En Marea polo futuro. Fronte ao negro pasado e a Gran Coalición

Artigo de opinión redactado polas deputadas e deputados de En Marea no Congreso dos Deputados: Alexandra Fernández, Ángela Rodríguez, Antón Gómez-Reino, David Bruzos, Miguel Anxo Fernán-Vello e Yolanda Díaz

O 20 de decembro, 410.698 galegas e galegos deron o seu apoio a En Marea consolidando ao espazo social e político de cambio e ruptura democrática como a alternativa indiscutible ao Partido Popular en Galicia

O 20 de decembro, 410.698 galegas e galegos deron o seu apoio a En Marea consolidando ao espazo social e político de cambio e ruptura democrática como a alternativa indiscutible ao Partido Popular en Galicia. Desde o noso país, e de acordo co mandato popular, defendemos desde esa mesma noite o diálogo para construír unha alternativa de goberno no Estado que, desde a posición de referencia de En Marea e das nosas forzas irmás, aproveite a oportunidade histórica e evite outra gadoupada de Mariano Rajoy ou de calquera outro goberno que poida aspirar a continuar a ofensiva contra as maiorías sociais.

As mulleres e homes que conformamos o espazo de cambio e ruptura no noso país, entre as que estamos as deputadas e deputados de En Marea, sabemos que é preciso rematar cos gobernos austericidas que gobernan contra a maioría social. Sabemos tamén que a esixencia da sociedade comprométenos a dialogar con todos, especialmente, con aqueles que manifestaron a vontade de sumarse á alternativa democrática e ao cambio político e social. Isto obríganos a poñer todo o noso esforzo para que a cidadanía que non quere outros catro anos de políticas de erosión da democracia, de recentralización, de ataques contra o medio natural ou de destrución do Estado do benestar, poida dispoñer desde o goberno do Estado dunha alternativa viable que reforce, desde unha perspectiva plurinacional, a transformación política das institucións iniciada en maio de 2015 tras as eleccións municipais.

O PSOE e Pedro Sánchez teñen que definir se queren ser parte do problema ou parte da solución

Neste contexto, e diante da apertura dunha rolda de diálogo por parte do Secretario Xeral do PSOE Pedro Sánchez, En Marea ten claro o camiño:  democracia económica e xustiza social fronte a alianzas que incorporen máis receitas neoliberais.

En Marea aposta por un goberno en favor do 99%, das maiorías sociais agredidas. O PSOE e Pedro Sánchez teñen que definir se queren ser parte do problema ou parte da solución. Cremos que non deberan iniciar unha manobra para enlear á cidadanía e ás forzas do cambio e a ruptura democrática nunha roda que non conduza a ningures. Hai que escoller: pasado ou futuro. Búnker ou cambio. Continuísmo ou ruptura. Alianza pola democracia, ou calquera modalidade de Gran Coalición que permita que todo siga igual. Ou o PSOE se suma á articulación dun goberno de avance social e democrático ou lidera un goberno continuísta grazas á abstención dun PP inundado de corrupción e á colaboración do “PP 3.0”, é dicir, Ciudadanos (C´s), un partido con caras novas que rende servidume ao IBEX-35 e asume as receitas da Fundación FAES. Non hai posibilidade de construír un goberno social e de progreso coa incorporación de Ciudadanos, a nova dereita neoliberal.

Non hai posibilidade de construír un goberno social e de progreso coa incorporación de Ciudadanos, a nova dereita neoliberal

A nosa man segue tendida para o diálogo. Cómpre saber se o PSOE decide finalmente afastarse da Gran Coalición e permite así que as conversas sobre medidas concretas se materialicen. De ser así, desde En Marea, en sintonía e cooperación cos nosos aliados, na comisión de diálogo da que formamos parte (xunto con Podemos e En Comú Podem) esixiremos, por unha banda, unha axenda que empodere ás clases populares do Estado español a través da atención ás necesidades máis básicas e urxentes en materia socioeconómica, laboral, de vivenda, de dereitos civís e políticos e de igualdade de xénero e, pola outra, poñer os intereses específicos da cidadanía galega no centro das medidas dun futuro goberno de progreso e avance social.

A nosa man segue tendida para o diálogo. Cómpre saber se o PSOE decide finalmente alonxarse da Gran Coalición e permite así que as conversas sobre medidas concretas se materialicen

E farémolo poñendo enriba da mesa cinco eixos, o paquete de propostas Galicia 5P.  Unha man chea para o cambio en Galicia. Unha man que ofrecemos, cos dedos estendidos, situando cinco eixos básicos como coordenadas de calquera diálogo. Cinco medidas fundamentais para a cidadanía galega. Cinco medidas de país que En Marea pon como eixos para calquera camiño por iniciar.

Farémolo poñendo enriba da mesa cinco eixos, o paquete de propostas Galicia 5P.  Unha man chea para o cambio en Galicia

1. Defensa dos recursos e do ben común. Un novo modelo produtivo que defenda a economía real e os recursos propios. Unha vertebración e mobilidade no país con criterios de racionalidade e sostibilidade real.

2. Estado social, temos dereito. Un sistema que conte con servizos sociais debidamente financiados segundo as especificidades demográficas e de distribución da poboación galega. Un plan de rescate cidadán que atenda a situación de emerxencia social: blindar o dereito á vivenda, garantir alternativa habitacional para mulleres en situación de violencia machista, acabar coa pobreza enerxética, acabar co copago sanitario e garantir a universalización da sanidade.

3. Rescatar a democracia. Unha administración aberta, transparente e baixo control democrático como mecanismo para rematar coa corrupción como problema estrutural. Un goberno que vele pola democracia. E por unha xustiza xusta. Con recursos e para todas igual.

4. Unha Galicia de dereitos. Soberanía popular e cultural. Institucións e medidas que garantan o dereito á cultura e á promoción da lingua galega como parte do proxecto de país e sociedade culta e avanzada que queremos construír entre iguais. Desde a asunción da  plurinacionalidade como elemento clave na relación e estruturación territorial estatal.

Catro cuestións urxentes a solventar: Derrogación da prórroga de ENCE. Nova lei de financiamento local. Novo acordo lácteo. E renegociación dos criterios de reparto de cota pesqueira

5. O inmediato Un último eixo, con catro cuestións urxentes a solventar. Derrogación da prórroga de ENCE. Nova lei de financiamento local. Novo acordo lácteo que incorpore as demandas dos gandeiros e gandeiras galegas en materia de prezos recoñecendo o peso específico do sector lácteo galego no conxunto do Estado. E renegociación dos criterios de reparto de cota pesqueira no Estado atendendo e solventando as demandas do sector do cerco galego.

Baixo estes cinco eixos estamos abertas ao diálogo para un goberno de cambio ao servizo das maiorías sociais. Fronte a quen quere vivir no pasado, na Gran Coalición, toca decidir onde estar nos tempos que veñen. En Marea está por un futuro onde todo mude. Un futuro de democracia e igualdade. Un futuro de soberanía e un goberno desde e para as maiorías sociais.

Fronte a quen quere vivir no pasado, na Gran Coalición, toca decidir onde estar nos tempos que veñen. En Marea está por un futuro onde todo mude

Galicia. Febreiro de 2016.

Alexandra Fernandez, Ángela Rodriguez, Antón Gómez-Reino, David Bruzos, Miguel Anxa Fernán-Vello, Yolanda Díaz.

Grupo parlamentario En Marea.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.