A auga non é unha mercadoría

O episodio da chamada "crise da auga" acaecido en Ferrol amosa os perxuizos que para a cidadania causa a xestión privada da auga. Segundo o plego de contratación que deu lugar á creación de Emafesa, corresponde ao socio privado a xestión e explotación do ciclo da auga. Polo tanto o socio privado da empresa mixta é o responsable último do subministro de auga e da súa potablilidade.

A xestión privada dá lugar, aparte do acontecido estes días, o incremento de tarifas e a certas connotacións medioambientalmente insostibles, como o incremento de bombeos de augas pluviais, pois a maiores bombeos, maiores beneficios empresariais. Ademais o non existir órganos reguladores nin indicadores de xestión, non se pode avaliar a calidade da prestación do servizo. Por iso cando se decide privatizar existe unha perdida real do control por parte da administración pública e un empeoramento da prestación do servizo.

Polo tanto, sería esencial agora que por parte do Concello se levara a cabo unha auditoría e unha fiscalización que puidera dar lugar á rescisión da concesión administrativa por incumprimentos da adxudicación e por non se ter garantido a correcta prestación do servizo.

A xestión publica do servizo de augas é unha necesidade básica para que a auga volva ser un dereito humano esencial e non poida ser tratada como unha simple mercadoría.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.