O puro poder

A crise creou desconcerto e medo e xerou unha esixencia moi estendida de rexeneración democrática. Amplas capas sociais veñen expresando a súa rabia contra un poder obsceno; detrás están os poderes económicos, pero quen recibe o berro na cara son os partidos políticos. Pero algúns seguen sen decatarse.

Volve pasear a figura de Felipe González coma se non pasase nada, coma se a xente non o soubese xa case todo. Coma se a sociedade seguise atrapada no tempo, envolvida no feitizo do ano 83, a embriaguez daquelas maiorías absolutas

É o caso do PSOE, un continuo espectáculo de golpes baixos e intrigas. Volve pasear a figura de Felipe González coma se non pasase nada, coma se a xente non o soubese xa case todo. Coma se a sociedade seguise atrapada no tempo, envolvida no feitizo do ano 83, a embriaguez daquelas maiorías absolutas e os xardíns con globos de cores. Hai uns anos, alguén que o coñecía e protexeuno díxome, “Felipe está no Parnaso”. E estao, ignora o que vemos a maioría: unha persoa que perdeu toda autoridade moral sobre a sociedade española. Todos os políticos perdérona pero el dun modo particular polas súas propias actuacións. El ve unha realidade distinta.

Non só se ve como o dono moral desa etapa da historia de España, tamén sabe e sente que quen anuncian o final desa etapa, o réxime da Transición, están a vocear o seu enterro. Se se acaba esa época, acaba el. Quen pode tolerar algo así!

Na súa realidade, el foi o arquitecto da democracia española. Segundo ese relato, o rei Juan Carlos estaba aí para garantir unha reforma do Estado que tolerase o Exército, Suárez fixo a Transición e González, a democracia. Non só se ve como o dono moral desa etapa da historia de España, tamén sabe e sente que quen anuncian o final desa etapa, o réxime da Transición, están a vocear o seu enterro. Se se acaba esa época, acaba el. Quen pode tolerar algo así!

Verdadeiramente ten razón ao reclamar que foi el quen modelou en gran parte a política, a economía e toda a vida pública española. Creo que non ten razón Iglesias comparando a Aznar con González, son distintos. Aznar ten unha responsabilidade decisiva na crise económica española, en boa medida propiciada pola súa Lei do Solo de 1998, e en dividir con encono ideolóxico a sociedade, pero Felipe creou o argumento da nova España democrática. No fondo, Aznar foi un okupa no trono de González.

Tratábase da negación mesma da Transición, o cambio político consistía en que os gobernantes eran elixidos en eleccións libres pero o Estado era o mesmo

González foi quen repartiu o benestar dos diñeiros chegados de Europa, iso está na memoria das xeracións maiores e é verdade. A dirección do PSOE parece crer que iso abonda e que non é necesaria unha moral social e unha cultura política distinta da de González e Guerra. Pero o mellor retrato de González fíxoo el mesmo no ano 85, un retrato ao augaforte na TVE, relaxado na varanda do iate do Caudillo, o Azor, que moitos lembrabamos polo NO-DO e a propia TVE. Por unha banda era evidente como entendía o Estado e cal era a súa política respecto diso. Tratábase da negación mesma da Transición, o cambio político consistía en que os gobernantes eran elixidos en eleccións libres pero o Estado era o mesmo. E, sobre todo, demostrou como entendía el a natureza da súa poder e o modo de exercelo.

Foi por iso que co seu goberno seguiu existindo unha guerra sucia contra ETA, que xa fora iniciada antes polo réxime franquista e continuado pola UCD. O terrorismo de ETA foi un problema político enorme pero a relación dun gobernante con esa guerra sucia é fundamental para situar o lugar que ocupa a ética na súa cultura política. Para remachar, acompañado da dirección do seu partido presentouse ante as portas do cárcere onde ingresaban un ministro e un secretario de Estado seus condenados por delitos graves. É certo que a sociedade española non adoita padecer grandes abafos éticos pero aínda así hoxe causaríanos asombro a case todos.

Con esta recuperación do patriarcado de González, parece que ese partido estraña o que a sociedade está a criticar e máis detesta. Cre que reivindicar autoridade moral para gobernar baseándose en exercer o poder, en ser poder, pode ser efectiva

Nas circunstancias actuais, cando a sociedade castiga a corrupción, pide honradez, humildade e categoría persoal e política, o recordo daquela opulencia, aquelas maiorías absolutas e a ocupación do Estado e a vida pública, é puro veleno para o PSOE. Con todo, con esta recuperación do patriarcado de González, parece que ese partido estraña o que a sociedade está a criticar e máis detesta. Cre que reivindicar autoridade moral para gobernar baseándose en exercer o poder, en ser poder, pode ser efectiva. Calquera sabe, que de cousas saberá esa xente que fai enquisas.

A Conferencia municipal do partido, un acto de precampaña, debeu de ser organizado por un sádico exhibicionista. Nese acto González pediu unidade ao redor de Pedro Sánchez nun acto que marxinaba ostensiblemente a Zapatero, ese é o mago González. “De entrada, non”, visto e non visto. E é que González non só é o dono moral da democracia española, tamén é o dono do PSOE. Zapatero foi outro okupa de paso e os seus oito anos como secretario xeral do partido e presidente de Goberno foron un interregno, un erro que agora é borrado. Iso é o que dixo esa dirección do PSOE o pasado domingo.

Un poder que non nace da cidadanía e sometido a ela senón do poder establecido mesmo e quere que a sociedade o acepte e se someta

Toda unha reivindicación dun modo de entender o exercicio do poder e o poder mesmo. Un poder que non nace da cidadanía e sometido a ela senón do poder establecido mesmo e quere que a sociedade o acepte e se someta.

Ostentar poder ten risco, ao final resulta que non: se non se ten o que acontece é o ridículo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.