Incongruencias coas Deputacións

A inmensa maioría dos partidos progresistas rexeita a existencia das Deputacións. Todos coinciden en que resultan enormemente custosas e as súas competencias poden pasar a Xunta e os Concellos perfectamente, igualmente en que son antidemocráticas, pois a elección dos seus órganos de dirección faise dunha forma na que se ten pouco en conta a vontade popular, e tamén, en que absolutamente todas, son caciquís, pois poden apoiar, sen ningún obstáculo, ós Concellos nos que goberna o mesmo partido que dirixe a Deputación, e a maioría das veces e o que fan.

A demostración do seu valor, é que nas provincias onde non existen, Asturias, Santander, A Rioxa, etc, os Concellos funcionan exactamente igual ou mellor, e as probas de caciquismo vense en provincias como Ourense, onde a Deputación ten moita importancia, e non obstante, está preto da cola en tódolos índices de desenrolo de España, e desertizándose no rural. Outra cousa son as Deputacións forais de Euskadi, que aínda que a algúns particularmente non nos gustan, teñen outras moitas funcións, como recadar os impostos.

Ante esta situación que se pode facer. Depende do que decidan os partidos políticos: o PP deféndeas porque é o seu caladoiro de votos, e ten enchufados nelas a moitos afiliados, o PSOE en teoría rexéitaas, máis amárrase a elas cando as dirixe, e así podemos ver o seu secretario xeral de Galicia, aproveitándose da presidencia da Deputación de Lugo para promocionarse. O resto de partidos, agás Compromiso por Galicia, que botándolle valor, afirma que renuncia a ir a elas, din que non queren as Deputacións, mais o incongruente é que ocuparán os seus postos e aproveitaranse das súas prebendas, -bos soldos, influencias, etc- cando sexan elixidos para elas. Con esta postura levamos trinta e pico anos e non vemos que se arranxe absolutamente nada, polo que sería importante que os partidos clareasen a súa postura nos programas e os cidadáns optasen en consecuencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.