primeiro asegurando unha rede de asistencia pública ás persoas dependentes. O deseño debe ser galego porque só así se entenderá a dimensión global do tema. Non chega con construír residencias nun país con miles de núcleos de poboación, cun arraigamento tradicional moi sentido á casa de cada un. Cómpre converter a debilidade nunha potencia: un forte investimento público na área socio-sanitaria combatería o desemprego, fixaría poboación e dinamizaría outros sectores para así asegurar que a xente nova, a que produce, a que paga as pensións e os impostos, teña traballo.

O modelo produtivo galego non existe porque se constrúe moi lonxe de aquí. Non se teñen en conta as áreas nas que somos máis competitivos (enerxías renovables, alimentos de calidade, recursos forestais...) nin a nosa posición xeoestratéxica, no centro de todas as vías marítimas que comunican África, América e Europa. O esforzo do noso país debe beneficiarnos a nós. O aforro dos galegos debe servir para estimular a economía galega e non a especulación. Como pode ser que haxa empresas que non poidan operar polo alto custo da electricidade cando ao seu carón hai saltos ou taravelas eólicas?

Igualdade para os galegofalantes. É inxusto que eu teña dereito a usar e coñecer o meu idioma e obriga de coñecer o castelán

Igualdade para os galegofalantes. É inxusto que eu teña dereito a usar e coñecer o meu idioma e obriga de coñecer o castelán. Eu podo ir á miña médico e explicarlle o que me doe en galego mais ela non ten obriga ningunha nin de entenderme nin de falarme na mesma lingua. Nunha era na que moitas riquezas se poden deslocalizar, o patrimonio cultural permanece sempre no mesmo lugar.

O galeguismo estende o respecto cara ao propio. Durante moito tempo levan insistindo en dicirnos que o noso idioma é sinónimo de atraso, que se nos liberamos do estigma da lingua desaparecerán a pobreza e o cheiro a aldea. Clasismo puro disfrazado de modernidade. Mais en algo tan moderno como a internet e o teléfono móbil, vemos que triunfa a única empresa que soubo ver, xa hai tempo, que debía atender os usuarios con proximidade e que mellor proximidade que usar o mesmo idioma ca os seus clientes. O grande exemplo de R obrigou a outras operadoras a a remedaren o seu método.

Igualdade entre galegos urbanos e galegos do rural. O interior non é un lastre para a Galicia dinámica da costa

Igualdade entre galegos urbanos e galegos do rural. O interior non é un lastre para a Galicia dinámica da costa. Investiuse moito diñeiro público en infraestruturas viarias; a tecnoloxía permite que unha persoa de Trives ou da Pastoriza poida vivir coas mesmas comodidades ca en García Barbón (Vigo). Manter as aldeas e vilas galegas en risco permanente de desaparición forma parte dun sistema que prefire clientes a cidadáns, que converte a xustiza en caridade, en favores que logo hai que pagar co voto para que sigan a gobernar os que inventaron tan cruel xogo.

Os exemplos de xestión do turismo hai que buscalos en países atlánticos onde o que se vende non é o clima nin o descanso senón a beleza da paisaxe e a súa historia

Só porque o modelo produtivo se deseña desde fóra se entende que o turismo en Galicia leve décadas perdido, entre os soños da marbellización, en Sanxenxo ou na Mariña, e a burbulla do turismo rural que subvencionou con diñeiro público centos de construcións cuxos propietarios nunca tiveron intención de procurar un verdadeiro negocio. Os exemplos de xestión do turismo hai que buscalos en países atlánticos onde o que se vende non é o clima nin o descanso senón a beleza da paisaxe e a súa historia. Pero claro, para iso hai que ordenar o territorio, non converter o feísmo nun estigma dos pobres senón en promover un urbanismo harmónico e o coidado dos miles de monumentos, grandes e pequenos, dos que poderiamos presumir. É preciso deixar de pensar no rural galego como unha ferida que un día parará de sangrar porque xa non quedará ninguén que se queixe. Absorbidos pola estandarización mundial das experiencias, aqueles territorios que teñan cousas únicas para amosar serán moito máis atractivos.

Fraternidade significa neste tempo diálogo, entendemento, capacidade para fixarse no 90% que nos une fronte a esoutro 10% que nos separa. O galeguismo non pode seguir atrapado nin no esencialismo nin nos biosbardos. A súa primeira obriga é buscar ser referencia para a maioría social, convencer se fai falta un por un os galegos de que se nós termamos da rédea do noso modelo, habemos vivir mellor. E iso só se consegue falando dos temas reais, explicándolles que cousas en aparencia tan distantes como o saqueo e entrega das caixas galegas e o feito de que a mocidade emigre a Londres son en realidade fíos que están entrelazados.

Humildemente, aplaudirei e achegarei o brazo e a cabeza a calquera movemento que busque refundar o nacionalismo, incorporar olladas novas á tradición galeguista, revisar as tácticas e as estratexias

Humildemente, aplaudirei e achegarei o brazo e a cabeza a calquera movemento que busque refundar o nacionalismo, incorporar olladas novas á tradición galeguista, revisar as tácticas e as estratexias. Nun intre no que todo pode mudar no Estado, Galicia non pode correr o risco de desaparecer do debate. Non debemos resignarnos a ser unha cuestión secundaria. Temos que unirnos, subir a voz, desfacer a maleta, tripar ben forte os pés na terra e mudar os vellos lemas: morriña, mágoa polos novos: paixón e entusiasmo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.