Son tempos de mareas

Xa vivimos nun novo tempo. Aínda que as preguntas seguen a ser as mesmas, como dicía Octavio Paz, as respostas teñen que ser outras. Non asumir isto, só nos leva a vivir na retórica e na impotencia, o que produce en moita xente de ben frustración e desesperanza.

Xa vivimos nun novo tempo. Aínda que as preguntas seguen a ser as mesmas, como dicía Octavio Paz, as respostas teñen que ser outras

Ata hai uns anos, a economía era o motor da sociedade, a súa base. Este feito daría lugar a novas categorías, a novos instrumentos (proletariado, burguesía, folga, sindicatos…) que lle deron orde, consistencia, certidume e posibilidades de cambio real ás distintas sociedades democráticas. Froito desta estrutura, vertebrouse a sociedade e lográronse acordos substanciais entre capital e traballo, entre economía e sociedade. Construíuse un pacto social estable e, como consecuencia, o desenvolvemento do chamado Estado do Benestar. Tales beneficios para a clase traballadora e o conxunto da sociedade non foron a consecuencia da providencia divina, senón do esforzo continuado e do dramático sacrificio, tráxico en moitos casos, dos nosos antergos. Por iso debemos sempre honrar a súa memoria e a mellor maneira é traballando arreo pola defensa das súas conquistas sociais. Coido que debe ser a nosa gran misión, o noso deber histórico, hoxe e sempre, porque a súa loita deunos dignidade a todas e todos.

Porque foron eles, coa súa loita, co seu compromiso rexo e solidario, os que conseguiron que a riqueza xerada co traballo de todas e todos, se repartirá con razoable xustiza. Lograron desta forma vertebrar as sociedades democráticas, cohesionalas socialmente e acadar unha paz social duradeira. Pero tamén dar futuro ás súas fillas e fillos. Isto chámase solidariedade interxeneracional. Non o esquezamos nunca. Porque hai valores que non poden morrer, que deben formar parte do ADN da humanidade se queremos seguir en pé.

As conquistas sociais tamén esixen un servizo de mantemento continuado e cómpre manterse a pé de obra, sen distraerse, porque a historia é movemento e todo o que se move, cambia

Foi daquela cando se construíron instrumentos sociais, laborais, políticos, que permitiron pór o capital ao servizo das persoas. Pero non foi para sempre, aínda que moitos o sigan pensando. As conquistas sociais tamén esixen un servizo de mantemento continuado e cómpre manterse a pé de obra, sen distraerse, porque a historia é movemento e todo o que se move, cambia.

E este cambio xa irreversible foi o que aconteceu nos derradeiros 25 anos do século XX: unha gran revolución tecnolóxica no eido das comunicacións, unha desregulación dos mercados financeiros, a emerxencia á escena mundial de novos países e a globalización económica co conseguinte inicio da deslocalización industrial, racharon co anterior paradigma e están a dar lugar un novo escenario que non ten en conta as necesidades e as demandas da maioría social. Este é o gran drama que se está a manifestar hoxe con claridade e que pon en xogo a dignidade e o benestar de millóns de persoas.

Neste escenario, as persoas estamos pasando a ocupar un lugar residual, unha auténtica involución social e democrática que, neste caso, tampouco foi o froito dunha orde divina senón dunha consciente programación dos que dirixen os intereses do capital

Neste escenario, as persoas estamos pasando a ocupar un lugar residual, unha auténtica involución social e democrática que, neste caso, tampouco foi o froito dunha orde divina senón dunha consciente programación dos que dirixen os intereses do capital. Das elites económicas e financeiras, en definitiva, da chamada burguesía xerencial. Estes si que estaban a pé de obra, vixiantes, para volver a pór a historia ao seu servizo.

Hoxe xa vivimos unha democracia invertida e o poder económico xa determina a soberanía popular grazas á deixazón obscena da maioría dos nosos representantes

E onde estaban a maioría dos nosos vixilantes, dos nosos representantes políticos? Como di a canción: estaban de parranda, e non bebendo caña, precisamente, senón ao servizo do gran capital, cando tiñan o deber de estar ao servizo dos seu representados, da xente de ben, vixiantes na defensa da democracia e dos nosos dereitos, que era a súa responsabilidade.

Hoxe xa vivimos unha democracia invertida e o poder económico xa determina a soberanía popular grazas á deixazón obscena da maioría dos nosos representantes. Este é o dramático panorama, e cómpre cambialo facendo nosa , da xente decente, outra vez a democracia, para que as persoas volvamos ser o centro do sistema e non un instrumento nas mans dun capitalismo indecente que hoxe tenta axeonllarnos a todas e todos, e pórnos ao seu exclusivo servizo. E por iso estamos aquí, en forma de Marea, dispostos a manternos en pé, defendendo os lexítimos intereses da maioría social.

Este ten que ser o gran obxectivo. Volver conquistar democraticamente as institucións e poñelas só ao servizo da maioría social para defender o noso benestar e a nosa dignidade

Mais esta nova loita xa non pode darse no mesmo escenario no que pelexaron os nosos avós, nin empregando os mesmos instrumentos. As condicións cambiaron e o conflito de clases xa non ten a mesma fisionomía porque as estruturas sociais volvéronse moito máis complexas, cunha estrutura de clases máis ecléctica. Nada do anterior paradigma resposta axeitadamente á realidade actual. Hoxe o gran conflito ampliou o seu corpo e céntrase fundamentalmente entre os grandes poderes económico-financeiros globalizados e unha maioría social que se quedou sen ferramentas axeitadas para controlar o poder do gran capital. Temos un coche para circular por estradas secundarias e necesitamos un novo para poder circular por autoestradas. Vivimos unha ruptura clara entre os intereses dos grandes mercados e os da maioría social, creándose un gran vacío entrambas as dúas beiras, vacío que debe ser ocupado con urxencia por unhas institucións democráticas ao servizo da xente decente. Este ten que ser o gran obxectivo. Volver conquistar democraticamente as institucións e poñelas só ao servizo da maioría social para defender o noso benestar e a nosa dignidade.

Mentres isto non se dea, cuns partidos tradicionais ao servizo de todo tipo de intereses espurios, o panorama seguirá sendo desolador.

As Mareas nacen como necesidade e vocación de pular por vertebrar os novos actores sociais e culturais, fundamentais para reconstruír a soberanía popular, darlle decencia ás Institucións municipais e poñelas ao servizo da maioría social

Conscientes desta situación, as Mareas nacen como necesidade e vocación de pular por vertebrar os novos actores sociais e culturais, fundamentais para reconstruír a soberanía popular, darlle decencia ás Institucións municipais e poñelas ao servizo da maioría social. Porque só a través da acción colectiva e das institucións democráticas se pode enderezar o deterioro que estamos a vivir e volver a darlle á vida política, compromiso ético e sentido social e democrático, para que a xente volva realmente contar con todas e todos, sen exclusións, sexamos para os nosos Concellos, iguais en dereitos e en posibilidades de realización.

Os demais instrumentos e categorías, válidas no século pasado, hoxe perderon peso real e como dicía o poeta, “viven sin vivir en mí”, languidecendo nas marxes da historia. Non responden xa ás condicións de cambio que se están a producir.

Debemos ter claro quen está a traballar hoxe, cunha ferramenta axeitada e dende un diagnóstico claro da realidade, pola dignidade social, polos dereitos de todas e todos, pola democracia, polo medio ambiente, pola diversidade cultural, pola decencia política… e quen traizoou a soberanía popular e segue a traballar de maneira obscena, dende as institucións de todas e todos, polos intereses dos máis poderosos, sen ter en conta a realidade social.

Vemos dúas realidades diverxentes: o mundo das elites e en contraposición unha sociedade fragmentada, debilitada, á deriva, na que predomina un individualismo desorganizado e claramente manipulado polo consumismo e os mercados

Se ollamos a realidade, na que xa milleiros de persoas camiñan con moitas dificultades, só vemos con meridiana claridade dúas realidades diverxentes: o mundo das elites e en contraposición, unha sociedade fragmentada, debilitada e en descomposición, á deriva, na que predomina un individualismo desorganizado e claramente manipulado polo consumismo e os mercados. E a guinda deste panorama desolador: unha maioría política secuestrada polos poderes económicos e que segue autista ante os dramas sociais e os intereses da maioría.

Só nos queda unha esperanza neste campo de ruínas. A dignidade que aínda ten moita da nosa xente que con extraordinario sacrificio, coherencia e compromiso solidario, tenta emerxer con forza, nucleándose en torno aos novos movementos sociais políticos e culturais, ademais de milleiros de persoas, auténticos suxeitos lúcidos e comprometidos que coa súa actitude solidaria coa xente que sofre as consecuencias desta indecencia, honran á humanidade e volven indicarnos o camiño á inmensa maioría. Volven darnos a esperanza e os azos necesarios para continuar nesta difícil loita pola dignidade, os dereitos e o benestar de todas e todos.

Desta nova conciencia emerxente tentan agromar os novos movementos políticos en forma de Mareas. Unha ferramenta nova que nace dun novo tempo e para unha nova época

Estes novos actores dos que acabo de falar, semellan ser os únicos decentes que aínda nos quedan vivos. E só desta nova conciencia emerxente tentan agromar os novos movementos políticos en forma de Mareas. Unha ferramenta nova que nace dun novo tempo e para unha nova época. Unha ferramenta que quere asumir a transversalidade para aglutinar e canalizar a nova forza social en construción e darlle voz nos Concellos. Un novo suxeito político en condicións de defender a democracia, a decencia política e as condicións de vida da nosa xente e de propor alternativas sustentables de progreso para as nosas cidades e vilas. E nestas andamos os que non perdemos a esperanza na humanidade e seguimos a ver unha nova posibilidade humanizadora aberta ao mundo, á súa diversidade individual e colectiva, nacida dunha democracia real ao servizo da xente, dos seus dereitos e das súas inquedanzas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.