Gandeir@s: Orgullo de país

A muralla tomada civicamente polos tractores… Incluso esteticamente, impresionante. Santiago tomado…  Mais… que pasou? Non teño outra información cá que podo ler nos medios. E non sei se é toda a verdade… Sabíase que as discrepancias, antes ou despois, habían aparecer. Inevitable. Son moi variadas as circunstancias e as formas de entender e de vivir o conflito.

Pero a loita continúa. Si, a maioría d@s nos@s gandeir@s seguen aí. Loitando polo seu. Loitando, cheos de razón, por vivir dignamente do seu traballo. Porque non é nin máis nin menos ca iso: cuestión de dignidade.  E a sociedade, maioritariamente, con eles. Como non! Sempre hai voces discordantes. É de seu. Que se vaia tractores e maquinaria teñen. Que se viven en casas mellores cá maioría das persoas que vivimos en pisos nas cidades. Que se teñen dous ou tres coches por casa. Que se aproveitan moitas subvencións… Bla, bla, bla… É que @s gandeir@s (tanto @s que producen leite coma carne) non teñen dereito a vivir na era tecnolóxica na que vivimos a maioría da sociedade de referencia? É que @s gandeir@s non merecen o dereito a que as súas fillas e os seus fillos teñan as mesmas posibilidades de ir á universidade cá  maioría d@s mortais?

Que sería de Galicia sen gandeir@s? Alguén pode imaxinalo? O pouco que queda da Galicia rural está aí por elas e eles. Que sería da nosa terra, da nosa paisaxe, sen a actividade gandeira?  E…  indo máis aló, canto lles debe a nosa lingua? … Son pouc@s, comparado cos que foron. Pero son necesari@s. Imprescindibles! No económico, dos cartos da carne e do leite, principalmente, viven as vilas galegas. E, tamén, as cidades. Non o esquezamos. Alguén sabe cantos pisos venderon os construtores das vilas e cidades galegas grazas aos cartos da carne e do leite? …  Claro, claro…

Subvencións? Si, seguro. Pero eles e elas non loitan por iso. As subvencións son a consecuencia dunhas leis de mercado absurdas e acaban sendo imprescindibles para que a roda non pare. Quen vive sen subvencións? Que pasa co mar? E coa minaría? E con tantos outros sectores industriais? Mesmamente, coa cultura? Deixémonos de hipocrisías e de superficialidades…

E o goberno, os gobernos, que? Para que están? Coma sempre, os gobernos acórdanse das goteiras cando chove. Daquela, remendos improvisados. E, no entanto, batalliñas electorais. Algún goberno pensa a máis alá de catro anos vista?  Esta problemática, coma tantas outras, require de seriedade, de compromiso e de decisión. De estudo, análise, profesionalidade  e de plans de actuación a curto, medio e longo prazo. E de valentía e pedagoxía  para descabezar inercias tóxicas e privilexios moi enraizados. Ai, xa…

Que bonito sería que toda esta enerxía branca servise para canalizar  e poñer en práctica o lema inicial que adoptaron @s gandeir@s: “A unión fai a forza”.  Que as e os gandeiros de toda Galicia se unisen para crear unha industria láctea galega con peso no mercado global, xestionada unicamente dende a competencia e a idea de facer país. Que a administración, o goberno, fixese algo serio de verdade para que isto ocorrese. Que bonito, grande, intelixente e necesario sería…  Ai, pero…  non lles estarei contando o conto da leiteira?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.