Compostela

Con Ánxel Casal na lembranza

Os pasos a dar non podemos medilos co metro das décadas anteriores. As urxencias do presente para os máis e a sensación de que nestes anos estamos a xogarnos o futuro das nosas fillas obrigan a antepoñer as posicións colectivas ás persoais. No abrente, unha misión de audaces.

En Maio, como teño anunciado en moitas ocasións,  remato un ciclo de oito anos na institución do que é o fogar da miña vida, o Concello de Teo. Un pasa polos sitios, non debe apropiarse deles, non debe acomodarse e menos sentirse o propietario do que foi e será nos vindeiros anos un traballo colectivo de dignidade dun grupo de homes e mulleres que con acertos e erros deixará, con total seguridade, un mellor lugar para vivir.

Dende hai máis dun ano teño defendido en moitas ocasións un vieiro persoal que pasaba por unha reincorporación progresiva a miña profesión (a medicina) e por manter o compromiso co proxecto político de Anova. Pechaba con isto, a posibilidade de continuar vinculado á vida institucional a curto-medio prazo.

Nestes últimos meses diversos teñen sido os colectivos e as persoas representativas dunha ampla maioría social de Santiago, Ames e Teo que, sabedores da miña posición de peche de ciclo, me teñen solicitado un rol activo no futuro da cidade de Compostela sendo conscientes da miña opinión.

Tres son, en resumo, as razón colectivas dadas que condicionaron a miña posición persoal.

2015, ano fundamental na apertura dun novo ciclo histórico. Reforma ou ruptura. A importancia das municipais para condicionar un proceso constituinte e a configuración dun novo suxeito político de unidade popular.

O que pase este ano pode condicionar de xeito decisivo a apertura dun proceso constituínte ou a renovación contractual sen concurso público do modelo esgotado do 78

Ninguén nega que o que pase este ano pode condicionar de xeito decisivo a apertura dun proceso constituínte ou a renovación contractual sen concurso público do modelo esgotado do 78 (que está a negociar un lifting con apelidos de reforma). Nese senso, o que poida ou non poida acontecer nas municipais condicionará de xeito decisivo a posibilidade de abrir ou non un proceso onde todas podamos decidir todo. Antecedentes históricos teñen existido (municipais do 1931) pero máis aló diso tan só hai que analizar a realidade para saber que neste caso pode suceder algo semellante. Compostela, como capital de Galiza nese contexto é un bo exemplo. Un presidente (Feijoo) e un Alcalde (Hernández) cun modelo esgotado sen lexitimidade democrática que están a pór todos os seus recursos humanos e económicos en defender o indefendible e na outra banda, a necesidade de impulsar unha ampla candidatura  de unidade popular (Compostela Aberta) , con vocación de punto de encontro, que faga posible sintonizar ás forzas políticas da esquerda comprometidas co momento e á cidadanía non organizada partidariamente (baixo un programa de mínimos e un método de participación).

A necesidade de artellar un novo espazo e unha novas dinámica entre Teo, Ames e Santiago. A construción entre todas de Compostela, a gran capital do país.

Non inventou a pólvora quen sexa quen de percibir o día a día compartido dos Concellos de Teo, Ames e Santiago e a necesidade de xerar  unha colaboración intensa de realidades que vaia máis aló da declaración de intencións e non lle poña cancelas ao futuro. O reto, repartir dereitos en  servizos públicos e obrigas en custos
A experiencia de goberno en Teo, o espazo de participación e confluencia de Ames  e a esperanza de Compostela Aberta semellan vimbios mais que suficientes para dar corpo a esta necesidade.

A importancia de non lexitimar co voto a indecencia. Compostela como símbolo de cambio.

A capital de Galiza vive nun estado de sitio amparado pola indignidade. Tres Alcaldes en catro anos, concelleiros e concelleiras inhabilitadas e unha corporación onde unha maioría absoluta dos representantes actuais nunca pasaron por urnas deixan unha foto fixa demoledora do estado das cousas e da responsabilidade do Partido Popular nelas nesta última lexislatura. O risco de validar en Maio o acontecido por unha non comparecencia da cidadanía consciente en Compostela, deixaría unha mensaxe de destrución masiva na nosa saúde colectiva que podería resumirse nun, tan só a mafia pode rexenerar a mafia.

O risco de revalidar o acontecido por unha non comparecencia da cidadanía consciente deixaría unha mensaxe de destrución masiva na nosa saúde colectiva

Estas tres razón de peso leváronme nos últimos meses a un período de reflexión persoal  “intenso” no que decidín antepoñer estas razóns colectivas por riba das miñas propias e as dos meus.

Se se entende que a miña implicación nun proceso de todas e todos en Compostela pode ser catalizadora e facilitadora doutra maneira de facer as cousas tan só podo dicir que por min, iso non vai quedar. Prefiro testar o incerto presente coa miña achega que quedarme coa dúbida de canto pode restar a miña inhibición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.