0 Gardados para despois

Pablo Vaamonde

Os conflitos de interese e as portas xiratorias na sanidade

Na sanidade a estratexia de privatizacións continuas, con recortes orzamentarios no sector público e a entrega de porcións crecentes dos presupostos a mans privadas para o seu lucro persoal, o Partido Popular lévaa a cabo, en moitos casos, de maneira solapada. Hai un apoio cómplice entre o poder político e os intereses privados; realizan acordos na sombra, furtando o control destas manobras aos representantes públicos (partidos da oposición, organizacións sindicais e profesionais).

Hai un apoio cómplice entre o poder político e os intereses privados; realizan acordos na sombra, furtando o control destas manobras aos representantes públicos

Hai, nestas prácticas, flagrantes conflitos de interese e un uso abusivo e vergoñante das portas xiratorias. Algúns personaxes (Lamela, Güemes, Rocío Mosquera, Antonio Burgueño) acadaron notoriedade por practicar con todo descaro o "revolving door". O dano que provocan estas actuacións -á sociedade, ao sistema sanitario e aos seus traballadores, á nosa saúde e aos nosos descendentes-, é inconmensurable. Estas prácticas fraudulentas esquivan o control social e a supervisión dos organismos públicos e da xustiza. Pero convértense en feitos consumados que, nalgúns casos, serán dificilmente reversibles.

As empresas eléctricas, gasistas e petroleiras acollen a moitos expolíticos, actualmente a soldo en consellos do Ibex. Tiñan o ano pasado a once ex altos cargos do PP, cinco do PSOE e un de CiU nos seus consellos de administración

Estas relacións promiscuas entre o público e o privado non son exclusivas do mundo sanitario. No sector enerxético as portas xiratorias funcionan con total descaro. As empresas eléctricas, gasistas e petroleiras acollen a moitos expolíticos, actualmente a soldo en consellos do Ibex. Iberdrola, Gas Natural Fenosa, Endesa, REE e Enagás tiñan o ano pasado a once ex altos cargos do PP, cinco do PSOE e un de CiU nos seus consellos de administración. As retribucións destes conselleiros son, nestes tempos de austericidio, totalmente escandalosas. O exministro do PP Ángel Acebes, dobremente imputado (polos casos de Bankia e Bárcenas), case chega aos 300.000 euros anuais como vogal de Iberdrola.

Cada novo día enterámonos pola prensa de numerosos casos de corrupcións e corruptelas que invaden a xeografía española. Nese turbio ambiente, e con esa clase de actores, é onde se está desenvolvendo este desmantelamento programado dos servizos públicos. E con total impunidade, polo momento. Así o dicía Luísa Lores nun artigo, no que denuncia que o goberno de Núñez Feijóo, coa conselleira Mosquera ao fronte, fragmentou, desmantelou, privatizou e endebedou o sistema sanitario público de Galicia “con total descaro e impunidade, para beneficio das empresas privadas vinculadas; nunca lles poderemos perdoar”.

Como dicía Javier Marías, cando por fin saiamos das nosas teimas cotiás e levantemos a cabeza, "atoparémonos cun país desposuído, abatido, co baleiro instalado en todos os terreos”

Estamos nun momento clave. É necesario deter esta sangría. Eles non van parar, ata desvalixar por completo as arcas públicas. Hai que desaloxalos do poder para que non sigan destruíndo o sector público, actuando como troianos. Porque hai un perigo certo de pasar do monopolio público ao oligopolio privado. Joaquín Estefanía xa o advertiu: privatizaron a banca pública, a enerxía pública e as telecomunicacións públicas, entre outros sectores estratéxicos: “agora queren facer o mesmo coa sanidade e a educación públicas aínda que o neguen". Porque, despois de todas as corrupcións, saqueos e aproveitamentos que xa saíron á luz, como dicía Javier Marías, cando por fin saiamos das nosas teimas cotiás e levantemos a cabeza, "atoparémonos cun país desposuído, abatido, co baleiro instalado en todos os terreos”.

Acerca de Pablo Vaamonde

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005). Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña (1998-2005). Foi Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005 polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia. Coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA),  que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario.