0 Gardados para despois

Carlos Barros

Podemos dende a historia

*Artigo de Historia Inmediata censurado polo diario El País (24 de febreiro de 2015) en plena campaña mediática contra o partido emerxente.

É innegable a sorpresa, o desconcerto e as improvisadas reaccións que provoca a irrupción de Podemos, fóra dos medios sociais e dixitais que lle dan vida, e o seu continuado ascenso nas sondaxes de opinión. A razón é que non acaba de comprenderse, na miña opinión, que é máis consecuencia que causa. É coma se mirase o dedo e non o que sinala: os cambios -para nada conxunturais- económicos e sociais, de mentalidade e actitude política que está a experimentar a España do século XXI.

Visto en perspectiva histórica destacariamos ao respecto dúas novidades interrelacionadas: a metamorfose dun movemento social en forza política e a fractura crecente do pacto social e territorial xurdido na transición á democracia 1977-1981.

O 15M é o único dos movementos indignados que, entre 2011 e 2014, dende Tunisia a São Paulo pasando por Lisboa, Madrid, Grecia, New York e México, desembocou netamente nun partido político ex novo, aguilloado pola crise da democracia española como sistema de representación e goberno. Orixes que explican dúas peculiaridades de Podemos que o distinguen dos restantes partidos e definen como un movemento socio-político: democracia dixital e participación directa da sociedade nas súas dinámicas internas e externas. A figura aberta do inscrito (349.500 neste momento, febreiro de 2015) vai aló dos simpatizantes tradicionais: teñen a última palabra tanto sobre a elección de dirixentes como de programas, alianzas e outras decisións políticas de calado por riba dos militantes e os órganos de dirección. O entrelazamento da acción política -pronto dende as institucións- e electoral coa mobilización na rúa, como se demostrou o pasado 31 de xaneiro de 2015 reproducindo en solitario as grandes manifestacións en Madrid do 15M en 2011, 2012 e 2013, combinando mitin político con manifestación-concentración Cibeles-Sol.

Esta dobre dimensión de Podemos como suxeito político e suxeito social aclara porque as descualificacións e os ataques persoais aos seus máximos dirixentes non parecen que estar a afectar ás enquisas electorais, nin á súa capacidade de mobilización social.

Por que non xurdiu algo como Podemos (Syriza existe dende 2004) noutros países europeos tanto ou máis golpeados que España pola crise e as políticas de austeridade, onde houbo tamén grandes movementos indignados?

O especificamente español é, pois, a coincidencia da crise económica co esgotamento do modelo de democracia (bipartidista) imperante nos últimos 30 anos, e o distanciamento xeracional cunha transición limitada no seu tempo polo Exército e os aparellos represivos do franquismo, co seu correlato inhibidor do alcance dos movementos sociais dos anos 70 prol ruptura democrática. 

Hai moitos anos que tales obstáculos deixaron de existir, e as prezadas liberdades conquistadas entón permitiron, a partir de 2011, expresarse masivamente na rúa -e despois nas urnas- á xeración española do milenio, nacida en democracia ao berro de “le llaman democracia y no lo es”, contra os defectos e carencias de orixe que facilitaron políticas que nos levaron ao desemprego masivo e unha notable deterioración da economía e o Estado de Benestar que floreceron, despois da ditadura, malia as secuelas dunha transición imperfecta hoxe rexeitada por unha mocidade universitaria precaria, os parados, a clase media empobrecida e as vítimas do franquismo e os seus descendentes.

Esta quebra do consenso social que seguiu ao consenso político da transición tivo, por agora, catro momentos clave.

A brecha máis remota é a escavación en 2000 da primeira fosa de desaparecidos da Guerra Civil no Bierzo por obra da xeración dos seus netos, que deu comezo a un proceso inacabado de recuperación da memoria histórica que escachou o acordo non escrito da transición de non pedir nin render contas pola represión franquista. A ONU segue esixindo a España xustiza, verdade e reparación para as vítimas, sen grandes resultados. Materia pendente que volverá, probablemente, ao primeiro plano despois das eleccións de decembro de 2015.

O 15 de maio de 2011 tivo lugar a primeira manifestación dos indignados. Un ano despois da decisión do Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero de aceptar o diktat alemán e europeo que situou o pago da débeda como primeira obrigación á marxe dos seus efectos destrutivos tanto sociais como económicos. Repetidamente subestimado e ridiculizado por partidos e medios de comunicación, o novo movemento social continuou ano tras ano transmutando de formas e contidos, accións e focos de iniciativa, grazas xustamente ao seu carácter espontáneo e escasa “organización”. Un 70-80 % dos españois mostráronlle primeiro a súa simpatía, asumindo masivamente -nunha segunda fase- un sentimento transversal de indignación que non cesa. O contaxio indignado ao conxunto da sociedade é, sen dúbida, o primeiro gran éxito do histórico 15M.

O 11 de setembro de 2012 iníciase en Catalunya un movemento social inédito en favor da independencia, ao que posteriormente se uniron os partidos nacionalistas. Coincide cos anteriores movementos sociais en cuestionar os acordos de cúpula durante a transición, e co 15M en responder dalgunha maneira ao pano de fondo dunha crise económica que non se entende, nin se pode resolver, sen considerarmos a súa dimensión social e política, é dicir, global. O desexo activo dunha parte considerable da sociedade catalá de separarse de España, entraña unha terceira fisura do pacto social da transición. Grave rotura no ámbito territorial, dificilmente reversible sen unha ou varias votacións específicas, dende o instante mesmo en que participan da disidencia as institucións representativas de Cataluña derivadas da Constitución de 1978.

A cuarta clave (que vén de chave) é o exitoso salto á política dos indignados nas eleccións europeas do 25 de maio de 2014. O 15M non estaba morto, estaba a madurar. Presentáronse varias opcións electorais de filiación indignada, e obtivo a súa confianza Podemos, fundada por profesores mozos de Ciencia Política da Universidade Complutense, cuxo maior e ulterior logro foi transformar un movemento asembleario e dixital nunha forza política que fala cunha soa voz á vez que mantén a democracia directa, desmentindo, unha vez máis, as aproximacións superficiais aos indignados como un fenómeno anecdótico, pasaxeiro, non histórico.

Podemos vén falando de promover o “cambio político” aproveitando as transcendentais citas electorais de 2015, buscando por tanto pasar de consecuencia a causa, da protesta ao Goberno. Ambición lexítima, para moitos necesaria e para outros “perigosa”, cuxa consecución depende, e moito, do que poidan facer ou deixar de facer paralelamente os restantes suxeitos políticos, vellos e novos, en relación aos cambios de fondo que trastornan e conmoven a sociedade española nesta hora de globalización e crise.

Estanse a propoñer outros dar solución ao desfasamento social crecente coas institucións españolas emanadas da transición e os gobernos pro-austeridade? 

O Partido Popular ten unha posición clara: oposición radical a calquera cambio de política económica que non autorice ou promova Alemaña, a reformar a Carta Magna, a introducir formas máis participativas de facer política, etc.

O PSOE debátese entre o ser e o non ser, entre a nostalxia polo bipartidismo perdido e unha reforma da Constitución que anule o artigo 135, mellore a calidade da nosa democracia e regule un novo Estado federal, segundo enunciou non fai moito Pedro Sánchez (veremos se persevera e lle deixan).

De non ser así, se a nosa tese de fondo histórico é acertada, Podemos tería o camiño libre para consolidar o primeiro posto que lle dan xa algunhas enquisas, gobernar España co apoio de IU e as esquerdas nacionalistas, a fin de reforzar internacionalmente os esforzos de Grecia e outros países por mudar as políticas de austeridade por crecemento en Europa, insuflando asemade novos pulos á democracia que tanto nos custou conquistar hai 40 anos.

Acerca de Carlos Barros

Carlos Barros. Profesor de Historia na USC, coordinador de Historia a Debate / Historia Inmediata