Que é a filosofía? (Sobre a resistencia)

A pregunta que dá título a este artigo, por común, non é nada banal. O pensamento desenvólvese a partir dela; modernamente, desa pregunta parte Immanuel Kant para elaborar a súa crítica da razón e de aí tamén xorde a obra dos filósofos que durante o século XX realizaron a crítica da Crítica kantiana, de Martin Heidegger a Jacques Derrida, pasando por Gilles Deleuze e Judith Butler, por citar só algúns.

Actualmente, preténdese responder esa pregunta facendo unha chamada á "resistencia". Se analizamos as constricións que hoxe en día sofre a filosofía, é doado demostrar que adopta unha posición eminentemente defensiva, en gran parte debida á posición reticente na que a deixou a actividade intensa levada a cabo pola antedita "crítica da Crítica", que contestou a pregunta sobre o senso da filosofía cunha desautorización feroz da filosofía mesma.

A filosofía continúa cinguida a un pensamento no que a realidade soamente existe como relación do suxeito co mundo e como consecuencia do cal endexamais se pode afirmar consistentemente nada sobre o que é independente do pensamento e da linguaxe

Nese contexto, a filosofía continúa cinguida a un pensamento no que a realidade soamente existe como relación do suxeito co mundo e como consecuencia do cal endexamais se pode afirmar consistentemente nada sobre o que é independente do pensamento e da linguaxe. O coñecemento dunha realidade independente do pensamento é algo insostible.

A filosofía sitúase así na resistencia permanente por incapacidade de acceder de xeito directo ao mundo, pola súa dependencia do suxeito e do seu desexo exclusivo de liberación. Dese xeito, segue sen saír do círculo correlacional que antes xa reafirmara a crítica kantiana, mantendo e reforzando aínda máis o acceso exclusivo ao mundo a través do suxeito, isto é, permanecendo na resistencia dese paradigma sen responder as preguntas suscitadas pola nova ciencia da complexidade, que queda desbotada xunto coa técnica e o racionalismo.

 

Unha filosofía globalizada e positiva

Abandonar a resistencia e coller posicións para a filosofía no mundo, esa é a finalidade do pensamento filosófico coñecido como realismo ou materialismo especulativo. No abandono da resistencia correlacional e da súa monopolización do acceso ao mundo a través do suxeito, no rexeitamento de que o suxeito —liberado ou non, estable ou en devir— sexa o único interese do pensamento, a filosofía retoma a especulación como maneira de pensar o absoluto, como xeito de debruzarse na realidade.

Resultado da resistencia correlacional, a obsesión tardomoderna segundo a cal non hai verdade ningunha senón só conflito, interese, preponderancia do máis forte e que, en consecuencia, pensar a realidade significa esencialmente estar en guerra ou cando menos dispostos a dar a batalla, é unha obsesión que reduce a "interpretación" filosófica a un uso equivocado. Abandonar ese uso non quere dicir recluír a filosofía en si mesma senón, pola contra, amosar o nexo esencial que a une coa realidade.

De aí que, para superar o círculo correlacional orixinado polo acceso exclusivo ao mundo a través do suxeito, sexa indispensable, como sinalan Maurizio Ferraris e Markus Gabriel, unha filosofía globalizada na que converxan tres elementos:

1) Unha competencia científica que, nun pensamento cun gran compoñente humanístico coma a filosofía, significa unha competencia filolóxica e histórica, á cal cómpre engadir a competencia respecto das ciencias naturais e sociais e respecto de asuntos de debate coma o problema mente-corpo e a estética como ontoloxía dos obxectos materiais e dos obxectos retóricos.

2) Unha competencia teórica, na que "o elemento analítico fornece a forma, mentres o elemento continental fornece o contido", xa que os conceptos sen intuicións están baleiros e as intuicións sen conceptos están cegas.

3) Unha pertinencia pública. Intrinsecamente, e non accidentalmente, a capacidade de dirixirse a un espazo público forma parte da filosofía. Para pensar con rigor é necesaria unha linguaxe específica mais a filosofía debe estar en contacto cos outros ámbitos da cultura, especialmente con aqueles cos que, desde o século XVIII, constituíron as artes.

Logo a filosofía ha de ser unha filosofía positiva. Xa non se pode continuar cun construtivismo xeneralizado respecto dos feitos; a positividade de algo dado e que nos é transmitido non pode ser producida. Unha filosofía positiva en contraposición á filosofía poscartesiana como filosofía negativa, ou construtivista; de Descartes en diante a certeza filosófica obtense mediante unha construción do pensamento: o que está feito pola mente humana é, por iso mesmo, certo. Pola contra, para unha filosofía positiva, a realidade e os obxectos son tanto máis certos en canto son dados, i. e., en tanto se impoñen á consciencia humana en troques de seren producidos por esta.

De feito, a revolución moderna non consiste, como sostiña Kant, en facer depender o mundo do suxeito senón en integrar o suxeito no mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.