0 Gardados para despois

Dani Mexuto

Prefiro ver un biopic de Aller Ulloa antes que o de Steve Jobs

A lenda do maior astrónomo do país comeza ben, cun anteollo de 67 milímetros que lle regala a avoa Camila, e cos seus primeiros ensaios na corte do Pazo de Filgueiroa non entre os ciscallos dun garaxe de California.

Ben é certo que puido non contar con Steve Wozniak, pero si con colaboradores coma el do Seminario de Estudos Galegos: Risco, Filgueira Valverde, Otero Pedrayo e outros contemporáneos que foron iniciados na observación dos astros.

O noso sabio foi un home moito mellor preparado para os nosos tempos que calquera das referencias mediáticas actuais

O noso sabio foi un home moito mellor preparado para os nosos tempos que calquera das referencias mediáticas actuais. Boureade un pouco no Polo de Lalín e contaranvos como dominando dez idiomas mercaba telescopios aos alemáns mellor que calquer experto en Amazon. Cando decidiu xubilar o seu refractor de 108 milímetros, encargou por carta un novo Steinhell de 120 milímetros, mais detallou na misiva pequenas modificacións técnicas que se era posíbel quería incoporar. A resposta dos alemáns foi que se estas modificacións podían ser incoporadas en serie na produción o telescopio sería envíado gratuitamente ao Deza.

A miña estatua favorita do país está nesta terra, ao carón da Igrexa de Santa María das Dores en Lalín, obra do mestre Asorey, isto era fácil, e mostra ao sabio Aller ocupando o centro de dúas órbitas de pedra concéntricas. Como di Pedrayo en La lámpara vigilante o primeiro monumento dedicado a un astrónomo en Galiza. O deseño orixinal mostraba como dunha base triangular, simbolizando o coñecemento, brotaba auga engorde caendo na primeira das órbitas e retornaba moi paseniño ao cubrir por completo tamén a órbita exterior. O que a obra transmitía era o lento, progresivo e fermoso proceso de aprendizaxe ao longo da vida da man do mellor estudoso das estrelas da historia do noso país.

Décadas máis tarde o xa imposíbel de esquecer alcalde Xosé Crespo ordenou remodelar a estatua instalándolle uns “chorritos”.

Agardamos que o novo executivo de Rafael Cuíña non esqueza o traballo orixinal do mestre de Cambados e restaure a obra na honra de Aller Ulloa

Maila visión que o PP de Lalín lle quixese dar á adquisición da sabedoría como un proceso de rega por aspersión, moitos na vila agardamos que o novo executivo plural liderado por Rafael Cuíña non esqueza o traballo orixinal do mestre de Cambados e restaure a obra na honra de Aller Ulloa.

O máis importante que se pode tirar na miña comparativa sería unha boa recomendación para as citas na capital no Deza. Na vila sempre tendemos a mocear no leste de Europa, primeiro en Ourense, e nunca se nos ocurriría traer as nosas citas pola saída, de entre as tres, da autovía que si sae en Lalín a ver un refrito, un rustrido do Danny Boyle máis fiucedo facendo biopics nada gamberros sobre donos de multinacionais.

Gastade os cartos no Galopín, dicídelle a Diego na Molinera que vos saque unhas tapiñas das que renden e ide visitar as estatuas de Asorey, tamén a do pioneiro da aviación Loriga, que está oca, moi probábelmente porque alí se gardan pistas para os tesouros que atopou nas Filipinas, pero iso daría para outro artigo enteiro, e aínda vos sobrarían cartos para volver no tren de Dozón, se seguise en activo. Os tickets de Ryanair están máis baratos que o Monbus e os seis euros da AP-53 gastádeos só se queredes recrear a famosa escea de condución de Eduardo Noriega na Gran Vía de Madrid baleira.

Mais sobre todo, se ao final vos animades, non esquezades visitar o museo e o primeiro observatorio astronómico galego, o despacho principal segue intacto, onde o matemático Aller sentaba durante horas para obter as medidas das estrelas dobres, a súa especialidade. Dá para sacar unhas fotos incríbeis no Iphone.

Acerca de Dani Mexuto

Daniel Mexuto Rodríguez. Enxeñeiro de sistema, interno no sector da automoción xaponés.