Conciliación ou espectáculo?

As imaxes de Carolina Bescansa chegando ao Congreso co seu bebé de apenas seis meses foron, sen dúbida, as máis polémicas e comentadas dunha semana, a pasada, repletiña de información. Ao longo destes días, homes e mulleres comentamos en medios de comunicación, redes sociais e faladoiros varios acerca da idoneidade, ou non, da decisión da deputada de Podemos de levar ao seu fillo ao seu posto de traballo.

E non serei eu quen a desautorice, posto que, como escoitei e lin nalgúns foros, ela é moi libre de facer o que considere, sobre todo porque ten a sorte de poder facelo (non como moitas outras persoas que non temos esa posibilidade no noso lugar de emprego). Pero, do mesmo xeito que ela ten esa liberdade e exércea como lle place, eu utilizo a miña para opinar e facelo, como ela, publicamente.

Comezarei dicindo que, como norma xeral, non me gusta en absoluto a utilización da imaxe dos e das menores en actividades e espazos que creo que non lles corresponden. Unha cousa é que os nenos e nenas participen do activismo político dos seus pais ou nais ou que mesmo en ocasións as circunstancias obriguen a iso, e outra ben distinta que se instrumentalice a imaxe dun ou unha menor -neste caso un bebé- para ser o centro das miradas e focos.

Tampouco considero acertado que sexa unha muller a que expoña ante as cámaras esa idea tan interiorizada, por desgraza, de muller-nai-coidadora. Porque creo que é contraproducente e contraria a esa loita de moitos anos pola conciliación e, sobre todo, pola corresponsabilidade. E porque, a maiores, o Congreso conta cunha gardería (por non falar da aia que, ao parecer, ten a propia Bescansa -non entrarei noutro tipo de crítica de conciencia de clase para non botar máis leña ao lume- e que agardaba fóra para levar ao bebé despois do espectáculo mediático).

Precisamente esta escola infantil foi tamén criticada por algúns sectores da poboación, cos que podería coincidir, a priori, nesa crítica tan manida nos últimos tempos sobre os privilexios da clase política. Pero, claro, digo eu: se a realidade segue estando lonxe da corresponsabilidade e se as mulleres temos un teito de cristal que nos oprime e impídenos, ou polo menos complica, chegar a alcanzar certos postos de responsabilidade, non é entón unha boa noticia que o Congreso ofreza un servizo de gardería para poder garantir en condicións de igualdade a presenza de mulleres no hemiciclo? Non beneficia fundamentalmente ás mulleres? Non debe servir de exemplo para outras administracións e empresas privadas? A gardería ou o voto telemático son, sen dúbida, dous logros importantes e, aínda que insuficientes e limitados polo seu propio ámbito de actuación, van polo bo camiño desa igualdade que non se pode quedar nunha bonita palabra, senón que ten que ser un obxectivo real.

Pertenzo a un partido que cre e traballa pola conciliación e a corresponsabilidade para todas as nais e pais. E, por iso, nos gobernos socialistas aprobamos o Plan Concilia na Administración, o Plan 0-3 ou a Lei de Dependencia. E, por iso, na pasada lexislatura presentamos unha proposición non de lei sobre a repartición dos coidados e de igualdade salarial entre homes e mulleres que garantan de forma real e efectiva a igualdade tanto na distribución social dos coidados e traballos domésticos como na retribución polo desempeño dun traballo de igual valor. E, por iso, levamos no noso programa electoral un anexo dedicado especificamente á repartición dos tempos e medidas de conciliación e corresponsabilidade.

Todo isto fíxose, e seguirase facendo e defendendo, sen necesidade de postas en escena que si, conseguiron o protagonismo mediático que buscaban, pero que non comparto como muller, como nai e como socialista nin nas formas nin no fondo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.