0 Gardados para despois

Xurxo Martínez González

A distintiva lección de Antía Cal

A morfopsicoloxía estuda, entre outras cuestións, as enrugas cutáneas nos rostros das persoas. Trata de estabelecer as relacións entre os riscos faciais e o perfil psicolóxico. Pero discútese moito o carácter científico desta disciplina. Mesmo parece rebatíbel que realmente o rostro sexa o espello da alma.

Os sorrisos na vellez son altamente expresivos. Porque ao estirar e contraer a pel configúrase un plano da vida. Cada liña na fronte, nas fazulas, nos pómulos, no balbarote ou até no alento pausado é unha confesión dos anos transcorridos

Os sorrisos na vellez son altamente expresivos. Porque ao estirar e contraer a pel configúrase un plano da vida. Cada liña na fronte, nas fazulas, nos pómulos, no balbarote ou até no alento pausado é unha confesión dos anos transcorridos. Tatuaxes voluntarias ou cicatrices inesperadas. Eu non son quen de descifrar a certeza ou validez da morfopsicoloxía pero sin son quen de reparar nesas enrugas para imaxinar os camiños andados polas nosas devanceiras.

Esta terra nosa pode presumir ante os máis letrados auditorios de posuír unha longa tradición de mulleres cun alto nivel intelectual e cun sólido grao reivindicativo dos dereitos feministas

Esta terra nosa pode presumir ante os máis letrados auditorios de posuír unha longa tradición de mulleres cun alto nivel intelectual e cun sólido grao reivindicativo dos dereitos feministas. Non hai moitos pobos que poidan afirmar o mesmo. A sociedade galega debe fachendear desta condición porque nela se expresan valores éticos e morais que serven de modelo para as vindeiras xeracións. Un pobo que non sabe valorar o seu pasado, o esforzo meritorio e as pugnas contra a máis ruda adversidade de quen nos precederon, é un pobo inculto. E o poeta cubano José Martí sostiña que só os pobos cultos poden ser realmente ceibes. Deámoslle a razón porque os poetas son mestres sen ira.

En Vigo réndeselle memoria a Tita Cal, como se lle chama familiarmente. Porque forma parte da historia local da urbe atlántica. Ela e o seu home, o Antón “Tucho” Beiras

Digamos agora Antía Cal. E bastaría para que se soubese de quen falamos. Velaí un rostro vivo entre nós; velaí un sorriso interminábel que aloumiña co tacto espumoso dunha avoa; velaí unha luzada eterna de Cabo Home nos seus ollos cansos. Paixón pola educación e pedagoxía nunha longa traxectoria que colleita, nestes anos de repouso, distintos galardóns, expresións da merecida homenaxe, recoñecemento e gratitude.

En Vigo réndeselle memoria a Tita Cal, como se lle chama familiarmente. Porque forma parte da historia local da urbe atlántica. Ela e o seu home, o Antón “Tucho” Beiras. Cantos rapaces e rapazas pasaron pola clínica do oftalmólogo Beiras para corrixir o estrabismo (inútil para os casos dos televisores do Moncho Vilar) naquel aparello chamado Vigoscopio, e que sería motivo dun dos primeiros artigos científicos escritos en lingua galega. Pero o Tucho Beiras, que participou activamente nos primeiros pasos da Editorial Galaxia dende a súa fe marxista, morreu en odiada hora e o seu enterro supuxo tamén un acto de fe galeguista, co Padre Seixas empregando o galego na homilía. E o Tucho foi crucial, como decote lembra e rememora Tita, para descubrir a súa vocación de mestra e pedagoga.

Cando Antía Cal fala de Tucho Beiras encóllesenos o que temos de humanos. Devoción en cada palabra, sentimento incalculábel en cada cita, amor en cada acento. Unha lealdade granítica que amosa a espléndida condición como persoa. Léase a autobiografía Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia, 2006).

Nestes días pasados Antía Cal foi recoñecida co premio á Igualdade do Concello de Vigo. Oxalá este acto incremente o interese e o coñecemento de quen fora fundadora e directora da Escola Rosalía de Castro, outrora símbolo progresista e nacionalista ergueito naquela cidade lúgubre do feixismo de Atila. Dende cativo sempre tiven curiosidade por saber que fora aquel antigo edificio abandonado de Gran Vía que tiña unha cuncha de vieira na entrada.

Hai poucas semanas soubemos dunha feliz e avanzada iniciativa que nos levou a redactar este artigo. Referímonos ao documental Tita, rodado no concello de Muras, alicerces familiares desta muller nada na Habana en 1923

No ano 2012 Antía recibiu o Premio Trasalba. Co gallo desta celebración publicouse Antía Cal. Sementar no futuro, que recolle un feixe de artigos sobre a premiada e que nos axudará a valorar e comprender a importancia desta excepcional muller.

Mais hai poucas semanas soubemos dunha feliz e avanzada iniciativa que nos levou a redactar este artigo. Referímonos ao documental Tita, rodado no concello de Muras, alicerces familiares desta muller nada na Habana en 1923. Un proxecto de Atlantis Multimedia e co Miguel Piñeiro á fronte que non só nos legará un retrato audiovisual de Antía Cal senón que tamén porá en valor a súa inédita obra O libro dos nenos.

Coa primavera agardamos asistir á estrea deste documental e ter unha nova ocasión para agradecerlle a Antía Cal o que fixo por nós e pola paixón con que relata toda a súa vida coa que nos envolve en sabas de saudade.

Obrigado, Tita.

Acerca de Xurxo Martínez González

Xurxo Martínez González naceu en Coia (Vigo, 1984). Licenciado en Filoloxía Galega e prepara a tese de doutoramento sobre «La Oliva (1856-1857)». Como investigador ten publicado distintos artigos e é autor de «Fuco Gómez» (AGER, 2007) e de «Luís Soto Fernández. A xeira pola unidade galega» (Xerais, 2011). Preside a asociación A Nave das Ideas.