A Fronte Popular Antifascista Galega de Nova York: unha lembranza

A emigración e o exilio galego aos Estados Unidos é un episodio da nosa historia que ten sido frecuentemente esquecido. A superioridade en termos numéricos, así como a relevancia política e cultural dos movementos migratorios cara a Latinoamérica, oscureceron a miúdo a existencia dunha comunidade galega neste país, sobre todo na cidade de Nova York. Os poucos e necesarios traballos que trataron o tema con certa profundidade (Fuentes 2001, Pérez Rey 2001, Mejía Ruiz 2004, García-Rodeja e Pérez Rey 2007, Varela-Lago 2007, Vilar Álvarez 2009, son dos que teño coñecemento) apuntan a unha importante presenza galega en Nova York, especialmente cando se pon en relación cos números totais da emigración española a esta cidade. Unha das fontes documentais que se citan acotío nestes estudos é o libro de Emilio González López (exiliado coruñés en Nova York) Castelao, propagandista de República en Norteamérica (2000).

Sinala González López que “nos Estados Unidos, entre a minoría hispánica, os galegos sempre foron maioritarios” e calcula que na década dos trinta, dos aproximadamente quince mil españois establecidos en Nova York, o noventa por cento eran galegos. Seguindo os datos proporcionados por Germán Rueda, en La emigración contemporánea de españoles a Estados Unidos (1993), estas cifras non serían de todo exactas, polo menos no período 1933-1935, no que este investigador estima que dos 12.000 españois inscritos no consulado, os galegos constituían o 50%. Porén, hai que ter en conta que non todos os emigrantes se atopaban rexistrados. Outros dos datos aportados nos traballos citados anteriormente poñen tamén de manifesto a importancia da emigración a esta cidade en certas localidades galegas. En particular, García Rodeja e Pérez Rey apuntan que de 1917 a 1941, o destino maioritario da emigración que saíu da zona das Mariñas foi precisamente Nova York: un 36% fronte a cidades como Buenos Aires (23%) e A Habana (17,1%). Salientan tamén que en Sada, no ano 1935, “o 84% por cento dos ausentes estaba en Nova York”. É este sen dubida un caso especialmente interesante, que merecería máis protagonismo noutro artigo.

Debido á súa importancia política e histórica, o período ao que se ten prestado maior atención ao estudar a emigración aos Estados Unidos é o da Guerra Civil. Como se explica no volume Contra el fascismo. Nueva York y la guerra civil española (2007), editado por Peter N. Carroll e James D. Fernández (este último un importante estudoso da emigración española aos EEUU), e a pesar da posición de neutralidade deste país en calquera conflito bélico estranxeiro naquela época (cuestión controvertida, debido á relaxación coa que se permitiu a venta de armas aos rebeldes por parte de certas empresas norteamericanas) a Guerra Civil viviuse con paixón nesta cidade, onde apareceron grupos de apoio a ambos os dous bandos.

Varias asociacións americanas se organizaron para a recollida de fondos, especialmente co obxectivo de envíar axuda á República (American Friends for Spanish Democracy, Negro Committee to Aid Spanish Democracy de Harlem, por exemplo), e a comunidade española de Nova York actuou de xeito semellante. Sendo os galegos o grupo maioritario, estiveron á cabeza de moitas destas iniciativas. Destaca entre todas elas a chamada Fronte Popular Antifascista Galega, según nos conta González López fundada o catro de decembro de 1937, nunha reunión que tivo lugar no Centro Galicia situado na  Avenida Columbus. A FPAG nace, seguindo as palabras deste autor, como reacción “á situación de privación das liberdades fundamentais” en España que “alporizou […] á comunidade galega de Nova York”. Esta organización antifascista, que tiña xa un precedente no Comité Antifascista Español dos Estados Unidos (fundado en Brooklyn en 1936, como apunta Pérez Rey), recadou fondos a través de diversos actos públicos, práctica habitual deste tipo de asociacións. Un dos seus grandes logros foi o envío de catro ambulancias, ás que se lles deron os nomes das catro provincias galegas, como di o profesor González López, “símbolo da axuda aportada polos fillos de Galicia nos Estado Unidos” á defensa da República.

Outra das actividades orquestradas pola FPAG foi a de levar a Nova York a persoeiros da cultura e da política galega para recadar fondos e apoio para o goberno republicano. Formando parte desta iniciativa, e como é ben sabido, Castelao chegou a Nova York en 1938. Ao contrario do expresado por Luís Soto (acompañante do rianxeiro nas súas viaxes polos EEUU), González López indica que a visita de Castelao non foi ideada polo goberno de Negrín, senón que foi consecuencia dunha invitación da FPAG. O 14 de Agosto de 1938, Castelao iniciou a súa xira norteamericana nun multitudinario festival organizado polas Sociedades Galegas Unidas e a FPAG, onde deu o seu famoso discurso no Ulmer Park. A escolla de Castelao non foi accidental, nin moito menos. Ademais de ser ben coñecido pola comunidade galega da cidade, o seu nome aparecía con frecuencia no xornal galego-neoirquino La Voz, creado polo vigués Ceferino Barbanzán. Fiel ao seu lema ‘Pola xusticia social. Pola Democracia. Contra a Tiranía e o Fascismo’, publicou, por exemplo, o carta de Castelao “Aos galegos anti-feixistas de Nova York” que foi lida polo tamén galego Bibiano Fernández Osorio-Tafall (asimesmo invitado pola FPAG) no local do Centro Galego (sito tamén en Columbus Avenue).

Posteriormente, o 16 de agosto, La Voz publica o artigo “El festival gallego tuvo éxito máximo”, onde se menciona a reacción afervoada que provocou o discurso de Castelao na parroquia galega de Nova York: “En los últimos minutos de su oración habló a sus paisanos, en la lengua vernácula y el entusiasmo se desbordó en ese momento, cuando los gallegos oían por primera vez, la palabra mágica de un hombre que en la lengua materna, sabía narrar la tragedia de la tierra ‘Meiga’, con un decir tan llano y tan sublime…”.  O xornal Frente Popular, editado polas Sociedades Hispanas Confederadas (das que falarei a continuación) tamén recolle a visita do intelectual galego no artigo “Castelao en Ulmer Park” (19/8/1938), e mesmo inclúe un extracto do seu apaixonado discurso: “Vuestros huesos son las rovas [sic] vírgenes de Galicia. Vuestra carne es la tierra gallega. Vuestra sangre son los ríos que corren por la campiña galaica. Los fascistas no dominan a Galicia: Galicia la tenéis con vosotros mismos”.

A actividade do antifascismo galego en Nova York foi máis alá das FPAG. O citado Comité Antifascista Español pasou a denominarse Sociedades Hispanas Confederadas (non hai acordo se en 1936 ou 1937) para “organizar unha fronte de loita antifascista agrupando ao maior número de asociacións españolas ubicadas nos Estados Unidos” (dinos Ordaz Romay nun artigo de 2006). O secretario xeral das SSHHCC non era outro que un galego nado en Oleiros, Xosé Castro, tamén presidente da Sociedade Benéfica Española, como indica González López, a máis antiga das sociedades españolas de Nova York. Cóntanos Pérez Rey que dentro das SSHHCC existían, ademais da FPAG, outras tres sociedades completamente galegas: Club Coruña de Nova York, Centro Galicia (Nova York) e Muros y sus Contornos (Newark). Habería que engadir tamén á lista de sociedades galegas (mais se cadra non incluídas nas SSHHCC) outras coma o Galicia Sporting Club, Sociedad Sada y sus Contornos e Sociedad Bergondo y sus Contornos, citadas no traballo que esta investigadora publicou con García-Rodeja.

As SSHHCC seguiron existindo, aínda que con menos forza, durante a ditadura, pero xa dende o seus comezos houbo tensións políticas que levaron a certas sociedades a abandonar a unidade. Sinala González Lopez que, en 1940, o Centro Galego de Nova York pasou a formar parte da Sociedad Benéfica Española. Con el desapareceu tamén a FPAG. Por suxestión de Castelao, converteuse esta en Unidad Gallega, organización que xunto coa súa Casa Galicia de Nova York aínda existe na actualidade. En 1941, e como recolle o xornal España Libre publicado polas SSHHCC, Unidad Gallega decidiu desvincularse desta sociedade.

Son moitas as historias dos galegos e galegas emigrados e exiliados a Nova York que merecerían ser contadas para encher este oco da nosa historia, desde as décadas nas que se inicia esta diáspora até os nosos días. Polo de agora, sirva esta pequena lembranza da Fronte Popular Antifascista Galega para loitar contra a desmemoria e a manipulación da Guerra Civil como unha loita entre “rojos y azules” que se está a facer por parte de certos partidos politicos españois na actualidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.