Por que calamos @s escritor@s?

Leo en La Región que un congreso do Pen Internacional reunirá máis de douscentos escritores de todo o mundo en Ourense no próximo outono. E non dou crédito.

Non teño nada en contra do Centro Pen Galicia, que nunca nada me pediu nin eu a el me presentei, nin contra contra a súa directiva, que nada me debe e ningún mal me fixo. Mais, se ben me alegro de que en Ourense se vaia celebrar un fastuoso evento literario, que aplaudo con vehemencia, outras consideracións, por comparación, me amargan a festa. Polo que creo saber, o Centro Pen é un clube selecto ao que só se entra por convite dunha elite de socios e non mediante un procedemento democrático aberto a todos os cidadáns; que recibe importantes apoios financeiros dos gobernos para eventos e publicacións nunha época de inanición cultural; e que non existe un modo claro de chegar a saber quen pertence a el, nin quen forma a súa directiva, nin cando se renova esta, nin que obxectivos ten, nin de que recursos dispón. Polo que teño ouvido, son menos de 100 membros, mais non coñezo ningún sitio onde poder consultalo na web. É, polo que parece, un clube moi apoiado institucionalmente mais de funcionamento opaco e caprichoso.

Polo contrario, os que pertencemos á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e nos preocupamos por saber do seu funcionamento, sabemos que é unha organización asemblearia que informa puntualmente todos os socios das súas contas e actividades, que convoca periodicamente e conforme os estatutos as pertinentes votacións para mudar a directiva e que dispón dun procedemento debidamente publicitado para que todas as cidadás calculen se serán admitidas no seu seo mediante requisitos obxectivos. Como resulta evidente, inviste unha parte importante dos seus recursos en divulgar as actividades da asociación así como as dos seus membros, con clara vontade de transparencia perante as súas máis de 400 soci@s. Se o cidadán quere coñecer os seus obxectivos e actividades só ten que acudir á súa web e á súa axenda cultural. No entanto, a AELG cada ano que pasa ve mais minguadas as axudas do goberno autonómico, e navega como pode nunha crise que, como xa imos vendo na política de todo o Estado Español, deixa coxos uns e leva en andas outros.

Dicía que non daba crédito a esta situación, e isto é debido a un silencio abafante perante o que semella un moi inxusto reparto dos recursos. Existindo neste pequeno país tantos escritores comprometidos, ecuánimes plumas sempre ávidas para a denuncia, espíritos incorruptíbeis perante o poder, paladíns das causas humanitarias e, na inmensa maioría dos casos, funcionarios ou traballadores que non arriscan o pan con manifestos políticos e protestas públicas, por que calan se saben moito máis ca min daquilo que calquera pode intuír? Será que somos mais mundanos e vaidosos os escritores galegos do que se recoñece, e que no fondo só ansiamos que nos conviden ao mellor evento do ano? Lembro, non hai moito, un día en que non puiden calar, porque me tocou de perto, perante unha deplorábel antoloxía de poesía galega en castelán. Cando non puiden máis, falei aínda que todo o mundo calaba. Só dúas persoas se dirixiron a min: unha, para desculpar os erros do antologador de orixe galega mais de perspectiva mesetaria; outra, para darme a razón, só en privado, pousando a súa man agridoce no meu ombro. Lembro tamén cando Agustín Fernández Paz rexeitou o Premio da Cultura Galega; aí sentín que se aínda existía o meu pobo era por persoas así.

Día tras día vexo como @s mais ousad@s do sistema literario se comprometen con causa xustificada e erguen bandeiras vellas e novas contra a inxustiza. Mais por que, na discriminación que semella sufrir a AELG, calan perante a invisibilización da maioría democrática do seu gremio? Por que baixan as orellas perante o desprezo da súa asociación profesional mentres ven como un clube privado se beneficia de modo se cadra opaco dos recursos públicos? Consenten? Entón todo ben está, e o rei camiña nu mentres todos lle louvamos o traxe.

Estou certo de que estes comentarios meus molestarán a uns, se cadra mesmo a amigos meus, e que outros, como noutra ocasión, tal vez me aplaudirán en privado. Mais as miñas preguntas, se esta situación de pasividade e incerta dignidade se confirma, continuarán cravadas como unha espiña que ninguén quixo extraer, algo incómodo que periodicamente nos increpará en voz baixa frases como estas: “Por que calamos os escritores?”, ou “Con esta atitude, que futuro nos espera?”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.