Ata sempre, Nacho

Estabamos a tomar un viño, cada un na súa mesa, e Nacho pasou por tras. Estaba a piques de comezar a batalla contra Casiano, o elemento nunca agardado que viña de axitar a súa vida como nada antes. Sen rodeos e cunha aperta certificamos que nesa loita ía estar acompañado polo mellor exército médico e tamén humano. Os profesionais de Oncoloxía do Clínico de Santiago, abofé, teñen unha mestura de maquinaria, química e humanidade para facer todo o cientificamente posible, constatamos.

O resto, podía deixalo ao abeiro da marea de agarimo que naquela altura xa o arrodeaba por babor e estribor ou "por delante y por detrás", que rima con Mirás, como el mesmo nos lembraba musicalmente dende as páxinas do seu Rabudo.com, un dos blogs que foi pioneiro no xornalismo galego e tamén no relato, sincero e descarnado, da súa loita contra o cancro. Nada de "longa enfermidade", senón un inimigo a bater "pola forza das armas". "Un horror", como el mesmo nos contou.

Marchou o xornalista, o gaiteiro, o amigo, o compañeiro, o pai, o marido. A boa persoa. Quedan as súas letras en forma de xornal, blog e libro e tamén o mar de apertas que agora, entre bágoas, só poden e deben ir para Ainhoa, Ane e Mikel

Na noitiña do xoves a nova do falecemento de Nacho tras dous anos de guerra conxelou moitos corazóns e redaccións, a comezar pola de La Voz de Galicia en Santiago. Alí trazou as súas inesquecibles 'Caras B', entre elas, a de Ana Kiro ás portas do mesmo hospital compostelán, dende onde a cantante falaba sen medo do seu cancro e reivindicaba, como Nacho, o valor infinito da sanidade pública: "Confío nas mans que me levan".

Marchou inxustamente cedo o xornalista, o gaiteiro, o amigo, o compañeiro, o pai, o marido. A boa persoa. Quedan as súas letras en forma de xornal, blog e libro e tamén o mar de apertas que agora, entre bágoas, só poden e deben ir para Ainhoa, Ane e Mikel. Ata sempre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.