Por unhas eleicións municipais... Pre-constituíntes

-I-

En abril do 1931, unhas eleicións municipais déronlle inesperadamente o finiquito á Iª Restauración borbónica e abriron, a nível institucional,  o proceso constituínte da IIª República no Estado español. No ámbito interno do Estado, o acontecido neses comicios, co trunfo de candidaturas esplícitamente republicanas nomeadamente en cidades e aglomeracións urbanas, marcara o punto final da descomposición do precedente rexime monárquico encetada ben atrás, que deslexitimara aos dous partidos dinásticos, acadara o seu climax institucional coa Ditadura de 1923-29 e traducírase, no seo da sociedade civil, nun soterrán proceso de-constituinte, no que as nacións-sen-estado galega, euskalduna e catalá afirmaban a sua vontade de seren suxeitos polìticos soberáns. Simultáneamente,  no contexto externo, a Grande Depresión aberta co crack do 29 exacerbara o confronto entre as maiorías sociais vítimas da crise sistémica e as oligarquías plutócratas que a causaran, e a emerxencia das malformacións nazi-fascistas, apoderadas do Estado en Italia e Alemaña, convirtira en cuestión de vida ou morte para o común cidadán o dilema entre democracia e totalitarismo, entre liberdade e tiranía -ao cabo, entre 'socialismo ou barbarie'.

No proceso de avance histórico en espiral -que proxectada sobre un plano pode aparentar ser círculo- estamos a vivir unha etapa análoga ou equivalente. Para empezar, agora como daquela padecemos a fase terminal dunha crise de hexemonía no sistema-mundo, reduplicada no noso ámbito continental pola do aberrante edificio actual da UE, convirtido nun IVº Reich alemán sen cruces gamadas, que nos atinxe e esgana de máis perto. Tamén outra Grande Depresión, desencadeada igualmente por un crack financeiro en Wall Street, desta vez no 2008, agravada no ámbito europeu precisamente por mor das eivas estruturais conxénitas no deseño 'Maastricht' da UE e logo da 'Eurozona'. Asimesmo o irreversíbel proceso de descomposición do rexime da Restauración borbónica, agora a IIª, parida na chafallada da 'Transición', e análogamente nun  contexto de emerxencia de metamorfoses -ou metástases- dos fascismos de outrora con diferente morfoloxía anatómica, mais idéntica patoloxía fisiolóxica. En fin, tamén está en curso, cando menos dende hai un lustro,  un progresivo proceso de-constituínte do rexime constitucional de 1978 que se opera combinadamente na 'sociedade civil' e máis nas institucións da 'sociedade política', de xeito que as dinámicas en curso nesas duas instancias retroaliméntanse entre sí.

Agora como daquela padecemos a fase terminal dunha crise de hexemonía no sistema-mundo, reduplicada no noso ámbito continental pola do aberrante edificio actual da UE

Nas institucións políticas, progresiva abolición de facto da armazón constitucional do 'Estado social e democrático de Dereito' e da 'economía social de mercado' (co seu cerne nos Títulos Preliminar e Primeiro da Constitución), así como do rexime autonómico na 'organización territorial do Estado', tanto na dimensión política das CCAA (o famoso 'Estado das Autonomías), canto na administrativa do rexime local (a autonomía municipal dos Concellos) -proceso acelerado e exacerbado dende a accesión do PP ao poder central do Estado. E na sociedade civil, a constante expansión e diversificación do proceso de 'rebelión cívica' encetado polos segmentos de cidadanía máis consciente e/ou máis agredida:  mocidade 'indignada' do 15-M, plataformas sectoriais de auto-defensa fronte ás agresións espoliadoras (na vivenda, nos aforros, na saúde, na situación laboral, na asistencia social, na educación, nos recursos naturais e medioambientais), 'Marchas pola dignidade' do común cidadán, e así seguido -ao cabo, unha cidadanía  decidida a praticar a democracia participativa para asumir directamente a defensa dos seus dereitos, intereses e necesidades que encomendara a unha degradada caste de representantes que non a representan, senón que a treicionan.

Estamos perante a segunda oportunidade -e  necesidade-  dunha creba democrática en corenta anos. A primeira, ao final do franquismo, frustrouse e murchou

Así, nas institucións políticas, os dous partidos 'dinásticos' do rexime, ao servizo (PP) das oligarquías reaccionarias, ou submetido (PSOE) a elas, acometen a angueira de-constituinte meiante a demolición do edificio constitucional de 1978. E na sociedade civil, a cidadanía exercente como tal emprende unha loita a prol da restauración da democracia que, de feito e como realidade obxectiva,  resulta ser un proceso pre-constituínte dun novo rexime que forzosamente pasa polo finiquito da IIª Restauración e o tránsito a unha cultura e un modelo republicáns. Noutras verbas: estamos perante a segunda oportunidade -e  necesidade-  dunha creba democrática en corenta anos. A primeira, ao final do franquismo, frustrouse e murchou -e estamos a pagalo xa dende aquela e maiormente arestora. Estoutra, segunda, temos a obriga ineludíbel de lograr entre todos que floreza e trunfe: está en xogo non só a nosa propria vida, senón tamén a dos nosos fillos -e inclusive, para a miña xeración, a dos nosos netos.

Velaí, ao meu ver, o croquis do escenario no que van ter lugar as vindeiras eleicións municipais. Pode acontecer agora o equivalente do abril de 1931?.

- II -

Decataríadesvos seguramente de que o esquema 'bipolar' do proceso de-constituínte do actual rexime tracexado máis arriba resulta incompleto para dar conta cabal da dialética que o dinamiza. É un deseño con só dous actores. O protagonista -democrático- opera no seo da 'sociedade civil', onde a cidadanía que se rebela é o motor do proceso de transición cara un novo ciclo histórico-político -e, xa que logo, cara un novo rexime que o común cidadán quere realmente democrático e republicano. O antagonista -antidemocático- opera nas actuais institucións da 'sociedade política', onde os dous partidos dinásticos da IIª Restauración teiman en perpetuala, como aprendices de bruxo dun imposíbel 'final da Historia' en versión doméstica celtibérica, ao servizo (PP) ou submetido (PSOE) aos dictados das oligarquías plutócratas.

Socialmente, un e outro están confrontados entre si nunha contradición antagónica, poisque respeitivamente  un diles -o protagonista- encarna, e o outro -o antagonista- obedece, a irredutíbeis inimigos de clase: dunha banda, o común cidadán, internamente diverso, mais constituído polo universo das clases traballadoras in extenso; doutra banda, a oligarquía plutócrata que manexa aos partidos dinásticos como un ventrílocuo aos seus monifates. Porén, políticamente, un e outro retroaliméntanse, como xa dixen,  no proceso de descomposición do actual rexime: un, dinamitando por baixo os seus alicerces sociais; o outro, desmontando dende arriba a sua armazón constitucional -Pisarello diría talvez: suplantándoo subrepticiamente por un 'constitucionalismo oligárquico'.

Mais ben se bota de ver que, nese esquema, falta un terceiro actor. Refírome ás forzas políticas que asumen posicións e desenvolven práticas rupturistas co actual rexime monárquico e o modelo de Estado imposto dende arriba na famosa Transición. Forzas de diverso feitío ideolóxico-político, mais que teñen en común o suscribiren dous postulados clave para a superación do actual rexime. Un: a realidade sociopolítica plurinacional do EE, e portanto a existencia de varios suxeitos políticos soberáns con dereito a decidiren o seu destino -ou sexa, autodeterminárense de vez. Outro: o rexeitamento do ultraliberalismo rampante tanto no EE coma na UE. Polo demáis, é un conxunto heteroxéneo, poisque as suas alternativas a cada unha desas dúas cuestións son disímiles en alcanzo e radicalidade: dende o independentismo ao pacto federal de abaixo arriba, verbo da primeira; e, verbo da segunda, dende o anticapitalismo ao reformismo socialdemócrata veraz -o referente do 'capitalismo reformado' da IIª postguerra- ou inclusive se cadra o socialcristiano do mesmo período.

Até o de agora, ese arquipélago de esquerdas rupturistas non foron -non fomos- quen de cumplir acaídamente coas suas (nosas) obrigas a respeito do común cidadán

Con todo, menos distancias existen, sobre o mapa,  entre os respeitivos níveis de asunción deses postulados no subconxunto -inda así nada homoxéneo- das forzas que poden e deberan ser o 'motor auxiliar' da rebelión cívica rupturista. Refírome agora ás forzas políticas da esquerda rupturista propiamente dita. Tanto as autótonas e soberáns existentes en cadansúa nación-sen-estado (Galiza, Euskalherría, Catalunya-Paísos cataláns), canto as de ámbito estatal, teñan representación no aparello institucional do EE (IU) ou inda non  (Podemos). E velaí onde radica o factor complementario decisivo, mais tamén até agora o problema, para que o proceso de creba democrática se resolva en trunfo da cidanía fronte ao actual rexime oligárquico de facto. Decisivo, porque difícilmente a rebelión cívica poderá culminar o proceso de-constituinte que agora lidera, e protagonizar un proceso constituínte ex-novo, sen a aportación pola esquerda rupturista dun proxecto común para alén da ruptura, elaborado en simbiose coas organizacións, plataformas e movementos enxendrados no proceso de rebelión cívica no seo da sociedade civil e agora decididas a seren actores de seu tamén no combate político-eleitoral. E problema porque, até o de agora, ese arquipélago de esquerdas rupturistas non foron -non fomos- quen de cumplir acaídamente coas suas(nosas) obrigas a respeito do común cidadán protagonista do proceso e as suas loitas.

Non as cumplimos acaídamente en cando menos tres ordes de valores cruciais para o desempeño do(s) noso(s) rol(es), a saber: a representatividade, a exemplaridade e a fraternidade. No primeiro, non ficamos inmunes ao andacio da crise que está a padecer o método da 'democracia  representativa', no que os partidos -e máis obrigadamente os da esquerda- teñen que ser as pontes polas que transiten as demandas de cadanseu grupo social -clase ou fracción de clase-  cara as institucións polìticas para seren satisfeitas. Nomeadamente as consistentes en alternativas programáticas. Non dáremolo feito cumpridamente -por falla de criatividade, de lucidez, ou de coraxe político-  ten deteriorado a nosa credibilidade perante os cidadáns, e xa que logo a súa confianza en nós. No segundo, a non erradicación de certos vellos atavismos partidarios, conducíunos abondas veces a enlearnos en fúteis disputas internas 'de aparato', incompatíbeis coa  exemplaridade decote necesaria e, na esquerda, indispensábel. E  no terceiro, a obsesión por manter ou agrandar os lindes das nosas peculiares 'leiras' sociais ou eleitorais levounos a praticarmos a competición no canto da cooperación, a parcelación no canto da agra aberta, o egoísmo patrimonial no canto da fraternidade. De xeito máis pertinaz e  nocivo nas confrontacións eleitorais: non demos construído frontes amplas, populares, fronte a un implacábel inimigo común de todos nós e -o que máis importa- do común cidadán agredido pola tiranía do poder estabrecido.

Se as forzas da esquerda rupturista non reparamos eses nosos erros e deficiencias non seremos o potente motor auxiliar que reduplique a dinámica de rebelión cívica cara unha creba democrática que dea cabo deste rexime corrupto

Se as forzas da esquerda rupturista non reparamos eses nosos erros e deficiencias, se non demostramos á cidadanía loitadora que estamos decididas a praticar a exemplaridade, a representatividade e a fraternidade, ou sexa, a asumirmos un proxecto común de e para o común cidadán e catapultalo eleitoralmente meiante frontes amplas de unidade cidadán, non seremos o potente motor auxiliar que reduplique a dinámica de rebelión cívica cara unha creba democrática que dea cabo deste rexime corrupto. Daquela, terían que facer o choio todo os cidadáns sós e por si mesmos -e nós, ao cabo, estariamos de sobro nese proceso.  A última ocasión perdida até agora fórono as eleicións europeas -e as consecuencias son tan evidentes que non precisan de comentario ningún. Falta saber se o imos lograr nas municipais. Algúns estamos a intentalo honesta e decididamente -e Anova é unha mostra patente na nosa prática. Mais 'unha anduriña non fai verao' -somos humildemente conscientes de que ese certeiro aforismo labrego énos de aplicación.  Compre logo que todos nós, cidadáns protagonistas e forzas da esquerda rupturista, aremos agora xa nesa agra aberta.

Fagamos que o arquipélago dos concellos galegos se transmute na urdime democrática basilar  do noso povo, da nosa nación

Fagamos que o arquipélago dos concellos galegos se transmute na urdime democrática basilar  do noso povo, da nosa nación. Fagamos que as candidaturas con vocación de unidade popular e frontes amplas, áxilmente adaptadas ás condicións sociopolíticas de cada lugar, bisbarra ou comarca, devolvan o poder democrático aos viciños e viciñas por todo o paìs e esgacen as redes de arrastre clientelares e caciquís que apañan o voto cautivo do PP. Fagamos, en fin, que nas vindeiras eleicións municipais emergulle a vontade soberana da cidadanía galega e sexan, na Galiza, o equivalente actual do que foran as de abril do 1931. É posíbel, se temos vontade e somos xenerosos e fraternalmente solidarios, os cidadáns activos e nós mesmos: só é imposíbel aquilo que non se ten o coraxe de tentar facer.      

Aguiar, marzal do 2015

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.