0 Gardados para despois

Suso de Toro

Hai tempo e estamos en tempo (Unha reflexión após o 25 de Xullo)

O 25 de Xullo do 2015 foi un éxito sen volta para unha sociedade aparentemente vencida, para este país que queren condenado a desesperanza e a extinción.

Foi o triunfo da ilusión e da esperanza contra o que nos predica o poder estatal con todos os seus medios partidarios e mediáticos, foi a negación de quen nos di que estamos condenados a ser subsidiados

Foi o triunfo da ilusión e da esperanza contra o que nos predica o poder estatal con todos os seus medios partidarios e mediáticos, foi a negación de quen nos di que estamos condenados a ser subsidiados, que non temos horizonte e somos unha terra de vellos e vellas, que somos tristes provincianos e a modernidade e o progreso está aló na corte. Foi o triunfo das persoas que negamos iso e sinalamos que os males históricos do noso país veñen do sometemento ás relacións de poder no estado español. E foi o triunfo de quen cremos que hai un remedio que pasa pola afirmación nacional e pola autoorganización para ter poder político propio e decidir os nosos destinos. Foi un éxito, pois as persoas que estivemos alí afirmamos que hai un camiño de esperanza colectiva.

A cidadanía que estivo alí construíu un día fermoso e no futuro poderemos dicir, “aquel día estiven alí”. Oxalá poidamos dicir tamén, “aquel día estiven alí e vin que foi o comezo dunha inflexión na historia do meu país”.

Haberá quen lle apoña as súas deficiencias e limitacións ao día. E logo non as había de haber? Hóuboas, mais prevaleceu o esforzo xeneroso de construción e de inclusión

Haberá quen lle apoña as súas deficiencias e limitacións ao día. E logo non as había de haber? Hóuboas, mais prevaleceu o esforzo xeneroso de construción e de inclusión.

A xornada tivo dúas imaxes, unha resumíase na comitiva que abría a manifestación sen máis insignia nin símbolo que os gaiteiros abrindo camiño, os pasos da xente a marchar polas nosas rúas e, diante, unha faixa sinxela e elocuente que afirmaba A nación galega. Tres palabras nas que cabía calquera cidadán, cidadá deste país. A nación galega restitúe unha parte da dignidade personal a cada persoa deste país e inclúenos todos os días na dignidade cívica e no orgullo de sermos.

E nesa afirmación nacional coubemos ese día persoas que acudimos chamadas de forma individual e tamén as organizacións que sosteñen o país, que lle dan columna e nervo ao longo do ano. Cómpre celebrar a xenerosidade de organizacións que teñen tradición, memoria e ritos propios e que foron capaces a renunciar a moitas cousas particulares e sumarse e acudir ese día detrás dun chamado cidadán humilde e elemental. A cidadanía galega débelle a estas organizacións un recoñecemento e a gratitude.

Non é casualidade que moi poucos medios destacasen a imaxe da humilde faixa, 'A nación galega', coa que a cidadanía común abría a manifestación e preferisen a imaxe da Quintana de vivos salferida de insignias

Quen non queira sumarse a ese camiño de achegamento e inclusión fará por demorarse na abundante presenza de signos e símbolos partidarios na extensa comitiva, naturalmente que esa é a outra imaxe do día. Non é casualidade que moi poucos medios destacasen a imaxe da humilde faixa, A nación galega, coa que a cidadanía común abría a manifestación e preferisen a imaxe da Quintana de vivos salferida de insignias. Esa imaxe é verdadeira, mais non resumiu un día no que se estaban a dar a man o vello e o novo. É certo, esa imaxe era a dun 25 de Xullo de calquera ano por máis que desde o palco quen falase era a voz inclusiva dunha cidadanía alegre e rebelde. Porén, nada nace de súbito e sen deberlle algo ao pasado. Envoltos en sangue e merda, así chegamos todos e todas á vida.

Agardaremos polas persoas que non puideron ou non deron acudido ese día a construír a xornada, polas organizacións que non puideron ou non deron acudido ese día a construír a unidade agardaremos outro ano

Ese día naceu unha criatura que é unha ilusión para a Galiza. Agardaremos polas persoas que non puideron ou non deron acudido ese día a construír a xornada, polas organizacións que non puideron ou non deron acudido ese día a construir a unidade agardaremos outro ano. A vida segue e a nación debe proseguir.

Ese ocultamento da convocatoria practicado por eses medios ilustrou claramente a súa estratexia, a división, e como temen e fan por impedir a unidade política social e nacional galega

A xornada foi un éxito de nós e tamén unha victoria contra os poderes dominantes. A censura practicada sobre a convocatoria da comisión cidadá “pola unidade” foi un amordazamento sonoro e elocuente. Ese ocultamento da convocatoria practicado por eses medios ilustrou claramente a súa estratexia, a división, e como temen e fan por impedir a unidade política social e nacional galega. O que eles negan é xustamente o que nós debemos afirmar.

O que cómpre agora é fraguar unha unidade entre diversos que comparten un programa social e a afirmación nacional

E iso é o que cómpre agora, fraguar unha unidade entre diversos que comparten un programa social e a afirmación nacional. A experiencia vivida nas últimas semanas mostra tanto as dificultades como as posibilidades.

Os medios de comunicación, aínda que non puideron ocultar a novidade política que foi e o carácter de convivencia e unidade, fixeron por reducir o alcance a un mero achegamento dentro dun nacionalismo galego dividido desde hai un par de anos. Quen estivemos alí sabemos que foi moito máis que iso, o que presenciamos e ouvimos desde o palco foi outra cousa: a aparición dun lugar cultural, social e político nacional inclusivo.

Un lugar no que tamén couberon forzas sindicais e políticas pertencentes a estructuras estatais, un lugar no que coubemos xente que non temos adcrición partidaria definida, no que coubemos xente que non nos referimos a nós propios como “nacionalistas galegos”, tampouco nacionalistas españois, simplemente cidadáns e cidadás dunha nación que queremos construir, a galega. Alí estivemos persoas que respectamos a “estreleira”, ese énfase vermello na nosa bandeira, mais que temos por nosa e abóndanos a bandeira azul e branca coa que enterraron a Castelao ou a estrela azul e branca que lle puxeron no peito ao corpo fusilado de Alexandre Bóveda.

Para chegar a ese día houbo que facer en tres semanas un interesante experimento político, un proceso acelerado no que as organizacións que partillaron esa esperanza tiveron que aceptar desprenderse e ceder moitas cousas, cousas ou palabras que até ese momento consideraban trascendentes e intocabeis.

Un dos obstáculos a superar foron as estratexias políticas que procuran un camiño nos partidos españois que artellan e garanten a existencia do estado español tal e como el é

A vontade de construír e un diálogo forzado pola urxencia de chegar xuntos a esa data axudou a superar os dous obstáculos que estaban aí: un obstáculo eran as desavinzas e receos froito da división e do encono entre quen foran antes militantes da mesma organización e outro, as estratexias políticas que, lexítima aínda que infructuosamente, procuran un camiño nos partidos españois que artellan e garanten a existencia do estado español tal como el é, centralizado cultural, lingüistica, política, mediática e económicamente na corte. Cómpre explorarmos agora as posibilidades da unión social e nacional entre nós e desde aquí.

O calendario estivo da nosa parte para forzarnos a axuntarnos nas rúas santiaguesas ese día, tamén pode estar da nosa parte forzándonos a encarar o que nos deixou diante esa xornada que moitos chaman “histórica”: a unidade. Será de certo día histórico se de contino damos tecido unha candidatura unitaria soberana que represente os intereses lexítimos desta sociedae que sofre desprezo ignorante, expolio e humillación desde hai séculos. Se damos fraguado un grupo galego que exprese no parlamento español a contundente existencia da nación dos galegos e galegas. Unha nación que non nace do sangue nin dun golpe de estado senón pola vontade da cidadanía libre.

Será de certo día histórico se de continuo damos tecido unha candidatura unitaria soberana que represente os intereses lexítimos desta sociedade que sofre desprezo ignorante, expolio e humillación desde hai séculos

Para iso é preciso non ollar atrás máis do imprescindíbel e invocar o espírito de unión e inclusión do 25, unicamente. É evidente que iniciar ese proceso obrigará a unhas partes e outras a deixar de banda o que as separa e pór sobre a mesa aquilo no que moitos podemos confluír. É evidente que ese proceso de recoñecemento previo do outro e de achegamenteo inmediatamente despois conducirá a unha autocrítica e revisión dos pasados particulares. Iso ha ser necesario mais é o que menos nos interesa a moitas persoas que nos temos sentido excluídos do relato do que ten acontecido na Galiza nas últimas décadas, o que nos interesa a moita xente é crear un relato novo que nos recoñeza a todos e unha cultura política inclusiva e non sectaria. A iso debe axudar comprender que os vocablos e os conceptos tradicionais para referirse tanto á esquerda como ás nacións non permiten ver o mundo e a vida que temos diante hoxe e aquí

O que nos interesa a moita xente é crear un relato novo que nos recoñeza a todos e unha cultura política inclusiva e non sectaria

Se en tres semanas conseguimos un 25-X fermoso, en meses podemos dar cunha candidatura unitaria, que non se poderá chamar “bloque” nin “marea”, mais que nos pode conducir a todos cara adiante na esperanza. Este é un tempo de cidadanía, certo, mais a responsabilidade téñena os partidos que deben ouvir o que a cidadanía lles critica e o que agarda deles. Agardamos por vós.

Acerca de Suso de Toro