40 anos despois, tempo de repensarnos

Corenta anos despois segue sendo preciso repensar a forma en que se levou a cabo o proceso de reforma política e a maneira en que configurou o desenvolvemento político, económico e social das décadas seguintes

O proceso de reforma -a Transición- polo que a ditadura franquista deu paso ao sistema democrático no que vivimos na actualidade segue configurando a realidade política, económica e social do Estado Español. Corenta anos despois segue sendo preciso repensar a forma en que se levou a cabo o proceso de reforma política e a maneira en que configurou o desenvolvemento político, económico e social das décadas seguintes.

É necesario, ademais, que esta relectura do pasado recente non sexa patrimonio dun grupo de idade determinado. Se se lles esixe ás novas xeracións que se sintan incorporadas a ese consenso constitucional (todos os que na actualidade teñen menos de 55 anos eran menores de idade no referendo constitucional) e a unha determinada lectura sobre o pasado, débeselles permitir entrar activamente no debate. Os feitos históricos deixan de pertencer nalgún momento ás persoas e xeracións que os viviron, en virtude da súa capacidade para definir o presente.

Existe un discurso oficial sobre a Transición, que se pode resumir nos conceptos de pacto, de consenso e de paz social, e tamén nunha serie de actores protagonistas, de líderes ou elites que aseguraron a consecución dese consenso: o Rei Xoán Carlos, Adolfo Suárez, Felipe González, Santiago Carrillo ou Torcuato Fernández Miranda. Porén, a obsesión por analizar este proceso como un exemplar e pacífico pacto entre elites no que todas as partes efectuaron renuncias -ademais de ser moi discutible- tivo como consecuencia unha progresiva despreocupación na sociedade española por ese período crucial e a consecuente mistificación do relato histórico. As versións oficiais esquecen precisamente o papel da cidadanía e das organizacións sociais, pero tamén o contexto socioeconómico no que se desenvolveu o proceso (do que a crise económica de finais dos 70 non pode ficar á marxe), a mudanza sociolóxica que tivo lugar en Galicia entre os anos sesenta ou oitenta ou mesmo o escenario internacional de pugna ideolóxica entre bloques, do que España, Portugal e Grecia foron tamén campo de batalla.

Os feitos históricos deixan de pertencer nalgún momento ás persoas e xeracións que os viviron, en virtude da súa capacidade para definir o presente

A historiografía sobre a Transición española, agás algunhas excepcións, reflicte un proceso do que a sociedade civil permaneceu ausente. A lectura que decote se fai do proceso de Transición política no Estado español é rexeitable, sobre todo, polo que implica de esquecemento da cidadanía, do pobo. A minusvaloración da voz da cidadanía no proceso de democratización, das organizacións sociais e da loita obreira continuou ao longo dos anos oitenta mediante a fagotización que os gobernos socialistas realizaron dos discursos e os proxectos de progreso e modernización.

Estes actores sociais non tiñan a forza necesaria para liderar o proceso, pero a súa presión (dende abaixo) determinou o resultado final do proceso, nunha caste de tira-puxa

Porén, a finais dos anos setenta había unha sociedade organizada (sindicatos, empresarios, Igrexa, asociacións de veciños, partidos políticos, colectivos de nova esquerda, asembleas obreiras…) cun conxunto de instrumentos de intervención na realidade (medios de comunicación, manifestacións, folgas, violencia política, lobbying…) que non poden ser obviados. Se cadra, estes actores sociais non tiñan a forza necesaria para liderar o proceso, pero a súa presión (dende abaixo) determinou o resultado final do proceso, nunha caste de tira-puxa. Carme Molinero defende neste senso que “metodoloxicamente o modelo transaccional -o pacto- é cómodo pero infecundo para explicar a Transición. O que importa da Transición en torno ao pacto consiste en dilucidar como foi posible acadar un pacto entre goberno e oposición e para iso é necesario non dalo por descontado, senón analizalo como problemático”.


A Transición como reforma, como pacto

Na Transición española a perpetuación dos sectores no poder produciuse en forma de cambio

Segundo Ramón Cotarelo, o proceso que tivo lugar no Estado Español a partir de 1975 presenta numerosas eivas que non permiten identificar a restauración democrática como un proceso completo de Transición. É discutible se en España se produce un cambio de lexitimidade, aínda que se pode aceptar o referendo constitucional de 1978 como momento fundacional dunha nova fonte de lexitimidade. Pero en calquera caso non se levou a cabo un proceso completo de eliminación do persoal político anterior e da súa simboloxía, e tampouco se produciu o que Cotarelo denomina “primeiro consenso”, é dicir, o acordo sobre o pasado. Non é posible que a través dun voluntarista proceso de amnesia colectiva se pretenda establecer unha equidistancia entre a Segunda República e a Ditadura Franquista.

A opción da ruptura, que politicamente estaba ben organizada e que mesmo xuntaba a forzas de centrodereita, coma a democracia cristiá, foise debilitando ao longo de 1976, por erros propios da oposición e pola acertada estratexia de Suárez, que conseguiu a maior parte dos representantes deste centrodereita sinceramente demócrata. Na Transición española a perpetuación dos sectores no poder produciuse en forma de cambio. A esquerda errou na súa análise da sociedade española e da fortaleza da propia elite política da ditadura. Non soubo advertir con tempo suficiente que a reforma era un proceso de adaptación dunha clase dominante que tiña conflitos internos, pero que tamén dispuña de recursos de adaptación, sobre todo porque contaba cunha gran base de apoio, formada por amplos sectores das clases medias e o empresariado.

Suárez conseguiu convencer a toda a sociedade española, comezando polos partidos da esquerda, de que a súa reforma era o único camiño posible

Suárez conseguiu convencer a toda a sociedade española, comezando polos partidos da esquerda, de que a súa reforma era o único camiño posible. A identificación da lexitimidade da reforma coa legalidade foi un dos argumentos máis difundidos e repetidos por todos os protagonistas e seguidores desta opción, algo que, dados os poderosos medios de comunicación cos que contaban estes sectores, converteu a reforma nun factor de senso común. Seguiuse deste xeito un dos principios que segundo Samuel Huntington garanten o éxito dun proceso de Transición: “Cree unha sensación de inevitabilidade sobre o proceso de democratización, de xeito que sexa amplamente aceptado, como unha necesidade e un camiño natural de desenvolvemento mesmo se para algunha xente resulta indesexable”.

A mobilización obreira fixo ver a inevitabilidade do consenso a importantes sectores do réxime, se se quería evitar unha portugalización do proceso

Con todo, a presión popular dende abaixo, e nomeadamente a do movemento obreiro, foi un elemento crucial no momento de cambio de réxime: contribuíu á crise da ditadura, fixo inviábel a “democracia controlada” de Arias Navarro, forzou os reformistas do réxime a negociar e democratizar, e en definitiva, reforzou a oposición de esquerdas na súa relación e negociación co goberno reformista de Suárez. A mobilización obreira fixo ver a inevitabilidade do consenso a importantes sectores do réxime, se se quería evitar unha portugalización do proceso. A Transición caracterizouse deste xeito pola procura de difíciles equilibrios, pola necesidade do outro, non só por debilidade, senón na procura de credibilidade, de lexitimidade.


Os efectos da desmobilización

A desmobilización da sociedade predemocrática foi un elemento que favoreceu a estratexia de cambio deseñada polas elites políticas españolas. Podemos preguntarnos en calquera caso até que punto existe un interese en ocultar o papel da sociedade como axente político. Unha das consecuencias máis importantes deste proceso de relegamento dos movementos sociais foi unha progresiva atomización e pasivización da cidadanía, que se comezou a percibir nos últimos anos da Transición (cun aumento espectacular dos índices de abstención) e que recibiu naquel momento o nome de desencanto. Nas décadas seguintes, nun proceso se cadra máis acentuado en España mais recoñecible en todas as sociedades do primeiro mundo, os indicadores de organización social e de participación política chegaron a ser preocupantemente baixos, limitándose a cidadanía a referendar decisións adoptadas en niveis superiores de decisión. A versión oficial obrigou ademais a minusvalorar os cambios sociais impulsados durante a Segunda República, a resistencia antifascista durante a Guerra Civil e a longa oposición clandestina antifranquista, furtándonos a narrativa e as bases cidadanistas da nosa democracia. A democracia resultante dun proceso así definido configúrase como un conxunto de dereitos e liberdade outorgadas polas elites, non conquistadas polos cidadáns, o agromo para unha sociedade pasiva e sen capacidade de decisión.

Unha das consecuencias máis importantes deste proceso de relegamento dos movementos sociais foi unha progresiva atomización e pasivización da cidadanía

De feito, dende o 2011 o movemento 15M revelou o esgotamento da chamada Cultura da Transición, unha forza que foi quen de construír un Estado democrático e un Estado do benestar perfectibles pero valiosos, pero que había tempo que xa só existía como invocación. Esta Cultura da Transición, consensual, desproblematizadora e despolitizadora, aludía para Amador Fernández-Savater á configuración “que estrutura decisivamente o que se pode ver e facer no xogo político, a universidade, os medios de comunicación, as prácticas creativas e as maneiras concretas de organizar de forma cotiá o real”. Todo o que ficaba fóra deste marco de senso común era denunciado como conflito e como problema. Os cidadáns estableceron un contrato tácito cos partidos, sindicatos e medios de comunicación, que realizaron funcións de representación durante décadas. E neste novo ciclo, iniciado en 2011, os cidadáns comezaron a reclamar que as condicións do contrato non se cumpriran. E reclamaron a devolución dos seus dereitos políticos, da súa voz, do seu dereito a autoorganizarse e a discutir un marco novo.

Ao longo da crise económica comezaron a perderse moitos deses dereitos e o movemento consecuente foi reclamar a participación política de volta

Nesa crítica aos consensos do 78 e ao réxime resultante, ás xeracións máis novas uníronse tamén importantes sectores dos mesmos grupos de idade que foron protagonistas desa Transición, sobre todo aqueles que tiveran un papel máis activo socialmente. O pacto da Transición consistiu en boa medida nunha cesión de representación política a cambio dunha serie de dereitos. “Aqueles loitadores veciñais que a finais dos anos setenta lograron a construción de centros de saúde, hospitais ou escolas nos seus barrios, están a ver na súa vellez a destrución da cousa máis grande que eles fixeron como xeración”, como lembraba Xermán Labrador nunha entrevista. Ao longo da crise económica comezaron a perderse moitos deses dereitos e o movemento consecuente foi reclamar a participación política de volta. O sistema tivera a oportunidade durante décadas de reproducirse a si mesmo e cun chisco de flexibilidade podería ter renovado sen dificultades o pacto previo. A súa propia inmobilidade acabou por poñer en grave risco o conxunto do seu relato.

A Transición foi como foi e quizais non podía ter resultado doutra forma, en función da correlación de forzas existente en 1976, 1977 ou 1978. Había un sector da sociedade mobilizado, partidario da ruptura, pero sen dúbida minoritario. A maioría, silenciosa ou non, era moito máis pasiva politicamente e primaba nas súas escollas os valores de paz social, de estabilidade, de seguridade e benestar material. A lexitimación estaba no consenso, entendida como superación do antagonismo, focalización no común, aposta pola converxencia. Porén, quizais o debate non debería centrarse tanto en se o conseguido na Transición foi suficiente ou non, ou en se a esquerda fixo demasiadas renuncias ou non. Quizais o verdadeiro problema radicou na aparente inmutabilidade, na ausencia de debate, na tácita e ás veces explícita prohibición de dar esa discusión nas décadas seguintes, nas que a sociedade española si madurara o suficiente para poder definirse de novo.

O verdadeiro problema radicou na aparente inmutabilidade, na ausencia de debate, na tácita e ás veces explícita prohibición de dar esa discusión nas décadas seguintes

O 15M foi nese senso a cidadanía recuperando a voz e a iniciativa, foi a cidadanía reclamando a responsabilidade e a soberanía sobre o seu presente, nun brutal exercicio de crítica e autocrítica, e foi a cidadanía reclamándolle aos partidos a devolución dunha parte das funcións de representación política que lles entregara, por comodidade, ao abeiro da cultura consensual da transición. O 15M, polo tanto, foi unha reacción contra o sistema político e o marco de estruturación social da Transición, que se xulgaba esgotado, e o primeiro paso para unha segunda Transición na que a sociedade civil reclamaba un papel máis activo, esixindo unha democracia participativa e deliberativa e un sistema económico máis igualitario e transparente, unha segunda Transición de código aberto e intelixencia colectiva. O movemento iniciado en 2011 diluíuse nunha serie de efectos e ecos, algúns máis exitosos e fortes e outros esgotados. Máis que respostas, ofreceu preguntas e abriu camiños, unha oportunidade para repensar o pasado e o presente deste país.

Hoxe, a crítica e a emenda ao réxime do 78 realizada polos movementos que reclaman un cambio de base conéctanos a ese mesmo tempo e aos debates e loitas que acolleu. É o que leva a que, 40 anos despois, eses debates se sigan dando en presente e sexan máis necesarios ca nunca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.