A vaquiña polo que vale

Este dito que tantas veces escoitei na vida cotiá da miña infancia como unha sentenza inapelábel, volveu facerse moi presente nas últimas semanas. Desta vez foron os e as gandeiras de Mazaricos os que trouxeron esa máxima á actualidade pendurada dos seus tractores.

Hoxe os calotes non pasan nas feiras de gando, polo demais xa case extinguidas. Hoxe son máis sofisticados e teñen rango. Publícanse no Boletín Oficial do Estado e si, con rango de Real Decreto

Seguro que o meu avó cando lle replicaba con tal dito nas feiras aos outros tratantes era como medida preventiva ante un previsíbel calote. Hoxe os calotes non pasan nas feiras de gando, polo demais xa case extinguidas. Hoxe son máis sofisticados e teñen rango. Publícanse no Boletín Oficial do Estado e si, con rango de Real Decreto.

Acaso non é tal unha promesa de axudas ao sector lácteo de 300 millóns de euros que por obra da imprenta do BOP se converten en 20. Non é tal que os anuncios de 300 euros por vaca se volvan 110 cando o seu leite se pague por riba dos 24 céntimos sempre que non pase dos 27, e cun tope de vacas por explotación.

Pero como sempre dixen, e tamén así o dixeron  nas rúas as miles de persoas que cada día traballan arreo para producir leite, o problema non era de subvencións, non se trataba dunha esmola máis. O problema era de prezos. De garantir unha remuneración xusta e digna por un traballo. De recoñecer e darlle o valor que lle corresponde á función económica, social, demográfica e territorial que cumpre para Galiza o traballo dos e das gandeiras. O esforzo que fixeron no pasado e fan no presente.

Como sempre as trampas están na letra miúda. Neste caso esa letra case invisíbel é a que me indigna porque atenta contra a intelixencia e a dignidade como galega. Indígname que para que unha granxa galega poida recibir eses 300 euros de esmola teña que acreditar ter vendido o leite en abril, maio, xuño e xullo a menos de 0,245 céntimos e que unha granxa polo feito de estar en Andalucía teña idéntico dereito vendendo por baixo de 0,315.

Indígname que para que unha granxa galega poida recibir eses 300 euros de esmola teña que acreditar ter vendido o leite en abril, maio, xuño e xullo a menos de 0,245 céntimos e que unha granxa polo feito de estar en Andalucía teña idéntico dereito vendendo por baixo de 0,315

Indígname outra discriminación desa España que non nos entende e á que non lle importamos. Pero até onte o que máis me remexía era o silencio cómplice do Goberno Galego. Ese que ten  a obriga de defender os intereses dos e das gandeiras galegas e non da Ministra, nin das gran industria, nin das distribuidoras francesas nin dos e das andaluzas.

Digo até onte porque hoxe o que  me ten desolada é que a Rosa Quintana, Conselleira do Medio Rural abandonase o seu silencio. Abandonou o silencio non para clamar contra esta inxustiza, non. Abriu a boca para xustificar e avalar á Ministra, porque seica en Andalucía é máis caro producir leite por iso hai que pagarlles máis.

Abandonou o silencio non para clamar contra esta inxustiza, non. Abriu a boca para xustificar e avalar á Ministra, porque seica en Andalucía é máis caro producir leite por iso hai que pagarlles máis

Resulta irritante que a Conselleira non entenda que precisamente porque aquí temos mellores aptitudes para producir leite e en condicións máis competitivas, palabra que tanto lles gusta na dereita, é polo que se debe amparar e defender con máis ansia aos e ás gandeiras.

É escandaloso que o Goberno Galego non lle recorde a España por mor de usar o noso leite como moeda de cambio para preservar outras producións, algunhas por certo andaluzas, os e as gandeiras galegas tiveron que gastar inxentes cantidades de recursos para seren hoxe competitivos.

Hoxe as granxas galegas producen a mellores prezos porque nos últimos 30 anos gastaron máis de 200 millóns de euros en mercar cota para ter dereito a producir. Os galegos e galegas gastamos inxentes cantidades de recursos en ampliar a base territorial das explotacións, en plans de incorporación e de mellora para ter granxas modernas ao nivel do sector en Europa. Gran parte das persoas gandeiras teñen o seu patrimonio e a súa vida hipotecada en préstamos para acometer esa enorme transformación para poder ser hoxe competitivos nun mercado tan salvaxe. Quen cre Rosa Quintana que paga eses préstamos e os seus xuros?

Non aturo máis contos destes. Non aturo un Goberno Galego submiso e nunca atopa o momento para defender o “noso”. Está ben que os andaluces defendan o seu, e nós? Para cando en Galiza a vaquiña polo que vale?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.