Un voto menos

Pode que penses que non teño dereito por terme ido de aí. Mais a verdade é que non tiven outra opción. Fiquei moito tempo na busca de algo que nunca chegou. Ese algo poder un traballo (quase extinto), unha beca, un apaño temporal... nada. Iso foi o meu principal motivo polo que emprendín o meu “espírito aventureiro da xuventude española” (non sei se lembras estas palabras saídas da bocazas da ministra de emprego). Si, de emprego. Ese algo que a día de hoxe segue sen chegar. Tan só unhas pequenas esmolas da caridade dos nosos gobernantes a escasos meses do reencontro fronte ás urnas.

Pode que penses que non teño dereito por terme ido de aí. Mais a verdade é que non tiven outra opción. Fiquei moito tempo na busca de algo que nunca chegou

Casualmente iso é algo que tampouco chega. Logo de asentarme en Croacia e de revisar as instrucións a seguir para votar dende aquí, o meu primeiro paso foi Google. Ao non entender moito, preferín dirixirme por escrito ao Facebook da Embaixada Española en Croacia (sita en Zagreb). A miña pregunta foi se había outra maneira de solicitar o voto sen ter que presentarme na oficina consular, xa que vivo a tres horas da capital. A resposta foi unha negativa e un arquivo adxunto sobre o proceso das eleccións autonómicas de outras rexións. Volvín a preguntar sobre o caso das municipais de Galicia, e a resposta foi unha URL do Ministerio de Exteriores.

Moita páxina web, moitas redes sociais, somos todos moi modernos e gostamos de ter actualizado o noso muro. Pero a día de hoxe, en pleno 2015, non somos capaces de ofrecer solucións executando un DNI electrónico (que alguén me explique o seu uso) na web, ou simplemente solicitar na oficina postal de turno co meu DNI na man a documentación pertinente.

Pasan os anos e seguimos igual. Na miña localidade, de momento, quedan sen o meu voto. Veremos que pasa nas eleccións xerais do próximo mes de novembro

Son dos que pensas que estas cousas fanse para evitar dar voz e voto (nunca mellor dito) aos que non estamos na casa. Seguramente non serei o único, pois sei que en pasadas citas electorais houbo tamén algunha persoa que tivo dificultades similares. Pasan os anos e seguimos igual. Na miña localidade, de momento, quedan sen o meu voto. Veremos que pasa nas eleccións xerais do próximo mes de novembro.

Isto non é senón un sumando máis á larga lista de defectos dun país que non asume o seu atraso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.