A batalla contra as touradas ímola gañar!

“Só nos opoñemos á barbarie, non ao que nos engrandece” respostou un edil antitouradas ao concelleiro de cultura de Ourense que pretendía introducir as touradas nas festas locais, baixo o argumento de que “engrandecerían a cultura galega”, reducida, na súa opinión “á gaita e mais á billarda”, e atrevéndose a comparar as corridas de touros coas sinfonías de Beethoven. Iso pasou alá polo ano 2000. A ignorancia é desculpábel, non así a estupidez.

O caso que acabamos de citar é ilustrativo do valor que os taurinos outorgan ao espectáculo que defenden, mais aló da cerimonia sádica de maltrato que ten lugar nas prazas de touros.

Atribúenlle o carácter de arte non só para elevar a categoría do que os demais ollamos como unha secuencia degradante na que se lesiona, mutila e mata un touro indefenso, dotando este rito dunha pátina metafísica e por veces preto do esotérico, que ouvimos dos “entendidos taurinos”, comentaristas grandilocuentes e sisudos articulistas que interpretan a destreza dos matarifes tal e como os augures da antiga Roma.

Para eles, o problema dos antitouradas é que “non entendemos” as touradas. Non valoraremos o caviar cultural co que se nos agasalla, debido á nosa ignorancia ou á incapacidade para o desfrute. Para eles, somos impotentes.

As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade

E se damos mostras de entendemento, entón o problema é de índole política, e aparece, como sempre, un vello adversario, case tan antigo como as touradas: a “anti-españa”. Seica pretendemos “politizar” as festas, como se eles non engalanasen con trapos de cores o seu recinto festivo nin fachendeasen dos políticos e empresarios de alta alcurnia que acoden a ver o espectáculo.

Pero os anti-touradas debemos ter en conta que as súas argumentacións proceden do campo do emocional, do irracional, co consecuente diálogo de xordos. Ao teren constituído un mito a partir das touradas, que forma parte á súa vez dunha mitoloxía que conciben como parte inseparábel do seu concepto de identidade, identifícannos inmediatamente non como discrepantes, se non pura e simplemente como inimigos que poñen en perigo as súas tradicións seculares.

Mais, como lembramos habitualmente, as tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.

Iso é o que tentamos comunicar ano tras ano nesta manifestación.

Nós, sabedores de que a mitoloxía desaparece en favor da ciencia, da mesma forma que sabemos que o sistema nervioso do touro padece o sufrimento de forma similar ao ser humano, queremos tamén repasar unha serie de feitos sobre a historia das touradas en Pontevedra.

Cando o rei Fernando VI, francés, prohibe as touradas en todo o estado en 1754, os historiadores tentan convencelo de que as orixes das mesmas se remontan “al tiempo de la invención del sagrado cuerpo”. Algo similar sucede coas corridas en Pontevedra, que a pesar de constituíren un fenómeno recente tentan levalas ao albor dos tempos.

Na época castrexa, así como durante a romanización, o sacrificio de animais estaba ligado ás ofrendas a deuses. Coa cristianización dos ritos pagáns, durante toda a Idade Media atopamos por Europa adiante sacrificios de reses e outros animais en festividades relixiosas, e non é raro que na Galiza da época, en Pontevedra ou Compostela se lanceasen de forma cruel bois durante as festas do Corpus ou en vésperas de San Xoán.

A partir dos Reis Católicos, a chegada de correxidores e cargos casteláns na administración favorece que de forma esporádica se lidien touros, como festexo alleo aos costumes galegos da época e que nunca chegou a arraigar realmente no país

Xa na Idade Moderna, a partir dos Reis Católicos, a chegada de correxidores e cargos casteláns na administración favorece que de forma esporádica se lidien touros, como festexo alleo aos costumes galegos da época e que nunca chegou a arraigar realmente no país.

Temos que recordar que é no século XVIII cando se sistematiza a cría do touro bravo nos ecosistemas das devesas e dítanse as normas do que hoxe é coñecido como “corrida de touros”, construíndose as primeiras prazas de touros no reino de España.

Pero nin en Pontevedra nin no resto do territorio galego atopamos mención algunha a touradas durante esta etapa, tendo que agardarmos até finais do século XIX para que se constrúan as primeiras prazas.

Hai que dicir, ante todo, que en Galiza non existía nin existe a cría de touro bravo, nin o ecosistema adecuado para o facer. A partir do ano 1890 van xurdindo diferentes iniciativas de mans das burguesías locais e dos concellos para construír prazas de touros, aproveitando a chegada do tren a Galiza nesa mesma época, que permitiría o traslado das gandarías desde miles de quilómetros de distancia.

Sen dúbida, a corrente ideolóxica que xorde despois da caída do Imperio español, e que tenta afianzar unha cultura uniforme en todo o territorio do estado, dá lugar ao interese pola construción das prazas de touros nesa época como un símbolo mais da cultura que se pretendía como xenuinamente española.

A corrente ideolóxica que xorde despois da caída do Imperio español, e que tenta afianzar unha cultura uniforme en todo o territorio do estado, dá lugar ao interese pola construción das prazas de touros nesa época como un símbolo mais da cultura que se pretendía como xenuinamente española

A praza de San Roque, mais correctamente chamada das Corbaceiras ou do Campo da Torre, tivo unha versión previa de madeira en 1892, que sería substituída por unha de pedra en 1899. Construíuse a partir de doazóns da burguesía local, e hai que recordar que naquela altura o concello cedeulles gratuitamente aos particulares unha finca que até entón era pública. Alí estendían os mariñeiros as redes para a pesca.

Desa etapa datan tamén as prazas de Compostela, en 1897, da Coruña, en 1884 e a de Vigo en 1896. Desas tres prazas a única que permaneceu no tempo foi a da Coruña, derrubada en 1967 por intereses urbanísticos. O feche das prazas dá idea da escaso interese que durante toda esa etapa espertaban as corridas en todo o territorio, mesmo en etapas tan escuras como o franquismo.

No caso da única praza de touros que sobreviu finalmente, a de Pontevedra, existía unha única corrida anual durante o verán, até que no ano 1982 os novos empresarios que mercaran a praza decidiron aumentala, aproveitando o turismo xerado polo Mundial de fútbol.

Os irmáns Lozano deseñan unha táctica para revitalizar a festa, xunto con empresarios da hostalaría e o apoio das institucións públicas locais daquela época, que vai ser o apoio e axuda económica para formar peñas taurinas. É así como se pasa de unha soa a mais de dez en pouco tempo.

Existía unha única corrida anual durante o verán, até que no ano 1982 os novos empresarios que mercaran a praza decidiron aumentala, aproveitando o turismo xerado polo Mundial de fútbol

O carácter das touradas vira a festivo, e durante vinte anos, van xurdindo peñas, sobre todo de mozas e mozos, que por mímese, e aínda non acudindo á praza, tan só buscan a diversión polas rúas da cidade, de forma similar á mocidade doutras vilas nas festas do viño ou da auga. Un fenómeno que hai que desligar forzosamente da cerimonia de maltrato animal que se vive dentro da praza.

Durante toda esta etapa existiu unha complicidade por parte das institucións locais, mercando ducias de entradas e agasallándoas ou promocionando a festa. Tamén o apoio decidido dos medios de comunicación da cidade, que en base á publicidade das touradas adicaban numerosas páxinas e especiais informativos a cubrir até a última anécdota relacionada coas corridas, revestíndoas dun prestixio tan falso como hipócrita.

A partir do ano 2000 o goberno municipal muda, suprime axudas ás touradas, presenza institucional, compra de entradas e as barras nas rúas, provocando unha manifestación pro-taurina até o concello e numerosas pancartas e asubíos na praza de touros. Pero os que politizamos somos os anti-touradas, recordémolo.

Cómpre recordar que aquel ano os mesmos que defendían as touradas tamén criticaban a supresión da figura retrógrada da raíña das festas. Unha vez mais, touradas e machismo collidos da man.

Ate a actualidade, foi a Deputación de Pontevedra a que deu cobertura institucional e económica ás touradas

Ate a actualidade, foi a Deputación de Pontevedra a que deu cobertura institucional e económica ás touradas. A pesar da dificultade para obter os dados, sabemos que nos últimos anos ten financiado a promoción das touradas a través da semana cultural taurina. Patrocina á Coordenadora de Peñas Taurinas e ten contratado bandas de música e charangas para a praza, así como agasallos diversos para os asistentes, como os 8500 panos do ano 2007 ou os 5300 abanicos. En cando menos dous exercicios subvencionan con miles de euros as actividades dunha coñecida peña taurina presidida por un familiar da vicepresidenta da deputación. Unha peña taurina que por certo contempla entre as súas actividades a de peña gastronómica. E fica aínda moito por desvendar agora que a Deputación mudou de goberno, quen se comprometeu a pórlle fin a esta barra libre taurina.

Non encanto, os propietarios da praza son multimillonarios que posúen un Imperio Taurino, con numerosas prazas de touros, ganderías e infraestruturas para o negocio dos touros, que como sabemos leva até 500 millóns de euros en subvencións públicas estatais e europeas todos os anos, a través da cría de gando e de axudas directas.

Os propietarios da praza son multimillonarios que posúen un Imperio Taurino, con numerosas prazas de touros, ganderías e infraestruturas para o negocio dos touros

Dos irmáns Lozano, explotadores do martirio animal, só podemos dicir até o momento que desenvolven unha actividade até o día de hoxe, e por desgraza, legal, eximida pola Lei Galega de Protección Animal que si pena o maltrato a calquera outro ser vivo sen xustificación.

Pero pouco podemos agardar dos mesmos gobernantes da Xunta que acoden ano tras ano ás touradas e apoian a barbarie coa súa presenza e declaracións.

Mentres tanto, reivindicamos do Concello de Pontevedra un papel máis activo na causa antitouradas. É inexplicábel a tolerancia face a excesiva publicidade que a pé de rúa teñen os paneis metálicos taurinos, auténticas barreiras arquitectónicas nunha cidade aberta para o cidadán.

Tamén que evite toda colaboración ou convenio cos propietarios da praza e estude, en virtude da titularidade pública dos terreos onde se asentou primitivamente a praza, un futuro alternativo para a mesma a longo prazo, que para nós pasa pola súa reconversión.

Reivindicamos do Concello de Pontevedra un papel máis activo na causa antitouradas. É inexplicábel a tolerancia face a excesiva publicidade que a pé de rúa teñen os paneis metálicos taurinos

Estamos lonxe do caso de concellos como o de Padrón que financia directamente as touradas, que aínda así dan perdas todos os anos, mais non por iso debemos de dar un toque de atención ao concello pontevedrés para que atenda as demandas xustas dos antitouradas.

A partir de agora, e en base á competencia, esforcémonos en abolir as touradas en Galiza para contribuírmos á causa internacional. Deberemos facer fronte común cos demais colectivos antitouradas que operan no territorio para levar as nosas demandas ao Parlamento e esixir a reforma da Lei de Protección Animal, seguindo os pasos trazados polo Parlament Catalán e abolirmos esta vergoña.

Non podemos nin debemos subestimar a nosa capacidade para mudar as cousas. En Vigo, o movemento antitouradas logrou paralizar o intento por construír unha praza hai 10 anos, e os casos xa citados de Catalunya ou das Canarias amosan o camiño.

O 8 de agosto ás 20:00 na Praza da Peregrina temos unha cita contra a barbarie taurina!

Tamén os casos intencionadamente silenciados da prohibición en Ecuador, Venezuela e Nicaragua. Cada vez quedan menos redutos para a tauromaquia, e son cada vez mais os países que van eliminando do seu ordenamento xurídico o maltrato legal aos animais.

Non é unha utopía, por tanto. Pero para logralo, precisamos esforzo, unión e dedicación. O 8 de agosto ás 20:00 na Praza da Peregrina temos unha cita contra a barbarie taurina!

Touradas non, abolición!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.