Que Marea Galega queremos?

Nos próximos días o 'Encontro Cidadán por unha Marea Galega' celebra un proceso de votación online entre os máis de 1400 asinantes do seu manifesto, unha consulta que sen dúbida mudará o proceso de construción dunha candidatura unitaria. O proceso a votar é para decidir se o Encontro debe continuar a traballar como até agora, paso a paso e de forma horizontal, ou se debe fusionarse coa outra plataforma de confluencia, 'Iniciativa polo Unión', resultado do Banquete de Conxo 2.0.

Nos próximos días o 'Encontro Cidadán por unha Marea Galega' celebra un proceso de votación online entre os máis de 1400 asinantes do seu manifesto

O que se decida non só condicionará o proceso de converxencia, senón que probablemente marcará un antes e un despois no mesmo. A idea é clara, todos os asinantes de ambos manifestos (eu en concreto do do Encontro) queremos e buscamos a unidade popular, unha candidatura única galega que nos permita ser primeira forza no país e sirva para acumular forzas (nas institucións mais tamén cómpre facelo nas rúas) e propiciar unha creba democrática que remate co Réxime do 78, coa vista posta nun proceso constituínte que nos leve á III República, nun novo marco no que os diferentes pobos do estado podamos decidir, tamén, sobre o noso futuro. O obxectivo é claro, pero as formas de facelo tamén son importantes.

Mentres que o Encontro nace da iniciativa de persoas sen afiliación política e continúa con xuntanzas con todo tipo de organizacións políticas e mareas, coa celebración de encontros de debate e a celebración de primarias para elixir unha coordinadora plural, IxU non evoluciona da mesma maneira nin coa mesma independencia, xa que dende o primeiro momento hai unha organización política impulsándoa, o cal non é en absoluto baladí.

Os poucos asinantes de ambos manifestos levan dende o Encontro do 12 de setembro chamando á fusión de ambos en pé de igualdade, para crear algo dende cero e comezar a camiñar de novo, cando o camiño percorrido non é o mesmo. O máis preocupantes son moitas das formas, usando chantaxes e acusacións de cara á Coordinadora do Encontro no que se delata como un intento desesperado de persoas interesadas, máis que na converxencia, en copar o suxeito político das Mareas.

Se queren unidade, por que seguen bloqueando as iniciativas das Mareas e candidaturas cidadás nos diferentes concellos do país?

A min persoalmente non me vale que certas organizacións á deriva dende hai anos, veñan agora dicindo que xa renunciaron ás súas siglas e que iso demostra que están dispostas a sumar. Moitas outras xa o fixeron antes e agora non se comportan desa forma, exixindo nada. Se queren unidade, por que seguen bloqueando as iniciativas das Mareas e candidaturas cidadás nos diferentes concellos do país? Por que seguen atacando ao resto de organizacións políticas que levan nestes procesos dende o seu comezo e que xa os convidaron a vir en varias ocasións, ao que eles respondían con arrogancia?

Iso demostra que aínda non entenderon nada, non saben o que queremos crear. A Marea Galega non ten que ser nin unha coalición á vella usanza nin un espazo monopolizado por unha organización política en concreto, a Marea Galega ten que ser os gandeiros en loita, os pescadores e apicultores agredidos, as persoas vítimas dos incendios que cada ano arrasan Galiza, a mocidade precaria e as estudantes sen bolsas de estudo, a sanidade pública, as persoas vítimas de despexos, os movementos sociais e feministas, a comunidade cultural... Todo iso fai Marea, esas persoas son as fundamentais, o resto son anécdotas.

A Marea Galega non ten que ser nin unha coalición á vella usanza nin un espazo monopolizado por unha organización política en concreto

Preocúpame moito o proceso de unidade. Corremos o risco de que non se den as condicións necesarias, o cal non se solucionará fusionando nada. O Encontro naceu para crear as condicións propicias da unidade popular, non para ser o espazo onde se realice (tal como reclaman coa fusión os de IxU). Creo que o Encontro vai polo bo camiño, traballando actualmente no programa, mentres outros fan propaganda.

Todo isto, sumado ao seu modus operandi e metodoloxía, fanme crer que a mellor opción é a NON FUSIÓN DE AMBAS PLATAFORMAS, o que non implica que non podan seguir colaborando de cara á construción dese espazo de unidade, en absoluto, mais a fusión, considero, podería poñer en perigo a construción dun espazo verdadeiramente amplo, participativo e horizontal, coas organizacións políticas nun segundo plano.

Hai quen busca neste proceso a reunificación dun espazo electoral, cando o que necesitamos é a creación dunha Fronte Ampla capaz de rachar co establecido até agora e abrir paso a un proceso de procesos constituíntes

Hai quen busca neste proceso a reunificación dun espazo electoral, cando o que necesitamos é a creación dunha Fronte Ampla capaz de rachar co establecido até agora e abrir paso a un proceso de procesos constituíntes. A reunificación só lles interesa a uns poucos, as galegas e galegos queremos mudalo todo e niso seguiremos!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.