O eixo centro-periferia resucita

O pacto entre a candidatura de unidade Junts pel Sí e a Candidatura d’Unitat Popular (CUP) malia estar sempre por derriba da mesa se a negociación frutificaba, colleu a moita xente, especialmente fóra de Catalunya, por sorpresa. Chama a atención como se desilusionou certa esquerda, incluso aquela que ultimamente enche a boca con conceptos como dereito a decidir (incluso dereito de autodeterminación) e Estado plurinacional. A dereita anticatalanista xa se desilusionara da CUP cando o 27 de setembro o seu portavoz e cabeza de lista (e hoxe ex deputado), Antonio Baños, afirmara en Atresmedia: “Que ninguén celebre nada en Madrid. Nós somos independentistas. Connosco, o independentismo suma a maioría absoluta sobrada no Parlament”.

Un dos mitos nos que se basea esa desilusión era a percepción de que no proceso independentista catalán se crearan dúas frontes inconciliables baixo a tensión do clásico eixo dereita-esquerda. Pensaban moitos analistas e políticos que o independentismo catalán estaba sometido ás contradicións habituais en calquera sociedade democrática moderna europea e que as diferenzas sobre o sistema socioeconómico serían decisivas ante a oportunidade de ben formar goberno ou ben provocar a repetición dos comicios parlamentarios.

Esta análise non se sostiña aplicando como método de coñecemento o ensino da historia. Ningún país alcanzou madurez suficiente para procesos de emancipación, ben fose en invasións conxunturais ou “unitarismos” estruturais sen primeiro superar o eixo dereita-esquerda e mobilizar a sociedade no eixo centro-periferia ou invadidos-invasores. Velaí casos recentes coma os da China, onde comunistas e “nacionalistas” se uniron contra o inimigo común e invasor xaponés, ou a resistencia francesa que malia todos os desencontros mantivo leais entre si os gaullistas e os comunistas.

Ás veces, esa superación do eixo dereita-esquerda dáse mediante un proxecto común aglutinador. Foi o caso de Escocia, onde o sistema maioritario obrigou a unha unión electoral baixo o Partido Nacionalista Escocés, que asumiu un compromiso interclasista e de amplo espectro baixo principios socialdemócratas clásicos, iso que se coñece como Estado do Benestar.

 

Os chanzos cara á independencia democrática e pacífica

En Catalunya, o procedemento de unificación foi instrumental e, polo que vemos, deuse en dúas fases. Nunha primeira, dous polos constrúen a unidade social. Persoas sen adscrición política activa, Convergéncia, ERC e organizacións cívicas como a Assemblea Nacional Catalana ou Òmnium Cultural callan en Junts pel Sí, unha candidatura con estratexia ríxida e pensada para superar o veto español ao referendo pola autodeterminación. O outro polo é o da CUP, movemento asembleario, urbano e construído durante moitos anos con diferentes actores: ecoloxismo, feminismo, anarquismo, comunismo, movemento okupa..., baixo un enfoque de “revolución da rúa” e un ideoloxema anticapitalista que se matiza continuamente grazas á constante renovación das súas directivas e ao seu pouco apego polo xogo electoral.

A segunda fase prodúcese agora. O pacto de 18 meses para “desconectar” a Catalunya de España tivo, como dixo o ex presidente da Generalitat Artur Mas, consecuencias para ambas as partes, como ocorre en calquera acordo entre diferentes, como xa ocorrera cando fraguara Junts pel Sí. Ambos polos aparcan as contradicións do eixo dereita-esquerda para conseguir as forzas necesarias no tirapuxa no eixo centro-periferia.

Mais a soberanía plena non oculta outros eixos amais do da esquerda-dereita. Pensemos na ideoloxía de Podemos sobre un Estado independente como é España. Os seus fundadores repiten acotío que esa tensión era inútil para conseguir votos e propoñen novos eixos, novas contradicións sociais (indecencia-decencia de Monedero, cidadanía-casta, de Errejón…). Aínda que na práctica os seus formulamentos políticos son de esquerda e gobernan sempre grazas a pactos co PSOE, Podemos considera que cómpre a renovación do pacto social (constitucional), un patriotismo novo que pasa por considerar estratéxicos os servizos públicos, a defensa da cidadanía (consumidores) fronte aos abusos e incluso estimula unha nova tensión periferia-centro en base á política europea, afastada e desinteresada da realidade do sur da UE.

 

Para que o nacionalismo en Galicia?

En Galicia, como nación sen Estado que carece de todos os dereitos colectivos que os nacionalistas pensamos que nos corresponden, tamén se dan esas contradicións co centro. O status legal da lingua galega, inferior ao do castelán; a extracción do aforro galego na Operación Novacaixagalicia, que supuxo na práctica a perda da escasa autonomía bancaria que se fora construíndo (con moitos erros e abusos) desde o 1981; o veto a operacións empresariais para recuperar (ou simplemente non perder) o control estratéxico de sectores como a electricidade ou as telecomunicacións; o deseño de leis que non teñen en conta a nosa pirámide demográfica ou o espallamento poboacional; as normativas sobre industrialización, pesca ou agricultura… A listaxe é ampla. Todos os sectores conscientes padecen esta tensión; os inconscientes tamén a padecen pero non saben atribuíla ao eixo centro-periferia e incluso hai quen pensa que dá igual que a Fenosa sexa galega ou non, que iso é problema dos seus accionistas.

No caso galego, a nosa estrutura social histórica impediu que xurdise con forza unha burguesía industrial galeguista do estilo das catalá e vasca. Pero na identidade do nacionalismo contemporáneo, o interclasismo e a denuncia dos abusos do centralismo foron sinais inequívocos. Malia algúns autoenganos, a ruptura da unidade do BNG non se produciu por factores ideolóxicos nin neste eixo nin no de dereita-esquerda; nin sequera entre reintegracionistas-illacionistas; nin sequera entre solidarios cos presos independentistas; nin sequera entre partidarios e contrarios a colocar a estrela vermella sobre a banda azul da nosa bandeira. A ruptura estivo provocada por un desencontro sobre estratexia política e electoral para conseguir e manter o poder. Martiño Noriega non mudou o seu programa gobernativo cando pasou de militar no Bloque a coliderar Anova.

Mais no futuro, cando se teña que escoller entre a vía de propor que se poida votar por un Estado plurinacional para votar non, como subliñou o analista político Antón Losada o 9 de xaneiro, ou reclamar os dereitos colectivos da periferia fronte ao Estado central, veremos en que eixo se move cadaquén. Recordo cando hai anos unha amiga me quixo aprender a bailar salsa. Eu confundía os pasos e facía todo ao revés. Farta de min, deume por imposible. “Os pasos que a ti che nacen non son de escola de salsa senón de muiñeira”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.