0 Gardados para despois

Manuel Casal Lodeiro

Ecoloxía política: a ollada que precisamos con urxencia

Poucos libros poden resultar máis útiles á sociedade nun intre histórico coma o actual, cós que debuxen as liñas para introducirmos o imprescindible fundamento ecolóxico nas políticas públicas. E o libro recén publicado polo selo editorial ecosocialista OBenComún co título de Ecoloxía política - Olladas desde Galicia está moi preto de constituír, en si mesmo, un programa político con medidas precisas para tal fin. Coordinado por Xan Duro e Xoán Hermida, reúne catorce textos doutros tantos autores e autoras, destacados especialistas galegos en diversas áreas relacionadas (unhas máis ca outras) coa ecoloxía, conformando a ollada máis ampla e exhaustiva que se ten dado ata o de agora desde Galiza a estas cuestións nunha publicación1. Porque, se ben é certo que na actualidade xa hai varias editoriais dos nosos ámbitos máis achegados que teñen publicado títulos notables sobre a maneira de facer política desde a ecoloxía —ou sobre a Ecoloxía Política entendida como corrente ideolóxica—, e mesmo existen publicacións periódicas como a revista Ecología Política, a revista online EcoPolítica, clásicas como mientrastanto ou órganos de expresión do ecoloxismo social coma Ecologista, este libro constitúe un traballo seminal no noso país no duplo sentido de que é pioneiro e de que debería abrir o camiño para novos traballos que afonden nos temas que trata.

Así, o libro serve de presentación, ao alcance de case todos os públicos, de cuestións que deberían ser da máxima relevancia na acción política dos gobernos autonómico e locais galegos, como son: a enerxía, o transporte, a soberanía alimentar, os residuos, a educación e sensibilización ambiental, o uso do monte, os efectos da mudanza climática, etc. As persoas autoras dos diversos textos que compoñen Ecoloxía política - Olladas desde Galicia debuxan a situación galega en todas esas áreas explicando cales son os pos dos que veñen os lodos actuais que nos afogan, e marcando —en moitos casos con rotunda claridade e concreción— as políticas que cómpre seguirmos para rectificar o camiño e facer política ecolóxica e sustentable en todas esas áreas.

Porén, é precisamente aí onde se cadra achamos a maior febleza do libro no seu conxunto, porque algunhas das propostas que nel se fan semellan máis acaídas para tempos nos que a sustentabilidade aínda era un obxectivo acadable. E hoxe —digámolo sen reparos, sumando a nosa voz á de autores do talle de Dennis Meadows— xa é tarde para alcanzarmos esa sustentabilidade que se vén reclamando inutilmente desde hai trinta anos, e mellor faríamos en transformar as estratexias pro-sustentabilidade en estratexias pro-resiliencia, ante o inminente colapso —que non fomos quen de evitar— deste tipo de civilización, produto da abundancia enerxética fósil que toca á súa fin tras sobrepasarmos o Teito do Petróleo (o Peak Oil). Precisamente varias das persoas que escriben neste libro colectivo mencionan a cuestión do devalar enerxético (contabilicei seis de catorce), aínda que nin tan sequera todas elas asumen por igual as implicacións que isto tén e vai ter para a viabilidade a medio-longo prazo das medidas políticas que propoñen nos seus propios textos. Como non podía ser doutro xeito, é Xoán Ramón Doldán quen máis incide na cuestión co seu texto “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza”. Na súa achega ao libro, o presidente da asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo desmonta mitos moi recorrentes no noso “imaxinario colectivo”, como o de sermos unha caste de potencia enerxética sobrada de recursos, e despexa con cifras na man calquera dúbida acerca da grave dependencia do modelo enerxético galego actual, ademais de nos dar unha perspectiva histórica moi reveladora de como se construíu ese modelo e en beneficio de quen.

Os propios coordinadores tamén sacar a relucir o Problema (permítanseme a maiúscula) xa no terceiro parágrafo do limiar do libro: “A sociedade humana na súa configuración actual depende, alén dos alimentos, fundamentalmente da enerxía fósil e dos recursos minerais non enerxéticos. Ámbalas dúas están entrando en fase de esgotamento. A Axencia Internacional da Enerxía sinalou o ano 2006 como o ano de superación do pico do petróleo convencional”. Pero, aínda así, parecen coidar que existe maneira de evitar o colapso, pois máis adiante afirman que “de non adoptar modelos alternativos, propostas innovadoras que realmente reestruturen a nosa cosmovisión sobre o lugar e o papel do ser humano no planeta, o fin do Antropoceno é inevitable”. Velaí temos, se cadra, a avaliación desde a que escriben a maioría das persoas que colaboran no libro: temos graves problemas desde o punto de vista ecolóxico, pero mesmo nun proceso de devalar enerxético irreversible e profundo, podemos mudar as cousas para que esta civilización sega adiante, transformada, iso si, nun sentido ecolóxico-sustentable. Os coordinadores explican que o libro ofrece “propostas para un cambio de modelo necesario e urxente”, mais eu considero que unha interpretación con todas as consecuencias dese propio devalar enerxético debería levar aos autores e autoras a facer propostas de cambio máis radicais, profundas e urxentes (propostas de auténtica emerxencia social), desbotando a factibilidade de parte do que propoñen nun contexto de acelerada escaseza enerxética, e substituíndoo por medidas drásticas de fuxida cara a outra civilización post-antropocénica, é dicir, onde o ser humano poña fin, por simple esgotamento da Megamáquina, á súa descomunal e aniquiladora pegada sobre o planeta (aínda que compre tamén asumir que algúns aspectos dese Antropoceno como a pegada sobre o clima, sobre a biodiversidade, os solos, etc. han perdurar aínda durante séculos, por moi axiña que morra a civilización industrial). Como recoñece Xan Duro no seu texto sobre mobilidade incluído no libro, “non hai hoxe en día, nin nun futuro previsible, alternativa enerxética” a ese petróleo.

Onde se mostra esa eiva do libro? En primeiro lugar nin tan sequera todos os autores e autoras que participan nel teñen en conta o problema do Peak Oil (menos da metade, como vimos), cando é algo que condiciona profundamente calquera formulación política, en calquera área social, ambiental ou económica, que queira ter un fundamento na realidade biofísica, e debería —sempre na miña modesta opinión— ter figurado como un eixo común que vertebrase un programa de política ecolóxica de emerxencia ao longo de todo o libro. Un programa, como reclama Xosé Veiras no seu texto, que puxese en marcha con carácter urxente unha “transición cara a unha economía baixa en carbono e máis resiliente, que nos faga moito menos vulnerábeis aos impactos da mudanza climática e á crecente escaseza de recursos naturais. En particular que nos prepare para a fin da era do petróleo abundante barato (...)”. En segundo lugar, os capítulos do libro onde se reflicte esta cuestión, non o fan con igual consistencia e en ocasións parece que se dá por suposto que esa escaseza enerxética non vai afectar á dispoñibilidade de recursos enerxéticos e económicos que se precisan para converter en realidade as propostas de mudanza política ecosocial, e que podemos seguir a facer crítica política como hai dez ou vinte anos, cando aínda era posible a sustentabilidade. E, en terceiro lugar, os/as que son conscientes da profundidade e alcance dos efectos, parece que non o son igualmente acerca da velocidade que pode adquirir o colapso, ou cando menos, pensan que se pode agardar ata que este estea máis avanzado e sexa máis palpable2. Lembro que xa en 2008 a AIE comezara a advertir de que para este 2015 a oferta de petróleo non ía cubrir a demanda. Sen dúbida a crise económica —de base enerxética habitualmente non recoñecida— que se desenrolou desde aquel ano, perturbou os factores que levaron a aquela previsión e, de feito, levamos xa desde entón a vivir unha notable destrución da demanda de enerxía a escala mundial, realimentada cunha volatilidade nos prezos de cru que xa moitos dos analistas do Teito do Petróleo previran. Tamén a explotación dos pseudopetróleos (petróleos non convencionais) pareceu alterar o cadro coxunturalmente, mais en definitiva sen modificar máis ca en cuestión de moi poucos anos o timing previsto para o momento en que a enerxía base desta civilización non dará chegado para todos.

É dicir, non podemos permitirnos esperar o colapso porque o colapso xa o temos aquí. O esborrallamento do modelo civilizatorio actual, a perda dos millóns de toneladas diarios de enerxía fósil que o moven, a acelerada dificultade física —e por tanto enerxética— que implica obter esa enerxía, debería estar moi presente cando se fala non só de modelo enerxético, de transporte, de produción de alimentos, de cambio climático, de urbanismo e infraestruturas (como si fan os autores que abordan eses temas neste libro)... senón tamén cando se fala do lixo (tanto a elaboración e transporte de produtos de consumo como a xestión do lixo implican un inmenso consumo enerxético fósil), do sector pesqueiro (non se moven os barcos a gasóleo?, non se precisa tamén para o achegar aos consumidores?, non require enerxía a conxelación e o procesamento do peixe?), do monte (vid. “O monte como recurso vital para o futuro”), da educación ambiental (campo no que resulta ineludible actuarmos coa máxima urxencia e alcance para comunicar a necesidade da mudanza civilizatoria á sociedade así como o concepto de resiliencia), da cultura de paz e a solidariedade internacional (nun momento histórico onde a loita entre estados, entre faccións capitalistas e mesmo dentro das sociedades é a resposta por defeuto ante unha carencia de recursos que nos arrastra a solucións totalitarias), a pobreza (pois é no fondo unha cuestión da enerxía dispoñible, de tal xeito que menos enerxía vai significar en conxunto máis pobreza) ou a relación economía/recursos naturais (pois é onde está o cerne do problema, derivado dunha concepción antiecolóxica que pretende medrar a todo custo como se os límites naturais non existisen).

Esta miña crítica á falla nos seus textos dunha desexable coherencia e concepción trasversal e compartida acerca do momento histórico de colapso civilizatorio, non debería anular a pertinencia e valor da obra no seu conxunto, que resulta moi notable. Simplemente debemos recoñecer que mesmo dentro do campo do ecoloxismo e do activismo político máis consciente, hai que dar aínda moitos pasos para mudar a nosa mentalidade (liberarnos dunha maneira máis completa desa “hexemonía cultural” do produtivismo e da Modernidade da que falan Hermida & Duro no limiar) e entender que nos adentramos nunha etapa radicalmente nova para a especie humana, e que os parámetros que ata o de agora valían para analizar o presente e pensar o futuro xa non son válidos. Faise preciso e urxente, como reza o título do blog do noso compañeiro Miguel Anxo Abraira, “repensar o futuro”. E para repensalo axeitadamente é preciso ollarmos o país dentro dun contexto mundial sen precedentes, no que en cuestión dun abrir e pechar de ollos en termos históricos, a escaseza enerxética fará descarrilar moito diso que hoxe damos por asegurado, ou que mesmo pensamos que poderiamos ampliar, recuperar ou mellorar (penso no chamado Estado de Benestar, principalmente). Pero non, pode que apenas nos queden cinco anos (vid. o manifesto Derradeira Chamada) para actuar e prepararnos para un mundo totalmente novo, máis local, movido coas escasas enerxías renovables que poderemos captar, menos complexo, menos urbano e máis rural: un mundo en decrecemento, pospetróleo e poscapitalista. E esa preparación require si ou si da óptica ecopolítica que destila este libro de Obencomún, precisa do ecosocialismo que o inspira, así como doutras ideoloxías que están a xermolar ou reagromar nestes primeiros chanzos do noso descenso civilizatorio (o Ben Vivir, o Ecofeminismo, o Ecoanarquismo, o Decrecemento, as Cidades en Transición, o Ben Común...3). Este é un paso necesario, pero un paso que cómpre multiplicar e ampliar, un paso que repetirmos e reforzarmos poñendo como base a enerxía e a mudanza civilizatoria como brúxula. Así, a primeira utilidade do libro debería ser para as propias persoas que participaron na súa elaboración, e estou convencido de que a realimentación que se está a producir desde o mesmo momento en que saíu do prelo entre as máis conscientes delas do devalar civilizatorio e as que aínda non o teñen de todo asumido, favocererá eses rápidos avances que precisamos na revisión das políticas ecolóxicas no país.

Cada unha das persoas que escriben no libro di —ou podería dicir—, con toda a razón, que o problema concreto que eles abordan “non se está a tratar coa debida importancia”, pero tristemente tamén é certo que as críticas se están a facer, as máis das veces —si, tamén na esquerda e na ecoloxía social—, dunha maneira excesivamente parcial, sen termos unha visión de conxunto, holística ou integral, do complexo sistema dinámico que son as nosas sociedades, do metabolismo enerxético-material do cal cada unha das áreas son expresión: este reducionismo analítico é precisamente parte do problema cultural que nos levou ata a situación de colapso na que estamos. Por usar aquela coñecida alegoría, uns ven a pata do elefante que coxea, outros a cola ateigada de parasitos, outros unha trompa con chagas... mais falta a perspectiva de que o que temos é precisamente un elefante e de que o elefante está mortalmente enfermo. Simplemente o feito de xuntar o selo editorial de Espazo Ecosocialista todos estes ámbitos nunha obra conxunta debería contribuír cara a esa necesaria interrelación e integración das análises agora máis ou menos distanciadas e autorreferenciais, tomando como alicerce para isto as temáticas coas que se abre a obra: enerxía-alimentación-clima (poderíamolas reducir a un único concepto —amplo— da enerxía), pois elas son a condición previa e a base de todo o demais. Tamén hai que recoñecer, en descargo das persoas que tomaron parte no libro, que non resulta doado alcanzar unha elevada coherencia en obras colectivas deste tipo onde o habitual é que cada autora e autor traballen os seus capítulos de maneira separada, o cal leva moitas veces a que pensen que os temas que eles deixan máis de lado xa os abordarán os outros.

Con todo isto non pretendo agachar que tamén existe o problema contrario, é dicir, que ás veces  quen estamos máis centrados nos fundamentos entrópico-enerxéticos da Crise (de novo debo usar a maiúscula, pois é a crise definitiva, a doenza terminal dun sistema-mundo), temos carencias no coñecemento dos seus efectos en moitos campos. Nese sentido este libro resulta especialmente valioso, xa que nos amosa moi claramente cales son as expresións inmediatas dos problemas que —en ámbitos aos que ás veces non lles prestamos a debida atención— están a afectar aspectos moi concretos da vida cotiá das galegas e dos galegos (pobreza, paz, educación, lixo, consumo...) e á dominación destrutiva do medio (pescarías, cambio climático, monte...). As persoas activistas que nos centramos nos efectos a máis longo prazo (non tan longo en realidade, como veño dicindo) faríamos ben en aprender destes especialistas e activistas o que está a suceder no curto prazo, no momento presente, e as inercias de políticas antisociais e antiecolóxicas dos que nos veñen desgobernando e que son descritas no libro de maneira sumamente precisa. E, para iso, Ecoloxía política supón unha ferramenta da máxima utilidade que achega moitos datos acerca da nosa realidade que poucas veces son postos enriba da mesa no debate político e social. E a actuación social e política precisa datos se quere ser efectiva, datos que non podían chegar en mellor momento, agora que parecen abrirse novas xanelas de oportunidade para a mudanza política a nivel local, autonómico e estatal. Así, algúns deses datos e das propostas que os acompañan xa pasaron a nutrir, por exemplo, propostas como as recollidas no wiki Municipios.Pospetroleo.com, que debería contribuír a dar froitos nese nivel local que constitúe a escala política máis relevante para unha nova civilización post-hibermobilidade e relocalizada. Sen dúbida, o libro debería figurar entre os principais materiais de referencia para todos os novos gobernos municipais galegos que emanen das eleccións de maio e, por suposto, para todo o tecido activista e toda a esquerda transformadora do país.

Entre todas as persoas con conciencia social e ambiental, aprendendo as unhas das outras grazas a libros coma este, deberemos repensar ese futuro inmediato e trazar as actuacións urxentemente precisas para, simplemente, termos un futuro. O noso país, malia todos os problemas que o libro e as persoas que nel participan veñen salientando nos últimos anos, dispón dunhas condicións sumamente interesantes de cara a esta mudanza civilizatoria que non podemos botar a perder. Este libro colectivo debe facernos máis conscientes do que temos, para aprender a organizalo dunha maneira radicalmente nova e para defendelo con todas as nosas forzas como o noso único sustento do mañá.

 

Notas

  1. O libro conta con textos de: Cooperativa Hábitat Social, Xoán R. Doldán, Isabel Vilalba, Xosé Veiras, Xan Duro, María Durán, Antonio García Allut, Xosé Santos, Fernanda Couñado, Pablo Á. Meira, Manuel Dios, Pepa Vázquez, Emilio M.  Martínez e María Xosé Vázquez.
  2. Acerca das actitudes neste sentido recomendo un notable artigo do científico e divulgador do Cénit do Petróleo, Antonio Turiel: “El contexto de nuestro colapso”
  3. Trato dalgunhas delas no meu libro de próxima aparición A esquerda ante o colapso da civilización industrial.

Acerca de Manuel Casal Lodeiro

Manuel Casal Lodeiro, "Casdeiro", (Barakaldo, 1970) é consultor de proxectos en Internet licenciado en Informática pola Universidade de Deusto (Bilbao). Autor de A esquerda ante o colapso da civilización industrial (2015) e Nosotros, los detritívoros. Desde mediados da década de 1990 destacouse como ciberactivista e promotor de iniciativas e organizacións como Fillos de Galicia, Democracia Directa Digital (D3) ou Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo, entroutras. Máis información e contacto no seu web persoal http://Casdeiro.info