Os camiños retortos de Deus Noso Señor

Di a ciencia teolóxica que Deus escribe recto con liñas torcidas; a saber, que para dicirnos algo da voltas e reviravoltas para chegar ao asunto; ou sexa, coma Jorge Valdano explicando por que lle pesan os calzóns aos futbolistas cando pisan o prado do Santiago Bernabeu; ou o demo do meu fillo, que comeza a escribir a frase na esquina superior esquerda e remátaa na inferior dereita.  Pois que queredes que vos diga, sendo Deus quen é ben podía dicir as cousas como son e non andar con arrodeos; que xa mais parece que o fixeron a imaxe e semellanza nosa que nós a súa. E penso que sei do que falo.

Hai sete anos, aló polo 2008, aproveitando o comezo da Gran Crise, fíxose pasar pola Man Invisible do capitalismo e dunha patada no cu chimpoume no barrio da Chanca, en Lugo. Nun principio pensei que era cousa do azar, que me mandou para alí como me podía mandar para calquera outro sitio; ata que caín na conta que enfronte da oficina onde traballaba, na rúa Carlos Azcárraga, estaba a carballeira do Sagrado Corazón. Había trinta anos ía eu alí coa miña primeira moza nos seráns solleiros e interminables da primavera, a refregar os corpos sobre a camposa lene e mirar o ceo verde das follas. A que viña agora esta tortura? Que carallo me quería dicir? Moitos días despois conseguín acougar os miolos e pensei que se cadra Deus só pretendía ensinarme que o mundo é redondo e a vida circular, que andas e vives para rematar outra vez onde comezaches.

Superada esa proba pensei que xa rematara o meu viacrucis e regresei contento e aliviado á vida contemplativa nas beiras do mar da Arousa.  Pero esquecera que Deus é de mal conformar, e unha vez que pon o seu ollo triangular sobre ti vas apañado. Hai unhas semanas, e doutra patada no traseiro, arreboloume ata os confíns da Galiza coñecida, no val de Monterrei e arredores. Eu nunca alí estivera e non vía a razón divina que podía haber detrás; pero coñecendo a Deus, que presume de non dar puntada sen fío, algunha tiña que haber. Polo camiño cara o desterro vin un touro negro de latón, enorme e inmóbil no curuto dunha cuíña nos arredores de Xinzo. Pensei en Riveiro Coello. Igual era seu e trouxérao de España coma recordo dalgún verán inesquecible; xa se sabe, os homes pequenos son quen de facer as cousas mais grandes (Franco, Jesús Perez Varela, o Super Piñeiro ... e tantos outros). Os vales ancheaban e recuaban as montañas, facéndose mais altas; a herba das chousas ou secara ou xa ela nacía así amarelada, e unha especie de carrascos ananos coloraban de gris as abas dous outeiros. Érame todo tan estraño que cando cheguei a Verín botei media hora falando castelán fluído, ata que caín na conta de que a xente me contestaba en galego. Pensaría que xa estaba fóra do país, vai ti saber.

Pero Santo Deus, por que Verín?, berrei na cima do castelo, cos brazos abertos e mirando cara o ceo do solpor. Se cadra fora unha equivocación, un lapsus mentis divino, que querendo dicir Lalín, dixo Verín como podía dicir Ribeira de Piquín, a min plin. Andaba eu nestas trécolas cando unha andoriña que voaba nos arredores veu cara min, e durante uns segundos eternos estivo a fitarme suspendida no aire, con descaro e certa arrogancia. “Ébora”, piou o paxaro e de seguido marchou voar outra vez. Ostrás! Ou sexa, que estas que pisaba eran as terras do grande Libardino Romero, aquel home de corazón sobredimensionado e miolos rebuldeiros? Agora caía da burra; agora si entendía a causa divina do trasfego a estas terras. Porque fun eu quen levei a Libardino a Lalín, nos primeiros día do Bipartito, cando aínda toureaba a pe, con grande éxito de crítica e público, e andaba namorado da mítica Ánxela B. Que gran faena fixera no Deza! Recibiu o animal a porta gaiola e logo un surtido de verónicas, medias verónicas, chicuelinas, naturais e pases de peito... todo un compendio de tauromaquia. Que grande faena a de Libardino no Deza! Ata o xefe das forzas subversivas, Paco Vilariño, nada afecto aos requilorios das artes e letras, rebrincou no asento coma unha moza casadeira. Pouco tempo despois de vir a Lalín, Libardino cambiou o toureo a pe polo de acabalo, algúns dixeron que amolado polos amores non correspondidos da pérfida Ánxela B. O certo é que xa non volveu ser o mesmo.

E todo este esbardalle a que carallo viña?... que xa me perdín outra vez ...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.