Razóns para a esperanza (e 2): Galeguismo 2.0

Compañeiros e compañeiras que desexades unha candidatura unitaria para conseguir un grupo parlamentar soberano galego nas Cortes, ben quen participou nalgún proceso asembleario, ben quen aínda non tivo ocasión, ben quen milita nalgún partido ou organización progresista, cidadanía galega mobilizada:

Os poderes, a través de políticos e dos medios de comunicación están a loitar decididamente contra o noso proceso de construción política

Como aconteceu sempre, teremos que defender a nosa cordura, a nosa realidade, fronte a visións alienantes nas que nos quere encerrar os poderes instituídos. Os poderes, a través de políticos e dos medios de comunicación están a loitar decididamente contra o noso proceso de construción política e negan o que vivimos, din que as nosas experiencias non existen, que a realidade é outra.

Din que entre nós existen enfrontamentos e divisións sen solucións e pidennos que atendamos ao seu guignol onde, agochados tras o estaríbel, moven as siglas dos partidos como se fosen monicreques do Barriga Verde a sacudírense coa moca. Os medios moven cunha man as siglas do BNG e coa outra man as de Podemos  e seica nós debemos berrar a favor ou en contra dun ou doutro. Ou sacoden outro monicreque dun mesías que falará por nós e nos pastoreará como ovellas cara á terra prometida. Trangallada falsa toda de toda falsidade. A realidade vivida por nós é outra e debemos defendela ante cada un, cada  unha, de nós antes de nada e ante os demais tamén. Debemos ser testemuñas do que fixemos e temos vivido e difundilo.

Non foron os partidos, non son os partidos, non serán os partidos os protagonistas deste proceso político

Non foron os partidos, non son os partidos, non serán os partidos os protagonistas deste proceso político. Serán acompañantes e impulsores os que o desexen, mais isto naceu da cidadanía. Do descontento da cidadanía coa actuación dos partidos progresistas  naceu unha demanda de participación de cada cidadán, de cada cidadá; do descontento ante divisións que impedían afrontar políticas lesivas para as persoas e para o noso país naceu a demanda de unidade nacional galega; do descontento polos enfrontamentos que incapacitan para coincidir na mínima convivencia entre uns e outros naceu a convocatoria por un 25 de Xullo da nación galega…Estas demandas cívicas naceron de lugares distintos, con culturas políticas distintas, eran regueiros separados, mais no curso destes tres meses foron evolucionando e as augas foron mesturándose. E, de tal xeito, que en diante as augas pola unidade da nación galega e as augas das mareas han formalizar o correr xuntas pola mesma canle.

No día 23 en Conxo máis de catrocentas persoas acurtaron diferenzas iniciais e acordaron cordura, asinaron un pacto de irmandade para, sendo diversos e distintos, unirse por un obxectivo cívico común: conseguir para o noso país un grupo parlamentar no novo tempo da política do Estado

E alí deuse algo impensábel hai tres meses: asinaron, abrazáronse e votaron unánimes persoas que forman nas mareas municipais e mantiveron desconfianzas dos partidos e os máis conspicuos representantes de partidos que mantiveron desconfianzas das candidadutras municipais independentes. Uns e outros tiñan, tiñamos, motivos para as desconfianzas, porén nestes tres meses conseguimos achegarnos, escoitarnos e ollármonos aos ollos: podemos formar unha unidade na que ninguén teña que renunciar a súa identidade e na que gañemos todos, todas. Unha unidade polo país.

Podemos formar unha unidade na que ninguén teña que renunciar a súa identidade e na que gañemos todos, todas. Unha unidade polo país

Unha asemblea de tanta xente diversa na que había representantes das dúas principais centrais sindicais do país, presidindo a sesión un representante histórico das CCOO e asistindo os principais representantes da CIG, sentados entre o público dirixentes, cargos e persoas que proviñan do BNG, Cerna, Compromiso, EU, PG, Anova, Podemos, independentistas, CG, candidaturas municipais, mareas..., Discutindo ideas e textos e acordando unánimente.

Se isto que acabo de escribir ocorreu, e eu dou fe de que ocorreu, que ten que ver o que informaron e informan os medios? Que outra cousa que intoxicación é o que fan? Debemos saber que se fiamos no que conten do que nós facemos estaremos perdidos, extraviados no camiño. É preciso fiar en cada un, en cada unha de nós e difundir a nosa visión do que está en marcha, conscientes de que traballan e traballarán en contra nosa.

Nos próximos quince días continuará un proceso de bóla de neve, seguirán a converxer iniciativas cidadás e logo haberá un diálogo formal cos partidos, cada partido dirá se quere ou non sumarse, se quere que contemos con el. Mais mentres a realidade, a verdade dos feitos é que a iniciativa foi, é e será da cidadanía mobilizada. Será o pulo cívico o que consiga ese obxectivo: a candidatura por un grupo parlamentar propio.

E hai un logro moito maior, pode que polo de agora non sexa visíbel aínda, o nacemento dunha nova cultura política e dun novo espazo cívico. E tamén é un logro noso, debemos estar orgullosos. Refírome a un consenso cultural e político no que asenta esa unidade que estamos a construír, un recoñecemento mutuo entre esas dúas correntes principais: unha máis comunitarista e outra máis individualista ou liberal, unha que achega a memoria da continuidade nacional e outra que achega a nova cultura cívica dunha cidadanía esixente e participativa.

É un novo galeguismo, un Galeguismo 2.O, que prefigura unha nación que ten conciencia e memoria comunitaria e formada por cidadáns e cidadás que libremente debaten e ordenan

Atrévome a dicir que é un novo galeguismo, un Galeguismo 2.O, que prefigura unha nación que ten conciencia e memoria comunitaria e formada por cidadáns e cidadás que libremente debaten e ordenan. Ser  cidadáns galegos e galegas non por un destino imposto senón por decisión de vivir o noso tempo desde aquí entre xente que queremos por nosa.

O ocorrido nestes últimos tempos foi un proceso acelerado de madurecemento político, o nacemento de algo novo que nos debe facer sentir orgullosos.

Fronte a cousas tan fermosas e importantes, candidaturas que xa están para parir e cousas que aínda non teñen nome aparecen e aparecerán nas próximas semanas mesquindades. Lembremos que quen poña obstáculos moverá as figuras do guignol, os seus monicreques. Que se Podemos ou non. Ese partido pode facer o que os demais, se asume os puntos básicos deste movemento cívico só que ten que dicilo e os seus membros poderán facer o que faremos todos e todas, militantes doutros partidos e persoas independentes, anotarse de un en un, como persoas que son. Como cidadáns e cidadás que somos. O demais é enredar para enredarnos. Non perdamos tempo.

E despois do vivido e despois de contalo xa pouco máis me queda que dicir, adiante e até sempre!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.