0 Gardados para despois

Carlos Barros

Historia, memoria e liberdade

Nun recente artigo (El País, 21/1/2012), o historiador inglés Timothy Garton Ash equipara torpemente a liberdade de información na Rede coas demandas politicamente orientadas da  asociación Liberté pour l’histoire, creada en 2005 por Pierre Nora para combater -desde unha concepción positivista do oficio de historiador- as lois mémorielles promulgadas polo poder lexislativo en Francia desde 1990. A  lei que penaliza a negación do xenocidio armenio (1915), perpetrado polo Estado turco, vén de ser ratificada mesmamente o pasado 23 de xaneiro no Senado francés

A liberdade ten que ser certamente universal, máis aínda nun século en que se superpoñen de xeito contraditorio diversas globalizacións: valores /  mercados, por exemplo. Polo que o historiador non debería ficar na pura forma (global) do fenómeno senón afinar en contidos e contextos, desiguais e cambiantes: non todo o que devén universal está resultando positivo para as liberdades no mundo de hoxe.

Namentres a liberdade de información en Internet, que fixo posible Wikipedia e  Wikileaks, beneficia a unha inmensa maioría. A citada “liberdade para a historia” dos historiadores franceses (na patria de Marc Bloch, profesor resistente fusilado polos nazis en 1944 e fundador da escola historiográfica de Annales), favorece máis ben a unha minoría de extrema dereita que poderá así cuestionar libremente a realidade histórica do Holocausto nazi, do xenocidio armenio e da escravitude como crime de lesa humanidade (lei memorial de 2001). Deputados e senadores lexislaron tamén,  en 2005, a prol dunha ensinanza da historia de Francia que salientase os “aspectos positivos” de la colonización de Alxeria. Historiadores franceses se opuxeron a esta lei memorial por estar en desacordo con seu contido, na súa maior parte non están na asociación de Nora, que utiliza a orientación negativa desta lei memorial pro-colonial para xustificar a súa oposición, co argumento corporativo de que soamente os historiadores académicos estamos capacitados para escribir a historia, as tres leis memoriais restantes, que  tiveron o voto favorable dos partidos representados no Parlamento menos o Front National de Le Pen.

Como historiadores somos contrarios á calquera norma legal que coarte a liberdade de expresión e de investigación histórica. Tiña razón Voltaire cando dixo: “Eu non estou de acordo co que vostede di, pero loitaría para que vostede puidera dicilo”; fixémolo moitos no tardo franquismo e na transición. Pero a frase hai que contextualizala para poder aplicala en rigor, con sentido histórico e político. Si o noso interlocutor,  polo que loitariamos arreo para que gozase a conta nosa de liberdade de expresión, é un neonazi, un neofascista ou un neofranquista adaptado á legalidade democrática, qué facemos ? Pois mirar con quen se anda para que non nos pase como a Luciano Varela, que está arruinando a súa imaxe e carreira xudicial por aliarse coa extrema dereita contra Garzón. O historiador tamén ten que facerse responsable das consecuencias das súas interpretacións e posicións historiográficas e políticas, como calquera outro profesional ou cidadán, máis aínda os somos profesores e funcionarios.

O contexto francés sobre historia, memoria e liberdade é ben distinto, incluso oposto, ó  contexto español. Diferenzas profundas que non teñen en conta os colegas que están tentando traspoñer  a España o que está a dicir Pierre Nora afrontando historia (académica) con memoria (política), desde una postura tradicional que xa exhibía en 1974 propugnando contracorrente (hoxe é diferente, Annales non existe) en Faire l’histoire o retorno positivista do acontecemento.

Hai dous modelos de memoria histórica: o alemán e  o latino (ver “Historia de la memoria, memoria de la historia”, http://youtu.be/1z95dGj3F3E). O primeiro naceu en Nuremberg (1945) cos xuízos políticos contra os responsables nazis do Holocausto e as leis posteriores penalizado o negacionismo. O segundo naceu en Bos Aires (1975) co movemento social das Abuelas de la Plaza de Mayo, familiares de desaparecidos e  amigos da memoria histórica que lograron, catro décadas despois dunha actividade sen tregua, un importante apoio legal e político co Goberno actual, sen leis punitivas que coarten a liberdade de expresión dos defensores de Videla, naturalmente. Os que queden, porque moitos deles están presos ou pendentes de proceso, igual que na Alemaña da posguerra aínda que en Arxentina a imputación dos xenocidas respondeu máis á presión da sociedade civil que á iniciativa estatal.

Francia segue coas súas leis memoriais, promulgadas polo Estado, o modelo alemán. España segue claramente o modelo arxentino.

 

Calquera cidadán ou historiador pode entre nós negar o Holocausto, o xenocidio armenio ou xustificar a escravitude “como unha consecuencia de estrutura socio-económica da época”, sen medo a seren denunciados ante un tribunal. A Lei de Memoria Histórica de 2007 non condiciona a “sagrada” liberdade de expresión dos historiadores (non académicos, por fortuna) que xustifican, desde unha peculiar interpretación histórica, o golpe militar de 1936 e a ditadura franquista (con abondo soporte político e xudicial, por desgracia). O movemento social e académico, volteriano e democrático, pola memoria histórica tampouco está a defender que se lle tape a boca coa lei na man ós nostálxicos dun franquismo que foi quen de eliminar e perseguir,  entre 1936 e 1977, a sangue e fogo toda oposición política, académica ou cultural en España.

En conclusión, que os únicos que no temos completa liberdade para investigar en España a ditadura franquista somos os historiadores. En 2007 tivemos que facer unha campaña nacional e internacional a favor de Dionisio Pereira, membro do equipo das tres universidades galegas que investiga a represión franquista en Galicia, baixo a dirección do meu colega Lourenzo Fernández Prieto. O historiador foi denunciado xudicialmente pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, xefe da Falange en Cerdedo no tempo de guerra civil, por aparecer o seu nome como responsable local da represión nas fontes orais que publicou Dionisio nun libro académico sobre la represión en Cerdedo. Logramos que fóra absolto. 

Desde a transición houbo máis casos de historiadores, e documentalistas históricos, perseguidos en España por investigar a verdade oculta da historia do franquismo e divulgar os seus resultados. Por non falar do proceso que ten lugar nestes días no Tribunal Supremo contra o xuíz Garzón por pretender investigar xudicialmente os crimes de lesa humanidade da ditadura, como se fixo en Francia,  desde 1945 ata hoxe, cos colaboracionistas e nazis que tiñan as mans machadas de sangue. 

A “liberdade para a historia” de Pierre Nora en España sería, pois, reivindicar a liberdades de investigación e expresión para ós investigadores da represión franquista, así como para ó xuíz Garzón, que procura como na  posguerra alemá ou francesa o dereito á xustiza, á verdade histórica e á reparación das vítimas do fascismo español.

Tamén en Francia hai historiadores que coñecen a historia de España. Bartolomé Bennassar solicitou,  o 21 de abril de 2010, a Pierre Nora que a súa asociación Liberté pour l’histoire,  cuxo manifesto chamado de Blois subscribira o noso hispanista, apoiara a Garzón: non houbo resposta, ou sexa, non. Tampouco os historiadores españois que seguen a Pierre Nora, asinaron que eu saiba os documentos solidarios de 2007 con Dionisio Pereira nin sosteñen hoxe a Garzón contra os seus inquisidores. Detrás dos nosos desacordos hai, sen dúbida, un problema político que ten que ver coa revisión ou non da historia de transición á democracia en España que está propoñendo -teño para min que xustamente- a memoria histórica. Seméllame lexítimo este debate  historiográfico e ideolóxico, así como as diferentes posturas. Non me parece tan lexitimo que se cuestione a memoria histórica como movemento social,  e tendencia historiográfica actual, en nome de todos os historiadores, en nome do oficio de historiador, como si este soamente se puidera practicar ó xeito de Ranke, Seignobos e Langlois, e non de Marc Bloch, Lucien Febvre, Pierre Vilar, Eric J. Hobsbwam, E. P. Thompson ou … de Historia a Debate.

Acerca de Carlos Barros

Carlos Barros. Profesor de Historia na USC, coordinador de Historia a Debate / Historia Inmediata