Carta aberta ao alcalde de Ferrol

O Ateneo Ferrolán está tentando contribuir modestamente á revitalizacion de Ferrol, traballando dende o ámbito da cultura

En momentos de crise como a que vivimos, unha sociedade precisa poñer en xogo todas as súas potencialidades para avanzar e superar escenarios de empobrecemento, disgregación social e desmoralización colectiva. O Ateneo Ferrolán está tentando contribuir modestamente á revitalizacion de Ferrol, traballando dende o ámbito da cultura. Dende hai un ano iniciamos o camiño de tentar reducir o conflicto aberto co Concello para redirixir os nosos esforzos á recuperación social da nosa bisbarra dende a actividade cultural. A xente de Ferrol e da bisbarra está hoxe en condicións de xulgar se nos últimos tempos o Ateneo sumou ou restou na tarefa de reanimar este fermoso recuncho da terra. Pola nosa parte, na xunta directiva do Ateneo estamos satisfeitos co incremento das nosas actividades e a revitalización do edificio sede do Ateneo Ferrolán, aínda que pensamos que a potencialidade do Ateneo pode contribuir aínda moitísimo máis na nosa recuperación colectiva.

Faltaríamos ao noso deber como directiva do Ateneo Ferrolán, se non chamaramos a atención das nosas socias e socios e de toda a sociedade ferrolá sobre o perigo no que se atopa o Ateneo, en trance de perder todo o seu patrimonio ou de ter que vender algunhas das súas mellores pezas para salvar o resto. Unha situación á que o Ateneo foi conducido como consecuencia das obras de rehabilitación do edificio sede do Ateneo e do incumprimento dos acordos verbais co Concello de Ferrol, que garantían algo tan lóxico como que o traslado e almacenamento dos bens do Ateneo no tempo de duración das obras estiveran incluidos no orzamento da rehabilitación.

Lamentablemente o goberno municipal do Partido Popular ten amosado a súa vontade de executar unha política de castigo cara ao Ateneo Ferrolán que se concretou na desnaturalización do proxecto de rehabilitación do edificio sede do Ateneo

Lamentablemente o goberno municipal do Partido Popular ten amosado a súa vontade de executar unha política de castigo cara ao Ateneo Ferrolán que se concretou na desnaturalización do proxecto de rehabilitación do edificio sede do Ateneo, condenando á entidade ás plantas superiores do edificio, restándolle case cen metros cadrados de espazo útil, suspendendo as axudas públicas ás iniciativas do Ateneo e negándose a asumir os gastos para a recuperación do patrimonio do Ateneo, almacenados en contentores dende hai varios anos. Unha política tristemente coherente que está levando ao Ateneo a unha complicada situación económica que podería conducir á perda dun importante patrimonio cultural e mesmo ameaza a vida da entidade. Unha política discriminatoria para o Ateneo que ven confirmada pola negativa do alcalde a atender aos chamamentos que tanto pública como privadamente lle temos feito para tentar reconducir esta situación de conflicto cara á colaboración e o traballo conxunto en beneficio do Ateneo e da sociedade ferrolá.

É por iso que estamos obrigados a preguntarlle ao alcalde José Manuel Rey Varela se el se considera a persoa adecuada para encabezar un proxecto aglutinador da sociedade ferrolá

É por iso que estamos obrigados a preguntarlle ao alcalde José Manuel Rey Varela se el se considera a persoa adecuada para encabezar un proxecto aglutinador da sociedade ferrolá. Porque é moi distinto ver a crise como un escenario no que cumpre traballar colectivamente para lograr a saída da crise sen que ninguén quede polo camiño, ou pola contra querer aproveitar esta situación difícil para propiciar a desaparición de entidades que resultan molestas polo seu exercicio da cultura crítica e participativa. Pareceríalle ben que unha nova e hipotética corporación de esquerdas retirara as axudas á Semana Santa e incumplira investimentos comprometidos coas confrarías por parte da anterior corporación? A nós dende logo pareceríanos unha actitude completamente irracional, disgregadora e sectaria. Por ese motivo temos que denunciar que iso foi o que aconteceu co Ateneo nos catro anos do seu mandato. A nosa entidade é un triste exemplo de cómo o seu grupo de goberno rachou consensos básicos que afectan non só ao Ateneo, senón ao conxunto do tecido cultural e social da bisbarra.

Diálogo, debate e democracia non deberían ser palabras valeiras de sentido para adornar o discurso, senón feitos que todas e todos poidamos percibir e compartir

Malia todos estes problemas e a grave situación do Ateneo, non todo foron sensabores. Quedamos coa parte positiva, como é que no medio de todos estes problemas puidemos paladear o que son a solidariedade e o apoio por parte de persoas e colectivos de todo tipo que teñen apoiado ao Ateneo nestas difícilísimas circunstancias. Convidamos ao señor Rey Varela e a todas as forzas políticas e sociais a colaborar neste fermoso camiño de traballo positivo a prol da pluralidade, do diálogo e da cultura. E non podemos despedirnos sen pedirlle publicamente e por enésima vez, que reciba á directiva do Ateneo Ferrolán que leva dende xaneiro do pasado ano 2014 solicitando unha entrevista con vostede. Diálogo, debate e democracia non deberían ser palabras valeiras de sentido para adornar o discurso, senón feitos que todas e todos poidamos percibir e compartir.

 

Eliseo Fernández en nome da directiva do Ateneo Ferrolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.