0 Gardados para despois

Xosé Mª Dios Diz

Pagar por acudir enferm@ ao hospital

Dende que se puxo en marcha o novo hospital de Vigo, @s doentes e acompañantes, así como @s traballadores/as, teñen que pagar 1,86 euros a hora por aparcar no único aparcadoiro privado que ten o hospital de referencia d@s asegurad@s da comarca de Vigo. A conselleira, di que “non é o máis caro de Galicia”: váia desfachatez!!! Como é posible que unha administración faga un aparcadoiro privado para ir a un hospital? É coma se no aparcadoiro de Facenda, en Compostela, che cobrasen, ou no estadio de San Lázaro... Isto tamén sucede no Hospital de Compostela, pero este, a maiores, ten un aparcadoiro público que, dependendo das horas da mañán, está máis ou menos ocupado. A falta de espazo e a desorganización, entre as 8 e as 13 horas, é tal, que pode levar máis dunha hora encontrar un sitio (se non terminas no privado: escaso e mal atendido, aparte de caro).

Como é posible que unha administración faga un aparcadoiro privado para ir a un hospital?

As administracións que nos gobernan, e que maioritariamente eliximos para resolver os nosos problemas, non poden crealos. Se se constrúe un macro hospital como o de Compostela, teñen que previr o número de traballadores/as que van traballar diariamente e ter un cálculo aproximado do número de doentes e familiares que acudirán cada día, ás consultas e outros servizos do hospital. Non facelo, ou é unha irresponsabilidade que invalidaría xá a calquer/a político ou faría que o responsable máximo (Feijóo) cesase esa persoa inmediatamente.

Como se leva un familiar que está impedido (e enfermo) nun autobús ata o hospital? E a cadeira de rodas, ou se ten muletas ou andador? Quen pensou que un/unha doente que ten que ir por urxencias, espere polo autobús... Collerá un taxi, ou irá no seu coche. E logo, onde o deixa? E se ten que quedar internado, como fai co párking?

O dos aparcadoiros alternativos (disuasorios), como o de Santa Marta en Compostela, están pensados para acompañantes sans e que en Santiago “nin chove nin venta”. Como vai un/unha doente, dende Santa Marta ao Clínico, chovendo a maioría das veces? Tería que haber lanzadeiras de autobuses, cunha frecuencia lóxica e que incorporaran ás cadeiras de rodas, muletas, andadores, etc. Existe iso actualmente? Non.

Temos @s responsables que merecemos no Sistema Sanitario Público? Á vista dos feitos que estamos  descubrindo nos últimos días, parece que a Sanidade a goberna un/unha inimig@ da propia Sanidade Pública. Dende a externalización de servizos, dende a derivación de pacientes da Sanidade Pública a privada, dende darlle contratos millonarios ás multinacionais para os aparatos máis sofisticados e técnicos que existen, pasando por todo tipo de copago: mediciñas, prótese... Dende a non sustitución do persoal co acúmulo de tarefas correspondentes @s traballador@s que quedan, dende a rebaixa de salarios e o roubo das pagas extras... Fan que quen nos tiña que defender cando temos mala saúde, o que quere é que empeoremos e deixemos de ser unha carga para o Sistema Sanitario Público.

Acerca de Xosé Mª Dios Diz

Xosé María Dios Diz é voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela.