Punto de inflexión na dinastía

Ramirás vive un momento único na súa historia política. Dende o nacemento deste concello, no 1929, na España do señor Primo de Rivera, os seus veciños e veciñas nunca deixaron de ver como unha utopía a fin da hexemonía política da coñecida familia López en Ramirás.

Dende o nacemento deste concello, no 1929, na España do señor Primo de Rivera, os seus veciños e veciñas nunca deixaron de ver como unha utopía a fin da hexemonía política da coñecida familia López en Ramirás

Unha estrutura de poder que se derruba por pezas

Nestes días, a veciñanza non queda indiferente ante a posibilidade de ver realizada dita utopía, ante a desaparición de dous elementos sustentadores desa histórica hexemonía política: por unha parte, a maioría absoluta electoral, que perdeu por primeira vez na súa historia o partido da familia López, o PP de Ramirás, nas pasadas eleccións do 24 de maio, e por outra parte a tan sonada renuncia de Pilar López e César López, precisamente os dous membros da familia López símbolos, por unha parte da hexemonía política, por parte de Pilar López, e por outra parte, da continuidade desta hexemonía, por parte de César López. De feito existe unha relación directa entre a desaparición simultánea de ambos elementos, pois a opinión pública está convencida de que a renuncia de Pilar López e César López se debe ó medo destes, a pasar, por primeira vez na súa historia, catro anos na oposición, dada a tan sonada perda da maioría absoluta electoral, un feito traumático para todo o entorno do PP de Ramirás.

 

Unha película de final totalmente aberto

Este panorama, deixa unha conxuntura política expectante e memorable para a historia Ramirás: un PP de Ramirás en shock, que tras perder as súas figuras mediáticas principais, perde credibilidade como forza continuadora do goberno histórico da familia López, un PSdeG de Ramirás, que liderado por unha persoa respaldada por anos de activismo na oposición, Isabel Gil, se presenta como unha forza á que os anos de oposición a lexitiman como a alternativa que inicie a nova etapa política en Ramirás, e un BNG de Ramirás, que se ve firme e envalentonado, por posuír colateralmente, a chave  na formación do goberno municipal, dado o reparto de escanos tralas eleccións do día 24, onde o PP de Ramirás e o PSdeG de Ramirás, conseguen ambos 4 escanos e o BNG de Ramirás,  consegue o escano que falta para completar os 9 escanos da cámara municipal.

 

Ramirás depende deles, o BNG

O BNG non pode agocharse nunha abstención, argumentando o non posicionamento, porque colateralmente o efecto sería idéntico a apoiar a investidura na alcaldía do PP de Ramirás, por ser a lista máis votada

Os eventos que marcan o devalar desta conxuntura política, son as sucesivas reunións que o BNG de Ramirás, mantén coas dúas formacións restantes. Ante esta situación a veciñanza e a opinión pública é consciente da transcendencia da decisión do BNG de Ramirás, e sobre todo de que o BNG de Ramirás, á hora de votar unha investidura, non pode agocharse nunha abstención, argumentando o non posicionamento, porque colateralmente o efecto sería idéntico a apoiar a investidura na alcaldía do PP de Ramirás, por ser a lista máis votada.

Isto deixa ó BNG de Ramirás, con tres opcións: a primeira foi a anteriormente mencionada de apoiar a investidura na alcaldía do PP de Ramirás, cousa que seguro farán mediante a abstención, para así ter a menor deslexitimación política e mediática posible, dada a crítica situación do BNG a nivel nacional. A segunda opción sería apoiar a investidura na alcaldía do PSdeG de Ramirás, unha decisión moi controvertida dados os desencontros persoais entre as cabezas de lista de ambas formacións, Marcos Meléndez e Isabel Gil. A última opción sería a de negociar cunha das dúas formacións a alcaldía a pesar de dispor dun só escano no goberno municipal, de maneira similar á que está facendo Democracia Ourensana, na capital da provincia, sendo esta a opción  máis improbable.

Pero quen tamén xogará un papel determinante, na decisión do BNG de Ramirás, é o propio BNG a nivel nacional, pois sabe que agora máis que nunca, dada a crítica situación da organización, non pode recibir ningún ataque mediático, polo que estes días vixía con lupa todo concello onde o BNG xogue unha posición de peso á hora acordar gobernos municipais.

 

Unha pouquiño de luz entre tanta escuridade

Pase o que pase nos vindeiros días, hoxe por hoxe, tras os resultados electorais acadados no resto de municipios da Comarca das Terras de Celanova, onde o PP acadou unha media comarcal do 63,87% dos votos, sendo Ramirás o único concello onde consegue menos do 50%, estamos a tempo de ver a Ramirás como a primeira ficha que cae, no dominó do PP da Comarca das Terras de Celanova, e marcando a vangarda na comarca, en relación á histórica viraxe que tomou a política municipal no estado español, o pasado 24 de Maio.

Estamos a tempo de ver a Ramirás como a primeira ficha que cae, no dominó do PP da Comarca das Terras de Celanova, e marcando a vangarda na comarca

Pensar no presente de cara ó futuro

Non podo rematar sen dicir, que sen querer posicionarme máis que como un ramirense namorado da súa pequena patria municipal, non sei a que nos levaría o goberno do PSdeG e/ou do BNG no concello. O que si sei, tras 21 anos, é ó que nos levou o goberno do PP e só por iso tanto o PSdeG como o BNG, como calquera forza que poida xurdir no concello, se merecen o beneficio da dúbida, pero case de maneira imperativa, porque eu como persoa nova penso no meu futuro e no do meus veciños e veciñas, pero tamén como ramirense quero quedarme, para que o concello sobreviva a min, non eu a el, polo que definitivamente se quero pensar no meu futuro e en vivir Ramirás, a conclusión non é outra que a que me obriga a pensar no futuro de Ramirás.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.